Obrigadas, obrigados
Transcorridos a penas tres meses desde a aparición diaria en formato dixital do máis lonxevo cabezallo da prensa nacionalista, a Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas quere achegarvos a todos vos o noso agradecemento por facer posíbel que este medio non sexa só unha realidade senón mesmo unha referencia no campo do nacionalismo.
Obrigadas e obrigados aos nosos e as nosas colaboradoras que puntualmente achegan os seus artigos conscientes da necesidade de dotar ao nacionalismo dun arsenal ideolóxico que lle permita dar respostas no momento actual. Obrigadas e obrigados de xeito moi especial ás nosas lectoras e lectores, pola súa fidelidade, pero tamén por entender este dixital como algo propio, cuestión que nos demostran día si e día tamén coas súas suxestións.
Merece a nosa particular atención o grande seguimento que o Terra e Tempo Dixital ten acadado no ámbito das redes sociais tendo superado neste curto período os máis de 3000 seareiros e chegando ao tope dos 5000 amigos no Facebok. Neste sentido queremos pregar as case 1000 persoas que nos teñen solicitado amizade no Facebok e que por razóns técnicas (Ao ter un tope de número de amigas e amigos), alleas a nós, non podemos admitir como tais, que procedan a facerse siareiros.
Non imos reiterar aquí os obxectivos que anima esta nova andaina dixital do Terra e Tempo Dixital, exposta xa no seu primeiro número. Sabede, iso si, que este medio vai seguir a ser un espazo para a análise, non para abstración, facendo bo aquel vello principio fundacional de que a nosa é unha reflexión para a acción. Seguide sabendo, que este é un instrumento para o debate, para a confrontación ideolóxica porque é o conflicto o que permite avances sociais, pero desde a consideración que o problema do nacionalismo é Galiza, nunca os nacionalistas. Podedes ter certo, que esta é unha ferramenta para a formación e información de nós e sobre nós, porque nada nos é alleo e fícanos un mundo enteiro -Galiza- por coñecer e aprender.
Queremos seguir contando con vos porque queremos seguir sendo útiles a Galiza, queremos que cada día máis galegos e galegas teñan como seu o Terra e Tempo Dixital, porque o Terra e Tempo non é patrimonio de máis ninguén que do pobo galego, queremos, en definitiva, seguir abrindo camiños, dar folgos, empuxar dunha patria empeñada restaurar a súa soberanía.