O XIII Congreso da UPG, unha lección de democracia e amor á terra

O XIII Congreso da UPG, unha lección de democracia e amor á terra

Despois de asistir, en calidade de invitado, ao XIII Congreso da UPG, sentín a necesidade de escribir algo en Terra e Tempo sobre o que alí se fixo e se viviu; pero o meu compromiso coa dirección deste xornal é facer un artigo que saia o día 9 de cada mes, polo que tiven que demorar tres semanas a publicación. Realmente, pouco importa o tempo transcorrido, pois nin a UPG, próxima ao medio século de existencia, nin a frescura das súas ideas, traballadas e asumidas por toda a militancia aquel pasado 17 de xuño, teñen data de caducidade.

A UPG, partido cunha doutrina solidamente alicerzada na teoría marxista-leninista, aplicada, sen perda da ortodoxia, á concreta situación mundial do século XXI e, máis concretamente, á crise na que o capitalismo sen adxectivos, o de sempre, nos está a afundir cada vez máis fondo, debateu neste congreso unha serie de teses que deberan de ser lidas e consideradas por todos os que realmente, lonxe de prexuízos, anhelen unha saída ao estado de cousas actual.

Nun artigo anterior, falei da dificultade que moita xente de esquerdas ten para comprender que se poida ser marxista e nacionalista a un tempo. Teño conversado sobre isto, demoradamente, co amigo e compañeiro de departamento Lois Obelleiro, comentándome el a imposibilidade de transmitir algo tan sinxelo aos seus interlocutores andaluces, cando a súa estadía de perda de tempo, eufemisticamente chamada de “servizo a España”, naquelas terras do sur. Tanto el coma min, pola nosa formación e profesión, sabiamos ben que os marxistas, alá nos inicios do pasado século, non acreditaban que puidese chegar a se producir unha conflagración mundial, pois os obreiros dun país nunca loitarían contra os seus irmáns doutro. A Grande Guerra demostrou que os mineiros alemáns loitaron en Verdún contra os ferroviarios franceses. Ben sabemos que a ideoloxía pode ser común; pero a terra tira, e o sentimento da terra ten unha forza telúrica impresionante.

En 1870, cando tivo lugar a guerra entre Francia e Prusia, o grande científico Pasteur devolveu as distincións e diplomas que Prusia lle tiña concedido, indicando na carta de devolución: “A ciencia non ten patria, pero os científicos si”. El era e sentíase francés, antes que investigador e merecedor de premios internacionais. Para que logo veñan os paifocos e lle digan a Pasteur que hai que ser cidadáns do mundo. Os que non aceptan ou din non entender que se poida ser marxista e nacionalista, deberían, amais de coñecer a historia, ler as obras de Lenin e procurar nelas o que este grande político falaba sobre os distintos pobos. Pero a xente móvese por slogans, por asertos e lugares comúns, sen se parar a reflexionar sobre eles. E así estamos fartos de oír que a UPG é un partido totalitario, trasnoitado, fóra da realidade e manipulado por catro vellos carcas aos que chaman coroneis. Tentan facer así unha comparación ridiculizante coa nomenclatura e o peor do aparato soviético na súa fase de descomposición, o cal, á súa vez, se aproveita para equiparar coa doutrina, tan distinta, de don Carlos Marx. Son os mesmos que din que Marx, no Capital, escribiu cousas como que os proletarios tiñan que se axuntar. Non foron quen de ler as brevísimas páxinas do Manifesto Comunista e ousan citar a eito e erradamente o voluminoso e complexo tratado de economía que lles caería das mans, se tentasen lelo.

Certamente, a UPG é un partido marxista e leninista que loita polos dereitos do pobo galego, ao que pertence, e, por lóxica solidaria, polos de tódolos pobos oprimidos e polas nacións sen estado que procuran a súa emancipación. Aquí moitos non o ven, pero as adhesións de partidos políticos de todo o mundo que chegaron ao congreso son proba de que os nosos irmáns saharauís, palestinos e así ata case un listado de trinta, teñen moi claro que, cando a UPG abre o seu congreso cantando a Internacional, está a manifestar e a proclamar o socialismo real, non, como moi ben se dixo no decurso do acto, o de Felipe González. Reclamouse alí que os escravos da terra se puxesen en pé coa mesma unción e intensidade coa que se rematou cantando que os tempos xa son chegados para a redención da nosa patria. Non sei se Deus abandona ou non a un bo marxista, como pretendía Tierno Galván, pero podo asegurar que marxismo e nacionalismo van en moitos de nós formando partes inseparables do ser e que nos acompañan no noso camiñar pola existencia.

Foi este XIII Congreso un paradigma real de democracia, no que se debateron e votaron todas e cada unha das emendas que os afiliados presentaron ás teses, previamente elaboradas e distribuídas, con moita antelación e mesmo aos simpatizantes, polo Comité Central. Dou fe de que tódolos emendantes tiveron ocasión de expor os seus argumentos e de replicar as explicacións que o CC deu para xustificar a non aceptación da correspondente emenda, pois as aceptadas e incluídas, obviamente, xa non tiveron necesidade de seren defendidas; tralo debate de cada unha, sometíase á votación de tódolos militantes, sendo aprobadas varias delas, co que, contra o criterio inicial do CC, pasaron a seren incorporadas ás teses do congreso. Democracia total e participación directa das bases.

Se Bautista Álvarez presentou a súa dimisión como presidente do partido no anterior congreso, permanecendo o posto vacante desde aquela, neste XIII congreso foi Francisco Rodríguez, unha das cabezas mellor amobladas do nacionalismo galego, quen decidiu deixar a Secretaría Xeral. Son probas evidentes de que, neste partido, ninguén se amarra aos cargos e foi significativo que os compañeiros obsequiasen ao secretario xeral dimisionario cunhas axendas, a fin de que non deixase de seguir plasmando as súas ideas por escrito, continuando así a conformar pensamento colectivo. O interese é Galicia e as persoas tentan servila no lugar no que consideran que poden seren máis útiles para ela. Por iso hai unión e camaradería, porque os trepas, os que funcionan pola comenencia, non teñen cabida no organigrama da UPG e procuran abrírense camiño baixo outras siglas, nas que presumen atopar un máis prometedor futuro persoal.

Podo asegurar que no congreso se respiraba liberdade nun ambiente ledo, distendido e ilusionado. Talvez esta camaradería era tan natural, porque, como repetiron os oradores, este partido non ten a súa razón de existir na consecución de poder ao prezo que sexa, senón no traballo pola terra e polas clases traballadoras, por facer un pobo cada vez máis libre nunha patria liberada.