Ola, ditadura. Tres consellos para sobrevivir e facer camiño

Os acontecementos de 2017 colócannos nun escenario novidoso e complexo. Non fará falta prodigarse demasiado en explicalo: o ano que rematou reinaugurou a categoría do exiliado e mudou a tipoloxía dos presos políticos, que agora levan traxe e gravata e son cargos eleitos. Agora sabemos que o estado é perfectamente capaz de mallar sen piedade non en alborotadores, senón en xente corrente por levar un voto na man. Agora sabemos que os medios de comunicación masiva poden transmutarse nun coro monocorde onde os titulares se retorcen até o ridículo, eliminando toda pluralidade informativa e debuxando un panorama aínda máis desolador que o dos últimos anos do franquismo. Dous mil dezasete ispe Europa, impasíbel ante a falla democrática nun dos seus membros destacados, e perfila un Estado a cabalo entre o autoritario e unha certa permisividade, quizá residual se prevemos que a partir de agora todo o que se mova vai cheirar –outra vez!- a ruso.
Sería enganarnos a nós mesmos negar que a ofensiva ideolóxica do réxime calou fondamente na sociedade e nas nosas vidas. O ano que pasou ensinounos o significado da palabra cuñadismo e fíxonos, por exemplo, ter que expulsar do noso círculo dixital de amigos a persoas que dun día para outro comezaron a apoiar impudicamente solucións violentas para problemas políticos, tan moderadas, sensatas e afábeis que tales amizades parecían.
Mais pese a este panorama no meu ánimo non entra, declaro, un ápice de catastrofismo. Noutras peores temos estado e se algo nos caracteriza como galegas é o saber resistir e incluso, en ocasións, facelo con nota. Se eu tivese que trazar unhas poucas liñas básicas para enfrontar o futuro inmediato, recomendaría o seguinte:
Hixienízate mentalmente. Os medios escritos non nos serven pero están aí omnipresentes. A súa deformación grotesca é síntoma do seu medo. Aprende novamente a ler entre liñas, construíndo a intención do deformador antes que o contido da noticia. Diversifica as fontes das que bebes a realidade que che contan. Será o inestábel e infinito universo dixital, onde se mesturan a información máis independente e manipulación máis planificada, capaz de representar unha alternativa real e efectiva ao discurso abafante do poder? Verémolo nos próximos anos.
Actívate vitalmente e constrúe realidade. O voluntarismo non é unha opción, é unha obriga. Se na túa vila non hai oferta cultural digna de tal nome, encétaa ti. Se na túa parroquia non existe movimento veciñal, procura ti inicialo. Engánchate ao que hai xa feito se é bo. Incluso nas peores circunstancias, temos en Galiza unha riqueza cultural vibrante da que podes ser artífice ou canle. Labra o teu aradiño de pau e dálle estrea. A pirámide populacional é a que é, o cal obríganos aos máis vellos a parecer mais novos e aos mais novos a exercer.
Reivindícate como persoa e como pobo. Para algunhas cousas somos un desastre, mais moitas outras sabemos facelas ben. Estarmos vivos é a proba. Un exemplo inmediato: as Anas, Pontón e Miranda, son mulleres que están a escribir nestes días unha das páxinas máis notábeis da historia do nacionalismo galego. A primeira por liderar de facto a oposición desde unha posición de febleza numérica; a segunda por demostrar que en cuestión de representación externa do País vale máis un terzo de deputada que dúas ducias deles a tempo completo, confundidos entre a multitude.
Os pobos non sempre son masas de xentes que ocupan mansamente o lugar que lles reservan as estruturas intocábeis do sistema. Dous mil dezasete lembrounos que en ocasións os pobos son capaces de demostrarse como entes colectivos pensantes e latexantes que, igual que as persoas, poden facer moito ruído cando deciden non se axeitaren aos moldes que lles veñen dados.