O tren ou historia dunha inxustiza
Hai setenta anos, Castelao, nunha das súas intervencións parlamentares, denunciaba o maltrato e marxinación de Galiza afirmando que “o ferrocarril galego ten unha longa historia que sangra inxustiza”. Estas palabras manteñen hoxe vigorosa vixencia e actualidade. A historia repítese e vemos como a prestación de servizos ferroviarios na Galiza está en perigo. De consumárense os anuncios do goberno central os recortes ferroviarios afectaran a uns 200.000 viaxeiros, suprimiranse 94 servizos semanais e pecharán 30 estación máis -ás que habería que sumar as 25 que xa están sen actividade-. Unha desfeita para o país!
As causas son claramente políticas e reinciden na marxinación de Galiza nos deseños ferroviarios. É evidente que os deseños de alta velocidade polos que optaron os diferentes gobernos do estado non deron solución acaída as demandas e necesidades que neste eido ten a nación galega. Non atenden as necesidades de comunicación interna das nosas vilas e cidades, semellando que o único importante, a súa obsesión, é chegar canto antes a Madrid. No desenvolvemento deste deseño resulta xa meridianamente claro, que se vai marxinar a cidade de Ferrol, que tampouco vai solucionar as conexións co Norte de Portugal e que moi probabelmente deixará á provincia de Lugo e Ourense sen servizos ferroviarios. Cómpre lembrar que non era esta a opción defendida polo BNG, que avogaba por modernizar a rede interior de Galiza, e incrementar as frecuencias e a calidade do servizo que se presta aos galegos e galegas.
Porén o PP lonxe de apoiar a modernización do ferrocarril, ten feito iniciado a privatización de Renfe e a supresión de servizos. Unha medida que se enmarca na obsesión neoliberal deste goberno, e que no caso concreto de Galiza, vai supor a eliminación da maior parte das liñas que neste momento en funcionamento. De consumarse estas intencións, a maior parte do territorio galego ficará sen tren, a pesar de ser este un elemento vital para os nosos intereses económicos e para o noso futuro.
Fronte a esta situación, o BNG ven reclamando o mantemento duns servizos públicos ferroviarios e mellorar as frecuencias e calidade dos mesmos no noso país. Recentemente debatiamos no Parlamento a necesidade de frear esta desfeita, apostando por autoresponsabilizarnos do futuro do tren. Para isto defendiamos que se reclamara a transferencia das competencias en materia de ferrocarril interior e apostar por crear unha compañía pública que xestionara estes servizos. A resposta do PP, foi tan previsíbel como frustrante para o país: negar esta opción, aludindo a que esta é competencia estatal e ignorando o propio contido do Estatuto de Autonomía. Todo un síntoma dun goberno que non quere gobernar, nin ter instrumentos para solucionar os problemas que padecemos e que claramente limitarán o noso desenvolvemento futuro.