Ofensas e Odios: Caen as máscaras e o entroido continúa

Ofensas e Odios: Caen as máscaras e o entroido continúa


As primeiras noticias que me chegan sobre o pregón de Carlos Santiago e o rebumbio xerado polas súas palabras non me pareceron que mereceran moito máis comentario que inscribilo dentro das lóxicas consecuencias de facer humor intelixente: non se pode agardar que os parvos o entendan.

Mais o intento de sobredimensionar isto e a chamada a actos de desagravio á Virxen e ao Apóstolo, unido ao feito de que non se trata dun caso illado (lembremos recentes condenas xudiciais) lévame a tratar este asunto neste artigo.

Non escoitei o pregón nin penso facelo para xulgar que o problema non é o que Carlos dixera, que seguramente foi enxeñoso e magnífico, crítico e comprometido, profundo e retranqueiro. Porque coñezo a Carlos desde hai máis de 30 anos e non podo esperar outra cousa del, mais, sobre todo, porque esa non é a cuestión. Por moi grave que fosen as súas ofensas á “Pilarica” ou ao “Matamouros” non é quen de chegar -por moito que se esforce- ás proferidas por estas personaxes reais ou imaxinarias -que para o caso dá o mesmo- contra os seres humanos (estes si exclusivamente reais) que historicamente veñen padecendo nas súas carnes o seu fanatismo. Santiago, non o noso (que dicía Castelao) senón o deles, o que a cabalo exterminaba aos que pensan diferente, aos “sen deus”, aos da “antiespaña”, encarna unha igrexa oficial que sacou as súas cinzas en procesión por última vez para pedir a Deus polo trunfo do fascismo. O Santiago á quen prorrogou o Papa excepcionalmente o ano santo en plena guerra para seguir servindo de cobertura doutrinal aos crimes que se estaban a cometer. Non só dando a bendición senón empuxando activamente aos cregos a que fixesen de delatores ou directamente de asasinos para arrincar de vez as malas herbas que estaban a empezoñar -segundo o seu xuízo- a alma inmortal da súa España. Non hai que remontarse a inquisición para que esta Igrexa que agora pide ser desagraviada amosase o seu auténtico rostro, depurando do ensino e da administración a todo aquel que non amosase a súa adhesión fervorosa. Impoñendo a súa moralidade a toda a sociedade independentemente da súa confesión ou falta dela. E non me refiro ao Franquismo que se despacha coa imaxe do Santiago Matacomunistas que o Arcebispo compostelán Tomás Muñiz de Pablos inspirou na igrexa do seu onubense pobo natal. Abondaría un retrato desta sinistra personaxe co brazo en alto, á beira de Franco, baixo palio, para describir o papel da igrexa nese momento. O problema é que este pasado non se quedou no pasado. O problema é que o botín acadado pola súa participación nesta masacre é gozado hoxe sen pudor. E así como continuamente andan a beatificar aos “caídos” do seu bando (curiosamente non lembran aos cregos comprometidos coa causa da democracia) son os primeiros en decretar que hai que esquecer e non andar a remexer nesas cousas. Mais é comprensíbel que quen tantos crimes cometeu polos que nunca pediu perdón agora reclame para si o desagravio. Alá eles. O que non podemos aceptar é que se siga usando o Estado ao seu servizo e que se prohiba e persiga a súa critica como se fose un ataque a un determinado colectivo particular que andan ao seu, sen meterse no demais.

,Isto é, xa non cola iso que dixo o crego sobre os símbolos fascistas que engalanan á fachada da súa igrexa rendendo homenaxe aos asasinos: “iso é cousa do poder civil”. Porque aquí a separación da Igrexa e o Estado non se dá, entre outras cousas, porque a Igrexa non quere. E se quere ser Estado, que non diga que non se mete en política. E si se mete... que non se queixe. Cando a dereita se escandaliza porque a esquerda, por tradición laica, se solidarice coas confesións minoritarias, nomeadamente cos musulmáns, non entende nada ou non quere entender que a liberdade relixiosa é precisamente unha das razóns polas que historicamente se enfrontou o catolicismo no Estado Español. Precisamente cando trunfou o nacional catolicismo é cando se acabou coa pouca liberdade relixiosa que puidera haber. Aí xa unha determinada relixión pasou a ser obrigatoria e non hai nada máis absurdo que obrigar a crer pola forza.

Non digo que a Igrexa Católica, como calquera grupo ideolóxico, non poida dar a súa opinión sobre o común. As veces é de agardar que a dea, e sorprende o seu silencio: véxase o decepciónante da igrexa catalá sobre os presos políticos do seu país. “Canes mudos” diría o cardeal primado Isidro Gomá. O caso é que vivimos tempos convulsos onde se está, efectivamente, a agraviar a moita xente. Non a esculturas de mármore senón a persoas físicas que son encarceradas ou perseguidas polas súas ideas. Podíamos tamén amosar a nosa indignación por como colgaron en Xinzo a figura de Carles Puigdemont durante o entroido ou como no desfile de Verín se mofaban deste e do independentismo catalán (que nas tendas de disfraces estaba a súa indumentaria á beira da dos indios e demais colectivos ridiculizados). A cuestión é que a Igrexa a que pretende que o Estado traballe para ela e recupere o delito de blasfemia (hoxe chamado “ofensa aos sentimentos relixiosos”) nun momento onde está a conformarse unha naturalización do odio aos débiles que si resulta perigoso non só contra símbolos senón contra a integridade física das persoas. E a Igrexa, outra volta, ponse do lado dos poderosos. Se Cristo levantase a cabeza... O caso é que coa perversión da linguaxe pretende salvarse de pasar por democráticas as vellas prácticas autoritarias de toda a vida. É o colmo que os delitos de odio que se reivindicaron para protexer as minorías sexan utilizadas para perseguir a estas fronte á policía e outros colectivos que pouco teñen de asoballados.

O entroido historicamente serviu para que os oprimidos tiveran un respiro, puideran ao menos ter uns días nos que desafogarse e botar fóra a súa frustración polas derrotas que unha e outra vez nos infrinxen os poderosos. E agora nin sequera nos queren deixar iso?