O VII convenio xeral da construción, exemplo de sindicalismo amarelo e españolista que practica a socialdemocracia española
O pasado día 13 de xuño, asinouse en Madrid, por parte dos sindicatos e a patronal españois, CCOO, UGT e a CNC (a rama da construción da CEOE), o VII Convenio Estatal da Construción, que supón un novo roubo e unha nova traizón á clase traballadora deste sector, e todo un exemplo de perpetuación do modelo sindical, entreguista, propatronal, antiobreiro, desmobilizador, burocrático, de pacto social e profundamente centralista, que veñen practicando desde a transición estas dúas centrais sindicais, ás que de clase só lle quedan as siglas e a terminoloxía formalmente radical, ameazante, no fondo patética, que a través dos medios de comunicación manteñen, de vez en cando, fronte á patronal.
Estamos a falar dun convenio que afecta a nivel do Estado a 1.080.000 traballadores e traballadoras e na Galiza a 59.190. Non é polo tanto un convenio menor, todo o contrario, é moi exemplificador para avaliar cal é a verdadeira aptitude que estas dúas centrais sindicais están dispostas a adoptar na negociación colectiva á hora de defender o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, fronte á caída que están a ter como consecuencia, entre outras cousas, do forte incremento do Índice de Prezos do Consumo (IPC).
Empezan xa no preámbulo, ambas as partes asinantes, gabándose do beneficioso que foi para o sector o ter conseguido a paz social durante os trinta anos que van desde que se asinou o primeiro convenio estatal, superando situacións tan duras como as crises de 2008 e a da Covid-19, e ao tempo felicítanse polo éxito que supón o asinamento deste novo convenio, “compartindo custos”, de cara a superar as dificultades que están a atravesar empresas e traballadores do sector. Viva o “sindicalismo de clase”!
Resulta que durante estes últimos trinta anos a clase traballadora do sector da construción gozou dunhas condicións laborais e económicas tan boas que non precisou levar adiante ningún tipo de mobilización ou folga para reclamar, fronte á patronal, unhas condicións de traballo e salariais dignas, mesmo durante estas dúas últimas crises económicas, das que parece que ninguén é responsábel e que ambas as partes padecemos por igual as súas nefastas consecuencias. O mesmo pasa cando se refiren ao convenio actual e a “compartir custos”. O custo, e non é o único, que o asinamento deste convenio ten para os traballadores e traballadoras é evidente, a perda enorme que van ter do poder adquisitivo dos seus salarios durante os anos de vixencia deste. Pola contra, cal é o custo para a patronal ?, ningún, todo son beneficios.
Sempre a mesma xustificación, por parte destas dúas centrais sindicais, para asinar estes pactos e sempre o mesmo resultado, incremento dos beneficios e do poder para a patronal, retroceso nas súas condicións laborais e sociais e máis debilidade para a clase traballadora.
Entremos a comentar os aspectos máis sangrantes pactados, nun convenio que vai ter unha vixencia de cinco anos. Quixeron amarrar o atropelo durante tempo. A patronal encantada e as cúpulas servís de CCOO e UGT, tamén.
No seu artigo 12, fala da estrutura da negociación colectiva no sector, estabelecendo as competencias e prevalencias dos convenios nos diferentes ámbitos xeográficos (estatal, autonómico, provincial…). Di expresamente que este convenio estatal ten prioridade absoluta na súa aplicación e que todos os demais, de ámbito inferior (por exemplo provinciais ou autonómicos), deben remitirse a este convenio. O convenio estatal resérvase practicamente todas as materias para negociar exclusivamente no seu ámbito (xornada laboral, salarios, modificación das condicións de traballo, mobilidade funcional e xeográfica, contratación e subcontratación, clasificación profesional, indemnizacións, réxime disciplinario, produtividade…), deixando para o resto dos ámbitos aspectos totalmente marxinais.
Estamos ante un ataque claro (baixo o amparo da lexislación existente e que neste aspecto, como en outros moitos, non foi modificada na última reforma laboral aprobada polo goberno central e promovida pola ministra de traballo, a “demócrata e progresista” Yolanda Díaz), a todo o sindicalismo nacionalista, principal competidor do sindicalismo españolista, con moita presenza nos convenios provinciais e autonómicos, mesmo maioritario en moitos casos, buscando a través deste mecanismo de reservar as principais materias de negociación para o ámbito estatal (xa que pola práctica sindical diaria non o conseguen) restarlle operatividade e debilitar, fronte á clase traballadora do sector, unhas centrais sindicais defensoras dun modelo sindical moi diferente ao deles e cun indubidábel éxito en nacións como Galiza e Euskal Herria, por algo son as primeiras forzas sindicais nas súas respectivas nacións, como é o caso de CIG, LAB e ELA.
Detrás deste proceso de centralización da negociación colectiva, está tamén a intención de matar a participación, a mobilización e a capacidade de presión da clase traballadora, debilitándoa fronte á patronal e reducindo unha ferramenta fundamental na disputa polo reparto da plusvalía e para a toma de conciencia colectiva e de solidariedade de clase, a un instrumento burocrático e ao mesmo tempo de poder e de control, por parte das cúpulas sindicais e patronais. Todas as entidades asinantes do convenio son plenamente conscientes e intencionadas á hora de asignarlle este papel á negociación, en beneficio mutuo.
Cómpre dicir tamén que esta brutal centralización imposta na negociación colectiva no sector da construción, non se dá só neste sector, xa se leva practicando hai anos noutros sectores, e que é intención de CCOO, UGT e a Patronal, coa colaboración de todo o espectro político españolista (PSOE, PODEMOS, IU, PP, VOX…) impola en todos os sectores produtivos. Sería un enorme éxito, se o lograsen, de cara a fortalecer o seu modelo de Estado centralista e negador do seu carácter plurinacional.
No seu artigo 52, trata dos incrementos económicos pactados, inicialmente para os tres primeiros anos da súa vixencia de cinco, supondo o acordado ao respecto a imposición dunha forte perda do poder adquisitivo dos salarios para todos os traballadores e traballadoras do sector da construción de todo o Estado. O incremento pactado é: un 3% para o ano 2022 (o IPC do 2021 foi do 6,5%), un 3% para o 2023 (o IPC a finais de xullo deste ano xa estaba no 10,8%) e un 2,75% para o 2024 (cando todo indica que o IPC do 2023 vai ser moi superior a esta cifra ). Se o IPC a finais deste ano se mantén nas cifras do mes de xullo, estariamos a falar de que só nos dous primeiros anos de vixencia, 2022 e 2023, a perda de poder adquisitivo sería dun 11,3%.
Páctase tamén unha cláusula de revisión salarial que sería de aplicación sempre que o IPC medio dos anos 2022, 23 e 24, superase o 10% e cun tope do 13%, é dicir, aínda que o IPC medio superase esta porcentaxe do 13% (o cal todo indica que vai ser así), as táboas salariais só se revisarían como máximo nun 3%, a aplicar a partir do 1.1.2025 e polo tanto sen dereito a cobrar atrasos. Isto na práctica implica que os traballadores e traballadoras non van poder recuperar, en ningún caso, o poder adquisitivo perdido. Pódese cometer semellante atropelo e seguir a se autodefinir como sindicatos de clase? Esta é a resposta sindical que van dar nos convenios colectivos, CCOO e UGT, para defender o poder adquisitivo dos salarios, e coa que os seus secretarios xerais “ameazan” a patronal a través dos medios de comunicación?
Triste é o cantar que cantamos. Esta é a dinámica sindical que levan practicando deste hai anos estas dúas centrais sindicais. A da farsa, a do teatro, a de aparentar a defensa duns intereses de clase que non é certa, a de recorrer a ameaza duns outonos quentes que despois sempre quedan en nada. Patético e cómico se non fose polas graves consecuencias que este sindicalismo ten para a clase traballadora.
A realidade é que, salvo raras excepcións, a resposta sindical de defensa do poder adquisitivo dos salarios nos convenios colectivos (aínda que cómpre recoñecelo que está a ser menor do que debería, dadas as circunstancias) estase a dar alí onde outras centrais sindicais, no caso de Galiza a CIG, teñen presenza suficiente para imporlle a estas dúas centrais sindicais unha dinámica sindical participativa e combativa, como xa vén sendo habitual nos últimos anos na gran maioría dos conflitos laborais en Galiza, tanto na negociación colectiva como de outro tipo. Enténdese agora o interese de CCOO, UGT e a patronal en reforzar o marco estatal de relacións laborais, para que todo tipo de negociacións (convenios, ERE…) se dean a nivel do Estado? Nesta estratexia teñen a complicidade activa de todo o goberno central e de forma especial tamén da actual ministra de traballo.
Se non houbo Pacto de Rendas a nivel do Estado foi porque era moi difícil, nas circunstancias actuais de descontrol dos prezos, de incremento da carestía da vida, de perda do poder adquisitivo dos salarios, xustificar por parte de CCOO e UGT un pacto de rendas que supuxese aceptar unha perda de poder adquisitivo dos salarios, pois é evidente que a patronal, dado a postura de forza da que parte, non ía pasar por asinar outra cousa. Diante desta situación, estas dúas centrais, mesmo de mutuo acordo coa patronal e coa bendición tamén do goberno, derivan a negociación do incremento salarial ao ámbito de cada convenio colectivo, onde contan cun peso maioritario (excepto en Galiza e Euskal Herria), particularmente nos convenios estatais, sabedores de que o aí pactado vai pasar máis desapercibido e de que vai supor na práctica unha devaluación real dos salarios, pois eles así o van aceptar. Todos amigos aínda que en declaracións públicas aparentemos o contrario.
Por último, no seu artigo 52 bis, apróbase algo que até o de gora era novidoso nun convenio de sector, o levar adiante un Plan de Pensións de Emprego Sectorial, pondo en práctica así o que vén de aprobar recentemente o Goberno Español na Lei 12/2022, do 30 de xuño, de regulación para o impulso dos Plans de Pensións de Emprego Sectoriais, pola que se modifica o texto refundido da Lei de Regulación dos Plans e Fondos de Pensións (RDL 1/2002). Por fin a patronal consegue pór en práctica algo polo que levan anos suspirando as entidades financeiras e compañías de seguros, que son as grandes empresas que xestionan os fondos de pensións. Por certo, negocio no que tamén participan CCOO e UGT a través dunha entidade xestora de pensións constituída conxuntamente co BBVA.
Este apartado, que aparece pouco desenvolvido no texto do convenio, o que si contempla é cales serían as “achegas que farían as empresas” (veredes as razóns das comiñas) a ese plan de pensións: para os anos 2022 e 2023, o 1% do salario que aparece nas táboas salariais do ano 2021 e para o ano 2024 o 0,25% das táboas salariais tamén do 2021. Canta xenerosidade por parte da patronal! Nestes tres primeiros anos a “achega” que fai a patronal (2,25%) non chega nin a cubrir a perda de poder adquisitivo que sufriron os salarios só no ano 2021, tendo en conta que o IPC foi do 6,5% e a suba que aplican aos salarios para o 2022 é do 3%. É dicir, a patronal ao fondo de pensións non achega nada, só devolve parte do salario perdido polos traballadores e traballadoras. E esta sen dúbida vai ser a dinámica futura para ir dotando de recursos eses plans de pensións. Por certo, “achegas da patronal” que van contar cos conseguintes beneficios fiscais para as propias empresas.
As entidades xestoras dos fondos de pensións, ante as dificultades que están a ter (especialmente no Estado español) para que as traballadoras e traballadores subscriban plans privados de pensións, fundamentalmente porque nun mercado laboral precarizado, con baixos salarios, con dificultades para chegar a final de mes, amplos sectores da clase traballadora non teñen capacidade de aforro como para destinalo a un plan de pensións, unha situación que se ten agudizado nos últimos anos como consecuencia da crise do 2008 e a da pandemia da Covid-19, precisaban dun mecanismo que lles permitise meter a man directamente na carteira aos traballadores e traballadoras. Ese mecanismo agora xa o teñen, os Plans de Pensións de Emprego Sectoriais. Teñen o mecanismo e teñen os cómplices necesarios, CCOO, UGT e o Goberno de PSOE e UP. Mellor imposíbel. Cómpre non esquecer a grande influencia económica e política da que goza a Patronal das entidades financeiras que xestionan os fondos de pensións, estamos a falar duns recursos cun enorme peso nos maiores fondos de investimento a nivel mundial e en sectores produtivos estratéxicos.
Este mecanismo dos Plans de Pensións de Emprego Sectoriais, ademais dun gran negocio para as entidades financeiras que os van xestionar (lembro de novo que nesa xestión e negocio participan CCOO e UGT ), vai servir de xustificación e de presión para ir reducindo a contía das pensións do sistema público, ao que xa está a contribuír a fórmula aprobada polo goberno español de subir as pensións partindo do IPC medio anual. Viva a “esquerda progresista española”!
Todo indica que se aveciña a curto prazo, de novo, unha situación moi dura para a clase traballadora galega. A perda de poder adquisitivo dos salarios está a ser unha realidade. A inflación vaise manter alta aínda un tempo. A recesión económica está aí. O entreguismo do sindicalismo españolista pactista e das forzas políticas da “esquerda progresista española” aos intereses da oligarquía española, de forma máis aberta ou máis disimulada, tamén é cada vez máis evidente.
Estamos a vivir, unha vez máis, o que é a política da socialdemocracia española (na que inclúo tamén a maioría de UP) no terreo económico, laboral ou de defensa do modelo centralista do Estado español, política coa que é coincidente a práctica sindical de CCOO e UGT. Ante a agudización da crise do sistema capitalista e as dificultades cada vez maiores para saír dela, a socialdemocracia aposta de novo por intentar manter este sistema, sempre por suposto buscando “o seu rostro humano”, non dubidando nesta estratexia en traizoar os intereses da clase traballadora en beneficio da oligarquía e do imperialismo.
Diante desta situación, continua a ser fundamental que o sindicalismo nacionalista (e o nacionalismo en xeral) manteña unha posición firme de defensa dos intereses da clase traballadora galega, como sempre fixo, con decisión, iniciativa, concienciación, organización e mobilización, mantendo un horizonte estratéxico de conquista dun modelo económico e social de superación do sistema capitalista e dunha patria soberana.