Onde hai unha vontade hai un camiño
Así expresa un vello proverbio alemán "wo ein wille ist, ist auch ein weg" a importancia da determinación humana, da determinación dos pobos para construír o seu propio futuro.
Sen dúbida o proverbio é de acaída aplicación á situación do BNG e a necesaria implicación de todos e todas na posta en marcha das propostas aprobadas na XIII Asemblea Nacional para dar resposta ao acelerado deterioro das condicións de vida da maioría dos galegos e galegas como consecuencia das políticas económicas e sociais que o PP está aplicando na Xunta de Galiza e agora no Goberno Central.
O BNG non só non perdeu razón de ser senón que no contexto no que vivimos faise imprescindíbel para facerlle fronte a estas políticas dende unha óptica galega.
Temos a oportunidade de poñer de manifesto o fracaso político das políticas practicadas polo goberno de Feixóo e demostrar que a situación de Galiza é o mellor exemplo do deterioro económico e social que estas políticas conlevan. Fracaso na dinamización económica na loita contra o paro, no mantemento dunha Caixa de Aforros galega, na calidade dos servizos públicos, no control do endebedamento da Xunta de Galiza. Cada vez son máis os sectores agredidos por estas políticas que expresan o seu descontento e esixen outras políticas alternativas.
O BNG ten propostas, ten alternativas que contan coas aspiracións dunha saída galega a crise con mais autogoberno, con mais democracia, cunha economía baseada nos sectores produtivos, cunha política fiscal progresiva e mais xusta, cunha banca pública que facilite o crédito, cunha racionalización da administración que suprima as Deputacións Provinciais, cunha política que priorice o gasto social, o mantemento dos servizos públicos e a inversión para activar o consumo, cunha política que impida a precarización do emprego e as condicións laborais...
,En definitiva o BNG, na rúa coa mobilización social e nas institucións, está poñendo de manifesto que hai alternativa ás políticas de dereita que nestes anos de Goberno Feijoo e nestes meses de Rajoy teñen sido tan negativas para Galiza.
Hai razóns para a esperanza e non van ser todos días de viño e rosas para o PP se somos activos socialmente e dinfundimos as nosas propostas cos traballadores, cos estudantes, cos empregados públicos, cos comerciantes, coa sociedade galega que vive con preocupación o seu futuro.
Milleiros de galegos e galegas séntense orgullosos de contar cunha forza nacionalista como o BNG e confían en nós para facerlle fronte a grave situacións económica e social que padecemos.
Non os defraudaremos se con vontade e sentindo as cores do equipo, cóbado a cóbado, facemos camiño.