Oda a Wall Street’s Bull
Alá na década dos anos cincuenta, sendo neno, recordo como na miña aldea nestes tempos de fin de ano, no mes morto que seguimos a dicir aínda, os cochos de ceba eran alimentados diariamente coa comida que se lles preparaba nun caldeiro de grandes proporcións. Nel mesturábanse remolacha, nabos, patacas, castañas, grans de centeo, farelo e auga. Habitualmente eramos os nenos os encargados de manter o lume para que estes ingredientes cocesen durante o tempo necesario para despois distribuírllelos aos animais en varias comidas ao día. Nada mais ulir a encaldada, os cochos seguían na súa corte con avidez e gruñidos os pasos da persoa que portaba os baldes co alimento aínda quente en dirección á maseira arredor da que se dispuñan para engulilo con fruición e compulsiva apetencia. Comían e comían felices mentres eu reflexionaba no destino que os agardaba poucos días despois cando serían acoitelados con motivo da matanza. Aqueles cochos inconscientes, pensaba eu, vivían felices até a véspera da súa morte en que eran condenados ao xaxún para que comparecesen no fatídico momento co aparello dixestivo baleiro.
Pasados os anos da infancia, na miña xuventude, cando lin a novela de Orwel na que os cochos constitúen a alegoría do poder dominante baseado no uso da forza e da violencia que se exerce contra a poboación inerme a través da mentira e da corrupción xeneralizada, non entendín que o autor escollese precisamente estes animais para identificalos co órgano central do poder da ditadura stalinista. Aquela imaxe que eu tiña destes pobres e indefensos animais, criados desde o nacemento até a súa morte para convertérense en servil alimento dos humanos, non encaixaba coa alegoría satírica que deles presenta Orwel ao identificalos coa clase dominante e manipuladora das masas. Pola contra, para min os cochos reúnen máis ben os trazos que os identifican no bestiario actual coas clases explotadas pola voracidade do sistema capitalista.
Toda sociedade crea alegorías para soster a armazón do seu sistema. Durante miles de anos, a Humanidade recorreu á divindade para fundamentar estruturas baseadas na explotación da maioría polas minorías reitoras da orde imposta e, á súa vez, creou tamén temerosos monstros inimigos desa harmoniosa estrutura como expresión da maldade suprema. Enfrontados á omnipotencia de Deus e do sistema sitúanse Satán, Leviatán, Marx e outras múltiples encarnacións da perversidade, que serven para xustificar o exercicio do poder en aras da “paz social e do progreso colectivo”.
Convertidas a economía e as finanzas en valores absolutos, créanse novas alegorías que identifican este poder. E o animal ao que se recorre para esta representación non é o cocho senón o touro. Por iso, unha escultura súa foi colocada en Nova York a escasos metros do edificio da bolsa de Wall Setreet, unha impresionante figura de bronce pulido de tres toneladas de peso e de case cinco metros de envergadura. Este bravo animal expresa alí a forza incontida que turra ferozmente contra quen ousa facerlle fronte e representa o poder reverenciado do mercado de valores en que se apoia o sistema que nos converte nos seus servidores-consumidores. As forzas deste animal esténdese por todas partes na defensa deste impulso centrípeto a través dos múltiples mecanismos que supeditan as condutas humanas á consecución de beneficios. Esporeados polo Gran Touro, asentado hoxe no sur de Manhattan e descendente daqueloutro becerro dourado bíblico, os reitores deste sistema, como lles sucedera aos compañeiros de Ulises enmeigados por Circe, pretenden que nos transformemos en cochos devoradores dos produtos que nos serven diariamente na maseira na procura da ceba ideal da que eles engordarán. Engulamos con avidez os baldes da encaldada que nos ofrece o mercado, acudamos decontado ás ofertas do black friday e, pouco despois, ás compras de Nadal e ás rebaixas de xaneiro, realicemos os pagamentos co cartón de crédito...
Ah, iso si! Respectemos as normas de comportamento impostas para que nos sigan botando de comer as racións diariamente. Non se nos ocorra subverter nin lixeiramente os principios vixentes porque ese tipo de actitudes destruiría a orde social e, como consecuencia, frearíase a produción, minguaría o tráfico económico e resentiríanse as bases do sistema.
Cumpramos escrupulosamente os prazos de vencemento dos créditos que nos concederon coa hipoteca da nosa vida se non queremos que nos aconteza o que lle pasou a Sonia, unha muller da contorna da Coruña que, hai uns días, foi desaloxada da súa vivenda por impagamento de catro cotas dun préstamo hipotecario. O xuíz, digno servidor do Gran Touro, malia na súa resolución recoñecer o carácter abusivo dunha cláusula de vencemento anticipado, conclúe a continuación que debe proseguir a execución alegando que a nulidade da cláusula non sempre ten por que conducir ao sobresemento da execución e que a protección de persoas determinadas tería como consecuencia paradoxal a restrición do acceso ao crédito hipotecario e, como consecuencia, estaríase impedindo a adquisición de vivenda en propiedade por parte da maioría dos consumidores. Para que os bancos sigan operando como veñen facendo, os intereses das persoas concretas, neste caso os desta muller e da súa filla menor, deben someterse aos intereses do inxusto sistema bancario e perder os seus dereitos para convertérense en consumidores identificados como clientes necesarios capaces de incrementar os beneficios do mercado de valores.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.