O souto revive

Un exemplo sostible de ecosistema agroforestal galego
Ás veces, falar da multitude de cousas que pode aportar o monte é pouco crible. Porén, se poñemos como exemplo o souto, é moi doado atopar a súa conexión. O aproveitamento do castiñeiro e o seu manexo, constitúe un elemento fundamental da economía, da cultura e da paisaxe rural en Galicia. Supón o exponente máximo dun sistema multifuncional completo, onde a súa propia evolución foi dando lugar a novos produtos e servizos.
O souto é unha formación excepcionalmente produtiva. Del saían as ventás, portas, trabes e mobles para as casas; o alimento para o gando; o complemento culinario do outono; a leña para as cociñas; centos de referencias vinculadas aos magostos; contos, lendas e demais familia; ... e agora tamén cogumelos, mel, madeira, cultura, parte do noso patrimonio inmaterial, paisaxe, recreo, ocio e goce para os sentidos ...
En moitos lugares do rural galego, o souto representou e representa o elemento sobre o que xira a actividade do outono. A época de recollida iniciouse xa coa apertura dos primeiros ourizos na árbore, cuxas castañas ou bullotes, as do engazo, son recollidas de maneira gradual e pouco intensiva. A única forma de intensificación posible é mediante o vareo das árbores coa baloira, pao largo de avelá ou eucalipto co que se golpean os ourizos maduros e que permite asegurar a colleita ao lograr concentrar a caída dos ourizos no momento no que as circunstancias meteorolóxicas, familiares e de mercado así o aconsellan, reflexado no dito popular: "Cando a castaña está no souto, pode ser miña ou de outro".
A castaña, recoñecida internacionalmente polas súas calidades organolépticas ten un alto valor nutritivo e aportou o suplemento alimenticio durante séculos á poboación galega. Ata a introdución da pataca, a castaña era un elemento crucial para a economía dos labregos da Galiza, conservándose a través do procesado nos sequeiros (zonas máis quentes) ou deixándoa no monte nas formacións chamadas ouriceiras (zonas máis frías e húmidas).
O rendemento na producción de castaña é de aproximadamente 1.500-2.500 kg/ha, o que supón uns ingresos anuais de uns 2.000 euros por hectárea. A isto poderíamos engadir en castiñeiros micorrizados uns 100-150 kg de cogumelos por ha (Boletus principalmente e cun valor en mercado de uns 1.000 euros ao anoa), e un crecemento de 5 Tn/ha de madeira que supoñen outros 1.000 euros. Supón un total de 4.000 euros por hectátea e a no, polo que hai mellor legado para as nosas terras?
A radiografía da situación actual
Os datos do III Inventario Forestal do ano 1997 sitúan a superficie do castiñeiro preto das 47.000 ha (o que representa un 3,3% da superficie arborada galega) e as estimacións sitúan a comercialización da castaña nun rango de entre 10.000 e 15.000 toneladas ano. Entre a multitude de castiñeiros dispersos polo noso país, destacan algúns exemplares monumentais (estando recollidos no catálogo galego de árbores senlleiras): Castiñeiro de Val da Fonte (Folgoso do Courel), Castiñeiro de Pumbariños (Manzaneda), Castiñeiro de Mola (A Mezquita), Castiñeiro de Ribeira (A Mezquita), Castiñeiro do Souto da Ramigoa (Nogueira de Ramuín), Castiñeiro da Regadiña (A Pobra de Trives), Castiñeiro de Peninvello (Xinzo de Limia). Tamén destacan como soutos sobresaíntes: o Souto de Rozabales (Manzaneda) e a Fraga de Catasós (Lalín).
Durante a etapa de goberno do BNG na Xunta déronse importantes avances na aposta polo castiñeiro como árbore de referencia e do souto como formación agroforestal: creación da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, xornadas internacionais do castiñeiro, contratos homologados da castaña, ordes de axuda para prantación e mellora de castiñeiros así como para a comercialización da castaña.
Durante a etapa de goberno do BNG na Xunta déronse importantes avances na aposta polo castiñeiro como árbore de referencia e do souto como formación agroforestal: creación da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, xornadas internacionais do castiñeiro, contratos homologados da castaña, ordes de axuda para prantación e mellora de castiñeiros así como para a comercialización da castaña.
Fóra dos logros acadados na pasada lexislatura, poucos son os pasos dados na actualidade polo goberno do PP (na liña da xestión plana que formula o señor Feixóo) para superar os retos que aínda quedan por afrontar.
O futuro dos nosos soutos
As futuras posibilidades do castiñeiro, pasan sin lugar a dúbidas por frear o avance da tinta e o chancro (doenzas que están a castigar esta árbore de forma importante), a recuperación e adecuación dos soutos abandonados, a mellora da comercialización e transformación da castaña, o incremento do aproveitamento dos cogumelos, a creación de novas plantacións con produción de madeira e froito, a creación de novos produtos e servizos ao redor do souto, unha mellora das técnicas de manexo e a vinculación da actividade produtiva co marco cultural.
Castelao na súa pintura "O Paraño" reflexa un souto de castiñeiros como parte central da paisaxe e no que a vida medra ao seu carón. Baixo esta reflexión pictórica, debéramos incorporar un souto á nosa vida para voltar a vivir.
Do meu pai e do meu avó gardo como recordo, o seu respecto polo castiñeiro e a loita por coidar os soutos que foron dos seus antepasados e que deixaron con agarimo aos seus netos. Na súa memoria, paga a pena loitar por aquilo que non beneficia só a un, senón a todos.