Ofrenda a Prisciliano de Galiza, herexe e mártir do imperialismo, no día da Patria Galega

Ofrenda a Prisciliano de Galiza, herexe e mártir do imperialismo, no día da Patria Galega

Señor Prisciliano, descabezado polo emperador Máximo en Tréveris: Non sei ben onde están os teus restos mortais, aínda que teño certas sospeitas. Tanto ten pois non se trata de venerar tumbas senón loitas. Agora neste amencer do día da Patria sobre a Ría fago ofrenda dunha Galiza tantas veces decapitada polo imperio, e tantas veces ergueita no corazón das mulleres e homes da nosa terra. Non é mais que un símbolo, coma ti, irmán Prisciliano, que andabas descalzo polas nosas fragas, e falabas coas fontes e lías nas nubes e tiñas as mulleres por igual.

O primeiro que che quero ofrecer neste día, é un picariño, meu veciño de tres anos, de nome Xoel, que fala galego. Nestes tempos de desprezos fixeron seus pais mozos opción de amor á lingua. En Xoel, rodeado de voces españolas, soñamos esperanza.

Tamén aos mozos de DROSERA, que andan por aquí coidando dos morcegos da Galiza, defendendo espazos sagrados, mesmo mercando unha tomada para protexer os pipistrellus, e nos aprenden que no país temos morcegos rabudos, orelludos, bigotudos, rateiros... todos nosos e están ameazados, como a lingua.(http://www.morcegosdegalicia.org/).

Como non, a toda a xente de QUEREMOS GALEGO, que gran exemplo! Que dignidade! Agromaron coma cogomelos en cada recuncho do país e encheron Compostela cunha única e harmoniosa voz en defensa da nosa lingua.

Os amigos de Vieiros, que hoxe pechan o primeiro portal galego, tras quince anos de andaina libre e necesaria. Venceu o capital, de momento.

A reserva pesqueira do mar de Lira, exemplo de intelixencia e aposta de futuro, fronte aos dinamiteiros e esgotadores do noso mar.

A Rosalía. Recordóunolo o outro día María Pilar García Negro en Ortigueira: ela foi a túa vinganza, a vinganza soñada por séculos: Prisciliano, entendido coma símbolo rebelde, ceibe recobrou voz na muller forte e valente que denunciou o eterno caciqueo colaborador das españas. Canonizou tamén os ríos, as fontes, os regatos pequenos, a herbiña do camposanto... Negáronlle funerais e resucitouna o pobo galego! De novo quixeron secuestrala pechando as portas do Panteón (os homes matan aquilo que aman , Oscar Wilde dixit)

A tropa de A MESA, incansable compaña que se lle aparece en soños aos deturpadores da fala e da identidade propia da nosa nación.

A Mini a Mero e a Quenlla, voz da memoria histórica, memoria xamais esquecida, viva desde Aranga ata a illa de San Simón. Con tantos anos de entrega xenerosa e coherente, habería que poñelos coa zanfoña e as barbas no Pórtico da Gloria.

En fin, irmán Prisciliano, símbolo necesario que dixo Pérez Prieto, non pido que nos libres das pestes, nin dos ratos, nin da crise, nin da desunión e todos esas bechos malos... con xentes como estas habemos librarnos nós soliños, o imperio non ha cortar a nosa testa. Vai so un ramallo de iniciativas e persoas, hoxe acordeime destes, entre tantos que hai nesta Patria Verde e que non me caben, de tanto amor que teñen por Galiza. Mentres hai quen quere vendela, estes nosos amigos, agasallan cada día un anaco de país en cada aperta. Pois iso. Viva Galiza por sempre!