O vindeiro 8 de marzo, unha cita inescusábel

O vindeiro 8 de marzo, unha cita inescusábel

A actual situación de crise económica estase aproveitando para recortar dereitos sociais que foron reivindicados por varias xeracións.

As altas taxas de desemprego e os retallamentos nos servizos públicos teñen como consecuencia un aumento na feminización da pobreza, situándonos as mulleres nunha peor situación á vivida nas últimas décadas do século pasado.

Unha reivindicación histórica do feminismo foi o dereito a decidir sobre a xestación. Lonxe desta conquista social, o PP vén de anunciar a reforma da Lei do aborto, para volver a un modelo similar ao de 1985.

Na Lei de despenalización do aborto de 1985, fixábanse 3 supostos para o aborto: por violación até as 12 semanas de xestación, por malformación do feto até as 22 e por "grave perigo para a vida e a saúde física ou psíquica da embarazada", sen límite. A inmensa maioría dos abortos acollíanse ao suposto de risco psíquico.

A Lei de saúde sexual e reprodutiva de 2010, ou lei de prazos, estabelece un período de 14 semanas nos que a muller pode abortar libremente.

O ministro de xustiza Gallardón fai sempre referencia, cando fala da reforma da lei a dous temas: a necesidade de eliminar a posibilidade de que con 16 ou 17 anos unha moza poida abortar sen ter coñecemento os seus titores e a volta a sentenza de 1985.

En 1985 o Tribunal Constitucional resolveu un recurso presentado polo pai do actual ministro, José María Ruiz Gallardón en nome de Alianza Popular que deu lugar a que a lei estabelecera un sistema de supostos, ao que agora o PP querería voltar.

Este importante paso atrás significa volver a tutelar o dereito das mulleres. Isto só suporá un maior número de abortos inseguros, clandestinidade e a volta ás viaxes ao estranxeiro, xa que unha muller se ten decidido abortar vaino facer con lei que a ampare ou sen ela.

Por outro lado, ao respecto das mozas, a esixencia de que conten con consentimento familiar vai a afectar precisamente as mozas que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade. Isto está confirmado pola aplicación da lei actual. A maioría das mozas de entre 16 e 17 anos estiveron acompañadas polos seus proxenitores e só un 0,41% (151 mozas en todo o Estado) abortaron sen consentimento. Neste último caso, nunca se debeu a un acto de rebeldía, senón que se trataba de mozas inmigrantes que viven soas no Estado Español, maltratadas ou que os seus proxenitores desentendíanse do problema, en moitos casos por encontrarse na cadea. Tampouco aumentou o número de abortos de menores neste período.

O Partido Popular recorta os dereitos básicos das mulleres, fai desaparecer dos orzamentos as partidas destinadas a promoción da igualdade e promove organizacións antiabortistas ultracatólicas en lugar de facilitar a información en anticoncepción e sexualidade.

Penso que o vindeiro 8 de marzo as mulleres temos a oportunidade de contestar as políticas regresivas e machistas do PP.