Ollando máis alá do noso propio embigo

No tempo no que levo abordando o meu compromiso por materializar e trasladarvos unha serie de breves reflexións acerca de diversas cuestións referidas á esfera internacional, preferentemente relacionadas co mundo arábico e, en particular, co conflito pola descolonización pendente do Sahara Occidental, cheguei a pensar, en máis dunha ocasión, que a miña tarefa se desenvolvía a xeito dun exercicio de prestidixitación no que os argumentos articulados ocultaban os "trucos" do oficio e permitían sorprender e inquietar ao respectable tan só pola súa materialización e resultados. Á hora de tecer e entretecer acontecementos e argumentos, buscando poñer de manifesto intencións e estratexias silenciadas, insistindo na contradición entre o que se fai e o que se di, entre os plans formulados e os intereses ocultos, entre a saturación e os silencios informativos, entre a exposición dos criterios politicamente correctos e a análise polémica e non dogmática, crin botar en falta unha información complementaria que lle dese referencias aos hipotéticos lectores e lectoras sobre presupostos e procedementos que constitúen as bases do razoamento e que poucas veces chegan a explicitarse.
Ben sei, son consciente diso, que á hora de intentar compartir este exercicio introspectivo me enfronto cun dobre perigo. Por unha parte, o que derivaría de que, ao exhibir o meu instrumental analítico, se puxesen de manifesto certezas e conviccións que exhibisen unhas nudeces que, á miña idade, poden ser máis desafortunadamente procaces que incitadoras e se evidenciasen opinións que -nesta sociedade líquida na que nos movemos (en palabras emprestadas por Zygmunt Bauman )- me afundan e sepulten no máis fondo ata afogar a miña voz. Por outro lado, o de facer que diminúa o escaso número dos meus cómplices, ao propoñerlles unha reflexión acerca da nosa forma de entender e capacidade de decisión que non sobre o noso quefacer e actuar. Con todo, son dos que propugnan que non é conveniente o exercicio da acción sen reflexión, que é a que pode outorgar a fortaleza á convicción, e non me considero excesivamente medroso.
Pódese mirar ao mundo exterior dende un país periférico e pouco relevante ou nosa condición dependente e exterior esíxenos mirar só para nós mesmos? Confeso non ter unha resposta que provoque un consenso unánime pero se son dos que creen que ata as nacións pequenas e con escasa conciencia de si mesmas, como a nosa, teñen a esixencia, máis ben a necesidade, de proxectar a súa mirada cara ao exterior como parte da súa propia experiencia, e non tanto como o resultado, imposto, dunha necesidade de asegurar un futuro negado pola propia terra como en función da vontade, asumida, de construír unha visión máis complexa do mundo na que o estranxeiro e aparentemente estraño nos axude a entender e valorizar o propio, máis alá de complexos seculares. Coñecer acerca da humanidade do alleo permite resituar a nosa estimación daquilo que somos individual e socialmente.,Ese entendemento levoume, na miña vida, a non encerrar as miñas curiosidades no ámbito do máis próximo e coñecido, talvez a dispersarme; pero tamén a concentrarme na estimación da capacidade de autoafirmación e supervivencia dos desherdados ou excluídos do mundo e a defensa das súas respectivas identidades. Talvez por pensar que o nacionalismo galego non era verdadeiramente factible nun contexto triunfal de nacións enriquecidas e burguesías triunfantes. E é que esa non foi nunca a nosa historia malia o esforzo de todos os nosos entusiasmados apoloxistas.
Sobre a base diso quixera salientar, como unha das nosas múltiples carencias por abordar, a escasa sensibilidade e atención que lle outorgamos á necesaria formación dos nosos futuros profesionais no ámbito das problemáticas internacionais e a abordaxe das estratexias propias e alleas nun contexto globalizado. Preocupacións que parecerían máis propias dos estados e, nun sentido aínda máis restrinxido, das potencias con vontade hexemónica a nivel mundial. E con iso non me refiro tanto ao estudo das Relacións Internacionais, programado xa como máster na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago dende o ano 2009, canto á preparación de especialistas dotados dunha concienciuda preparación e con verdadeira experiencia nos diferentes contextos internacionais.
Para nada sorprende que no referido máster aparezan materias referidas á Unión Europea (resabios de soñadas soberanías en declive?) ou a escasa importancia que nel se lle outorga ás diferentes linguas ou á consideración das cuestións históricas ou socioculturais. Unha concepción que non deixa de evidenciar unha orientación deste tipo de estudos, a usual, cara á xestión e a representación das diferentes políticas exteriores máis que á busca dunhas vías de relación e á potenciación da creación de verdadeiros mediadores a nivel internacional. Uns intermediarios dotados con capacidade de interlocución e interrelación, cuxa capacitación, para ser verdadeiramente efectiva, tería que contemplar a especialización por áreas culturais definidas que posibiliten lograr un coñecemento que axude a abrir camiños á par de potenciar o noso entendemento do que nos é estraño. Nada menos útil que un especialista no todo que non un xeralista.
A súa formación, establecida a partir dunha imprescindible base lingüística, debería de abordarse de forma teórico-práctica, potenciada mediante prolongadas estanzas activas no seo das sociedades de referencia. Algo bastante afastado do que hoxe se entende como unha orientación básica cara á actividade diplomática ou o labor de promoción ao servizo de calquera empresa con vontade expansiva e suficiente ambición por ampliar a súa cota de mercado. Os mediadores, se é o caso, poderían ser analistas, documentalistas, informantes, interlocutores, intercesores, negociadores dende unha posición de proximidade e respecto, no marco dunha efectiva intercomunicación que non dunha simple relación. Xa que a actual configuración do mundo non esixe tanto de embaixadores que nos representen como de axentes que nos acompañen, presenten e asesoren. Un labor que non se remite tan só ao ámbito político, do dereito ou da economía, senón tamén ao da cooperación e o asesoramento, á canalización de apoios públicos e cívicos, á sensibilización e asunción de problemáticas relativas á interculturalidade ou consecuencia da hibridación. E que precisa de múltiples calidades específicas como a posesión dunha capacidade mental ampla e aberta, a utilización do entendemento en forma complexa e pluridisciplinar, a construción de enfoques creativos e rigorosamente analíticos, a capacidade e a flexibilidade para o diálogo e a intercomunicación. Ferramentas indispensables todas elas para unha boa utilización dos coñecementos de carácter académico.
Unha tarefa e unhas posibilidades que non teñen por que ser exclusivas dos estados ou privativas da función pública ou a empresa. E sobre a que, aqueles pobos que contan pouco ou nada no panorama político internacional como o noso, inmersos nun contexto globalizado, terían moito que ensinar se se lles esquecesen as súas querencias provincianas e a súa exaltación do valor do propio a partir do simple descoñecemento do alleo. E que non baseasen o seu labor nunha mera utilización interesada da diáspora dispersa polo mundo senón na afirmación dunha colectividade real, hoxe dispersa e desestructurada.
Dende a miña convicción de galego universal e da miña implicación política na defensa da nosa identidade societaria como nacionalista, non deixo de observar con manifesta inquietude que nos preocupemos tanto na defensa dos nosos respectivos marcos de propiedade e na determinación dos nosos sinais de identidade e pureza, implicados en falsos debates enchidos de personalismos e rancores, como para que se nos esqueza o definir estratexias acerca das necesidades efectivas dunha sociedade menosprezada e en situación de afirmarse, cuxo porvir só pode construírse cos ollos abertos ao mundo.
Xa vedes... case que conseguira concluír sen comentarvos o denigrante papel da Presidenta da Comisión de Pesca da Unión Europea, Carmen Fraga, a favor da política exterior marroquí, dos intereses dos armadores españois… e dos pescadores?; e en detrimento da consideración colectiva e do creto cara ó exterior dunha sociedade galega á que tamén debería de aspirar a representar, aínda que de feito non o faga, en Europa.