O tempo novo está aínda por chegar pero facemos camiño
O nacionalismo galego fixo todo o posíbel por que se abrira un tempo novo en Galiza o pasado 25 de setembro pero non foi posíbel, o electorado decidiu por ampla maioría que sexa Feijoo quen ocupe a Presidencia da Xunta os vindeiros catro anos.
As sensacións na noite do 25 de setembro eran contraditorias, por unha banda desgusto polo feito de que non fora posíbel abrir ese tempo novo. Por outra alegría, o Bloque Nacionalista Galego resistiu. É certo que deixamos no camiño máis de 26000 votos e 1 escano se facemos a comparativa coas eleccións ao Parlamento Galego de 2012, pero non o é menos que foron moitos os acontecementos internos e externos que nos puxeron nunha situación tan fráxil que algúns pronósticos, e non todos descamiñados ou mal intencionados, facían ver que o BNG podía desaparecer do Parlamento Galego ou como moito ter unha presenza residual. Demos volta ás enquisas de opinión, pasamos de cero escanos a 6, fomos quen de revalidar grupo parlamentar e presenza nas catro circunscricións.
Resistimos ao ser quen de entrelazar un discurso que vinculaba, unha vez máis, a soberanía coa saída aos problemas sociais dos galegos e galegas, o labor da compañeira Ana Pontón na campaña e nun debate no que foi posíbel que un sector do noso pobo comprobara unha seriedade, unhas propostas e unha contundencia que non son novas, pois nin o BNG nin a nosa portavoz nacional son produtos de laboratorio; o discurso armónico dos candidatos e candidatas sen saídas de pata de banco nin ocorrencias de estrelas fugaces, e sobre todo a capacidade dunha porcentaxe importante da nosa militancia e simpatizantes para enfrontar unha situación crítica, sobrepoñerse ao cansanzo e aos golpes recibidos nos últimos anos e patear a rúa como nos mellores tempos.
Para abrir un tempo novo tiñan que darse dúas circunstancias, a derrota do PP e unha presenza importante do nacionalismo no Parlamento Galeg; ambas, eran e son inseparábeis, pois como escribín o mes pasado noutro artigo “...a alternancia non chega, precisamos unha alternativa. Os nosos problemas débense fundamentalmente ao marco xurídico-político imposto, e non vou negar que con unha xestión máis acaída poderíamos mellorar en algo a situación pero non é posíbel mudala de non poñer enriba da mesa propostas de actuación que cuestionen ese marco que impide o desenvolvemento de todo o potencial que temos como pobo....”, e a campaña electoral deixou claro para quen puidera albergar algunha dúbida que só o BNG fixo propostas políticas que foran máis alá de prometer unha mellor xestión e meter na cadea aos corruptos.
Claro que é preciso xestionar mellor e claro que hai que meter na cadea aos corruptos, pero a corrupción é parte do sistema, por tanto ou mudámolo ou seguiremos vendo corruptos entrando e saíndo sen problema dos xulgados ou como moito con palmadiñas nas costas ao tempo que lles regañan cun simple “non te portes mal, ou cando menos que non se che note tanto cando roubas”
O PP vai gobernar Galiza catro anos máis pero fronte a quen insulta e despreza ao noso pobo o nacionalismo galego debe actuar con respecto e intelixencia, o Parlamento debe ser a caixa de resonancia dos problemas da rúa pero o noso traballo debe estar sobre todo nesa rúa.
Desta vez, como xa nos daban por mortos, ao mellor collemos despistados aos mesmos medios de comunicación do sistema que durante catro anos dedicáronse a queimarnos e a ocultar as propostas e as excelentes intervencións de Ana Pontón e do conxunto de deputados e deputadas do BNG. Por tanto aprendamos do pasado, mudemos o que debamos mudar en canto a técnicas de traballo pero mantendo os principios e a liña de compromiso cunha Galiza dona de seu e coas súas clases populares.
Aproveitemos a esperanza creada pola mensaxe que transmitimos nestas últimas semanas de que Galiza é unha nación rica empobrecida por políticas lesivas para os seus intereses e convertámola en enerxía positiva. Aproveitemos a alegría de moita xente que respirou na noite do 25 ao comprobar que o BNG seguía aí, para organizar pobo, mantendo as portas abertas e dando a man a quen queira sumar.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.