O spoil system
O 2 de xullo de 1881, o presidente norteamericano James A. Garfielden dirixíase cara á estación de tren de Washington para viaxar á universidade de Williams College, onde debía pronunciar un discurso, cando foi tiroteado por Charles Guiteau, unha persoa do mesmo partido que a súa vítima. Entendía este asasino que por ser republicano e ter colaborado activamente na campaña electoral presidencial ben merecía un posto de traballo na administración pública. Ao non ser correspondido nas súas pretensións, decidiu vingarse na persoa do propio presidente e, para iso, intentou asasinalo en varias ocasións. Guiteau ese día de xullo disparoulle dous tiros. Dous meses despois, James A. Garfielden morre por mor da infección e da hemorraxia interna que lle causaron os médicos que intentaron extraerlle as balas do corpo. O asasino acabou coa vida do presidente porque consideraba ter dereito a ocupar un posto na administración pública segundo a práctica habitual de que o partido político do goberno distribuía os cargos institucionais e as posicións de poder entre os seus propios membros e simpatizantes. En virtude desta concepción anglosaxona, denominada spoil system ou sistema de botín, os empregos públicos eran considerados como unha conquista dos vencedores en cada unha das eleccións. Este sistema provocaba graves problemas no funcionamento dos servizos públicos e permitía a corrupción. Sucedéranse inutilmente varios intentos para introducir outro sistema de selección dos funcionarios até que, como consecuencia do asasinato do presidente Garfielden, o Senado aproba en 1883 a Pendleton Act, pola que se crea unha comisión encargada da selección dos candidatos aos empregos públicos en función dos seus méritos e capacidade.
O 12 de maio de 2014, Isabel Carrasco, presidenta da Deputación de León e do Partido Popular nesa provincia, é asasinada a tiros cando camiñaba cara á sede do seu partido para acudir a un mitin electoral programado para esa tarde. Dúas mulleres, nai e filla, ambas tamén pertencentes ao mesmo partido que a vítima, recoñeceron que decidiran dous anos antes matar a política popular e que as causas que motivaron a decisión foran a vinganza e o rancor que sentían cara a presidenta da Deputación por despedir do traballo a unha delas había tempo.
,Desde a morte do presidente Garfielden á da presidenta Carrasco pasaron 133 anos, mais entre ambos crimes existen elementos en común e outros que difiren. Malia o dereito administrativo actual non contemplar o spoil system e a mesma Constitución recoñecer como un dos dereitos fundamentais de todos os cidadáns o acceso en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos cos requisitos que sinalan as leis, estas dúas mulleres consideraban que o posto de traballo dunha delas na Deputación de León era consubstancial á súa condición de militante no partido político que ostentaba o poder nesa institución. Por esta mesma forma de concibir o dereito ao desempeño de funcións públicas, o asasino do presidente norteamericano e mais as da presidenta da Deputación leonesa idearon e executaron ambos crimes. En determinados sectores da administración pública proliferan os nomeamentos de familiares e amigos de cargos públicos que ocupan non só as prazas eventuais senón tamén as de funcionarios que se cobren por simulados procesos selectivos. Segundo esta concepción da función pública, os afíns ao poder adquiren con el o dereito a copar os postos de traballo existentes na administración e este dereito devén inviolábel porque constitúe a recompensa (spoil) pola implicación activa na consecución dese cargo público.
,Mais, este problema, visto tan só desde a perspectiva das executoras do crime leonés, non fica completo se non se analiza a outra cara, a do exercicio despótico do poder concentrado nunha soa persoa: xefatura provincial do partido, presidencia da Deputación e dez cargos máis. Así, desde a posición de control absoluto, esta muller era dona de premiar os fieis e de castigar aqueloutros que se desviasen das súas directrices. A filla cómplice do asasinato fora acollida na institución provincial por afinidade ideolóxica e mesmo iniciara carreira política nun concello, mais chegado un momento cae en desgraza da súa protectora e, desde aquí, toda a saña do poder se revolve contra ela. As súas posibilidades de integración laboral e de ascenso político fican truncadas e disto nace o resentimento que conduce ao implacábel crime.
O asasino do presidente norteamericano foi condenado a morte. As da presidenta da Deputación leonesa serano a elevadas penas de prisión. Pero, mentres do asasinato norteamericano se tirou a conclusión da necesidade de rematar co sistema de provisión dos postos de traballo na administración pública a través do spoil system –denominado tamén por aquí baltarismo-, do caso de León non se vai extraer ningunha lección.