O valor da lingua propia
Joan Puigcercós, presidente de Esquerra Republicana de Catalunya, impartiu unha conferencia en Vigo o pasado luns 4 de maio, convidado pola Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. No seu relatorio, Puigcercós presentounos a perspectiva de Esquerra sobre o presente e o futuro da lingua catalá nunha Catalunya multicultural e multilingüística configurada por unha demografía cambiante e receptora de importantes fluxos migratorios.
Só na última década, explicounos Puigcercós, inmigraron a Catalunya máis dun millón de persoas, procedentes principalmente de Marrocos, Romanía e América Latina. As análises demográficas amosan como, sen o fenómeno da inmigración, a poboación catalá actual, de máis de sete millóns de persoas, non pasaría dos dous millóns e medio. A inmigración creou en Catalunya un mosaico complexo de culturas, crenzas, linguas e hábitos de vida que cómpre xestionar con siso para que a sociedade non se fracture, e no que a supervivencia da lingua catalá non está garantida.
Como resultado da inmigración, Catalunya é agora un país de acollida no que se falan máis de 200 linguas e no que as identidades nacionais son múltiples. O obxectivo do goberno tripartito catalán, no que participa Esquerra, é acadar a cohesión social mediante dous consensos básicos: a identificación co país (isto é, que as persoas se consideren catalás, en maior ou menor medida, en primeiro lugar ou de modo secundario) e a aceptación do catalán como lingua pública común.
A aprendizaxe da lingua catalá por parte das persoas que chegan a Catalunya, matizou Puigcercós, non debe supor para ninguén renunciar a considerar a súa lingua concreta como propia, e pode ser independente da lingua que fale en familia e mesmo da lingua que fale cos seus fillos e fillas. Trátase de facer do catalán a lingua de ponte entre toda a cidadanía mediante unha política educativa baseada na inmersión lingüística e nas aulas de acollida.
Para Esquerra, a política lingüística é parte da política social, xa que o coñecemento xeralizado da lingua catalá garante que toda a cidadanía poida participar en igualdade de condicións tanto na vida pública coma na privada, ao tempo que permite que a poboación comparta un signo de identidade fundamental para asegurar a cohesión social e evitar a fractura social e cultural do país.
O valor da lingua propia é, por tanto, o de servir de cemento entre os individuos dunha sociedade como a catalá, extremadamente plural, multicultural e multilingüe; dun país sen Estado na que os elementos compartidos por toda a cidadanía escasean e que, a diferenza doutros países, non pode garantir a súa cohesión social en base a outros elementos como o patriotismo, a relixión, a organización política ou os usos e costumes compartidos. Así, a lingua catalá convértese en Catalunya no trazo de identidade básico nun contexto de identidades múltiples e compartidas e de adhesións nacionais plurais e diversas. En palabras de Puigcercós, "poder saber a lingua dun país é o primeiro andar do ascensor social, a base sobre a que construír a cohesión social e nacional nunha sociedade multicultural".
Evidentemente, para que a lingua propia de Catalunya adquirise ese valor foi necesario un consenso a nivel social e político, un consenso que se dá entre todas as forzas políticas catalás de tradición democrática, incluíndo a CiU, PSC, Iniciativa e Esquerra, e do que fican fóra as organizacións españolistas minoritarias en Catalunya encabezadas polo PP.
Abofé que as condicións lingüísticas, sociais e políticas de Galiza son ben distintas. Non coñecemos de primeira man a forza dos cambios que provocan os fluxos inmigratorios; constituímos unha cidadanía que vota de modo pertinaz a dous partidos políticos basicamente españolistas; o proceso de normalización lingüística iniciado despois da ditadura atópase en franco retroceso; o estado da lingua propia é preocupante. As receitas catalás para cociñar un progreso social autocentrado no país non serven no noso contexto nacional contemporáneo. Con todo e con iso, a conferencia de Puigcercós trouxo aire fresco do Mediterráneo a Vigo, nesta longa noite de pedra cultural e lingüística que debemos rachar sen caer no desalento. Na entrevista que lle fixeron no Xornal trala conferencia, Puigcercós resume o estado da cuestión: "É un problema de supremacismo. Hai moita xente que cre que ter unha lingua maioritaria e forte significa que o catalán ou o galego non teñen dereitos. Queren a asimilación, pero nós resistimos". Amén.