O valor da militancia. Hora da unidade, hora da acción

O valor da militancia. Hora da unidade, hora da acción

Algúns comentaristas dos chamados medios de comunicación de masas transmitiron estes días a avaliación de que a XIII Asemblea Nacional do BNG, celebrada a pasada fin de semana, contentou a todas as partes no tocante aos seus resultados. Non teño eu ao respecto unha visión tan clara e compracente. Se algo ficou patente, en primeiro lugar, é que os medios de comunicación tomaron parte activa no desenvolvemento da mesma dun xeito especial, contribuíron a consolidar moitos dos estereotipos dominantes e mesmo intentaron condicionar os resultados. Non van tirar agora por terra unha campaña tan teimuda, que destinou máis tinta ao BNG nunha semana que ás propias iniciativas políticas de varios meses! Por estas mesmas razóns, quixera facer unha serie de matizacións que fornezan máis elementos de análise á crónica dun proceso que tivo un desenvolvemento a partir da base (Asembleas comarcais), unha dinámica de participación aberta a toda a militancia, cuns resultados na definición da liña política e da elección dos órgaos de dirección nacional e que rematará de novo nas bases coa elección dos organismos de dirección comarcais. Ante todo, un proceso que foi considerado por todas as partes como impecábel desde o punto de vista organizativo e democrático.

Non semella doado analizar friamente ou, se quixermos, en termos politicamente correctos, todo o sucedido en torno a esta Asemblea Nacional. Parece que algúns só estaban agardando os resultados das votacións para -de seren adversos, é dicir, "se non resulta o que eu quero"- írense a outra parte, como estamos a observar e como ameazan informarnos do goteo, capítulo a capítulo, os noticieiros. Poden mesmo resultar precipitadas algunhas estimacións, porque hai dúbidas e incertezas, e os militantes queremos comprobar na práctica que xa empezan a cumprirse as declaracións de intencións, os compromisos alí proclamados e non fican en cantos de sereas. A comezar por acatarmos na práctica do día a día que a Asemblea Nacional é a expresión soberana da militancia; por sentírmonos copartícipes nos órgaos de dirección elixidos; por variar un discurso que teima en incidir na división en vez de na unidade, non sabéndomos que é o que se procura; por considerar que a convivencia (que non cohabitación) non se restaura se as partes non queren ou se unha non quer, se non hai reciprocidade...

A respecto dos resultados, quen democraticamente se impuxo na Asemblea Nacional, a Alternativa pola Unidade, asume unha grande responsabilidade, non exenta de dificultades como estamos a ver, para levar adiante a unidade e a acción do BNG; ben é certo que os que perderon comparten tamén esa responsabilidade, ao teren unha considerábel representación nos órgaos da dirección nacional. Houbo quen, sen gañar, séntese fortalecido, malia seren prestados os apoios con que contou e seguirá a vivir na burbulla dese líder que aínda puido volver a ser. E finalmente, houbo quen, con lexítimas aspiracións ou ambición, arriscou demasiado a unha soa baza e perdeu máis do que podía esperar. Foron interpretacións exprés extraídas por algúns militantes do BNG no propio acto de clausura e que os lectores saberán encaixar e complementar debidamente, malia se formularen un tanto caricaturescamente. Ben é certo que, á luz dos apoios obtidos na anterior Asemblea (2009) e para quen fía todo a unha votación puntual para un liderato unipersoal ou para cartel electoral, hai resultados que non poden ser entendidos máis que como derrota, por máis que se fixese fincapé en que non hai vencedores nin vencidos, en que houbo empate técnico ou derrota doce, como queira que se chame.

,Considero unha mágoa e síntoma preocupante, así se me antolla e así o digo, que grande cantidade de compromisarios/as, arredor de mil (moitos seguro que xustificadamente) limitase a súa participación á votación dos candidatos para a Portavocía nacional e a Presidencia da Xunta, eludindo implicarse nas sesións de debate sobre o Informe de xestión da Executiva e o contido dos relatorios. Por certo, tamén é resultado da Asemblea Nacional, de grande relevancia para o futuro, o amplo respaldo obtido polo documento político de referencia da Alternativa pola Unidade, con perto dun 70% de votos favorábeis.

A militancia expresouse, pedindo por riba de todo unidade, responsabilidade e confianza no proxecto que representamos. A variada e rica polifonía desta militancia, de boa parte dela, que, nesas sesións botou por terra o discurso maniqueo que reflicten algúns medios e que foi asumido e utilizado na dialéctica da propia asemblea: os do aparato que secuestra o BNG/as demais correntes e independentes; os dogmáticos e tiranos/os demócratas; os maltratadores/os maltratados; os da postura resistencialista, que só queren ser "conciencia crítica"/os que queren ser alternativa de goberno; os sectarios/os abertos á sociedade; os que queren ser simple apoio ao sindicalismo/os que teñen vocación hexemónica; os ancorados en doutrinas do pasado/os modernos, ... e así para adiante, de todo puidemos ler e escoitar. Un auténtico asalto á razón! Mais os militantes soubemos sobrepoñernos non só aos esquematismos maniqueos que caricaturizaban e acusaban a unha parte, senón tamén aos discursos apocalípticos, á enxurrada confusionista que mesturou tempos, emocións, tácticas e estratexias e que chegou case ao paroxismo. Que hai de real en dicir que a UPG fixo unha emenda á totalidade a trinta anos de proxecto BNG? É unha manipulación inverter os termos do debate e a propia realidade: non temos por que comungar cunha deriva cara a opcións autonomistas, europeístas e de obsesión polo poder como fin en si mesmo, porque esa non é a liña que representamos nin a nosa traxectoria, porque os tempos non son propicios ao acomodamento ou sinxelamente porque, maioritariamente, expresamos a vontade de sermos e querermos ser algo diferente.

Por iso, o valor da militancia -como figura nun dos epígrafes do Documento político aprobado- é o principal mérito, o auténtico triúnfo desta Asemblea; a militancia é quen máis ordena e fará que o BNG gañe como proxecto colectivo. As claves, tamén se puxeron de manifesto reiteradamente en varias intervencións. Primeiro, agárdase o respecto por parte de todos e todas ás decisións da Asemblea Nacional, o máximo órgao de expresión da soberanía da militancia. "O resultado desta Asemblea ten que ir a misa, sexa un crente ou non..." , dixo un señor de chapeu, do que non recordo o nome. Isto mesmo púidose aplicar ás Asembleas anteriores! En segundo lugar, o recoñecemento da pluralidade ideolóxica interna da fronte, sen que haxa lugar a exclusións, descualificacións ou enfrontamentos. Tal e como observou Alba Nogueira, creo: "Se procurarmos a diferenza entre nós, imos atopala; mais se quixermos encontrar os puntos en común, tamén imos atopalos...". Terceiro, a claridade sobre as cuestións ideolóxicas centrais, o non acreditarmos que a definición achica o espazo común. A ambigüidade e a indefinición non acabarán sendo máis que febleza e confusión. Un exemplo púxoo o Alcalde de Pontevedra: "Sendo Pontevedra o berce do Partido Galeguista, nunca nos definimos como galeguistas; somos nacionalistas". En cuarto lugar, a combinación acaída de táctica e estratexia. Todos consideramos importante gobernar, mais sen que supoña quebranto da nosa liña política nin abandono dos nosos principios."Hai que saber como, para que e para quen gobernamos...", díxose tamén. E quinto, a superación da imaxe de confrontación interna que se proxecta nos medios de comunicación e que provoca desafección e distanciamento coa sociedade. A liberdade de expresión non pode incluír a liberdade de ofender a compañeiros/as. O dereito á discrepancia pública non é dereito a maldicir, descualificar, moufarse ..., servíndose da prensa para facer oposición contra os propios, cun agravante se se tratar de figuras consideradas referentes para todo o nacionalismo.