O soberanismo avanza en Catalunya

O soberanismo avanza en Catalunya

O inefábel PJota pode dar todos os chimpos de ledicia no twitter que queira (a engrosar a listaxe de popes mediáticos que se arrogan a concepción de facedores/desfacedores de maiorías parlamentares), mais o certo é que o voto soberanista-independentista avanzou nas recentísimas eleccións catalás a respeito dos comicios anteriores, os de 2010.

Os dados son incontestábeis. Cada quen pode ter a ideoloxía que queira, mas se queremos construír un discurso desde a razón non podemos abstraernos das cifras, sempre tan delatoras. Vexamos.

En 2010 o conxunto das forzas nacionalistas con representación parlamentar (CiU, ERC, Solidaritat Catalana) obtiveron en conxunto un total de 1.524.924 votos que se traduciron en 76 escanos nunha cámara de 135.

O pasado domingo, as forzas nacionalistas (as tres devanditas máis as Candidaturas pola Unitat Popular) apañaron un total de 1.734.852 sufraxios.

Ou sexa, o voto nacionalista experimentou un incremento do 13,8 por cento. Traducido en número de escanos, houbo un lixeiro retroceso (de 76 a 72), pero non porque se reducise o apoio eleitoral ás forzas patrióticas, que se incrementou, senón porque aumentou a participación. Exclusivamente por iso.

Vaiamos agora aos aspectos cualitativos. É evidente que o voto nacionalista experimentou unha mudanza de significado entre 2010 e 2012, nomeadamente no que atinxe á forza nacionalista maioritaria. Os votos a CiU en 2010 non eran votos a unha forza explicitamente soberanista. En troca, os que foron este domingo ás candidaturas encabezadas por Artur Mas eran sufraxios a prol da celebración dun referendo de autodeterminación, a prol de Catalunya ser un novo Estado dentro da Unión Europea.
Así que PedroJota dará chimpos no seu despacho, mais o que temos entre as mans é todo un salto cualitativo cara adiante na conciencia nacional catalá. Xa non é unha oferta nacionalista-rexionalista a que seduce á maioría social (influamos en Madrid para conseguirmos cousas para Catalunya), senón unha oferta inequivocamente soberanista (dotémonos dun poder político propio e interlocutemos directamente con Bruxelas, sen intermediarios).

Mudou tamén a correlación de forzas internas no campo nacionalista, que claramente se escorou cara á esquerda independentista (baixou CiU e esfarelouse Solidaritat Catalana, que perdeu os seus 4 deputados no Parlament).

Portanto: máis voto nacionalista, voto ademais explicitamente soberanista e voto con tendencia máis esquerdista (cunha ERC próxima do seu teito histórico e a irrupción das CUP).

Ego masaxeado


Entón por que PedroJ estaba tan contente? Porque conseguira activar as forzas españolistas e porque os resultados masaxeaban o seu ego de grande magnate mediático (poño e quito gobernos, xa inventei no seu momento o fenómeno UPyD, etc). É certo que a campaña mediática contra Mas baseada nunha operación policial fantasma –as reminiscencias con Pokemon son evidentes- tivo os seus efeitos positivos para o españolismo, pero non tanto pola redución do voto nacionalista (que non se produciu, o que se produciu foi a redistribución de forzas a favor da esquerda independentista e en detrimento do centrodereita soberanista), mais si pola emerxencia de todo o voto españolista nunhas eleccións que tradicionalmente rexistaban importantes bolsas de abstención en sectores unionistas do eleitorado catalán.

O voto españolista foi ademais reforzar a Ciutadans, a candidatura máis desacomplexadamente unionista, máis aínda que un PP que en algúns ámbitos compite coa aza máis dereitista de CiU (Unió) e cuxa líder, Alicia Sánchez Camacho, mesmo flirteou coa ideia do “autonomismo diferenciado”, a forma en que o PP lle chama ao que o PSC ten baptizado como “federalismo asimétrico”. Ou sexa: admitamos que Catalunya e Euskadi podan ter un status diferenciado, mas sempre sen rachar a dependencia política e económica con España.

74-61

En realidade, a Brunete mediática española ten motivos para estar moi preocupada, embora finxa o contrario. O chicle non admite ser esticado moito máis. A participación foi practicamente equiparábel a unhas eleccións xerais. O resultado: 74 deputados e deputadas nacionalistas, 61 deputados e deputadas non nacionalistas. En número de votos: 1,73 millóns face 1,62 millóns.

Se o vermos en perspectiva –e así o recolleu tamén a imprensa internacional, sobre a cal nin inflúe PJota nin El Gato al Auga- concluiremos, pois, que nunca o voto nacionalista-independentista –nas súas diversas variantes- atinxiu tal grao de apoio social, boa proba de que o proceso autodeterminista está en marcha en Catalunya e de que ademais goza dun enorme apoio entre as camadas máis mozas da populación, as que menos preconceitos teñen contra a ideia dunha Catalunya soberana.

Apontamentos desde Galiza

Visto desde Galiza, dous apontamentos. Primeiro, a fachenda hipócrita de Feijóo non se ten de pé. Fixo unha vidriosa alusión ao asunto no seu discurso de investidura, gabándose de ter un apoio do que carecería Mas. Aquí de novo os dados desmenten tanta prepotencia. En realidade, o PP de Feijóo perdeu nas urnas o 21 de Outubro ben máis voto do que cedeu a CiU de Mas: a dereita española perdeu aquí o 16 por cento do seu voto a respeito de 2009 (en concreto, 128.146 votos), mentres que Convergència i Unió se deixou no camiño 99.500 sufraxios (o 7,52 por cento dos seus apoios de 2010). Isto é: o PP incrementou o seu número de deputados non polo seu volume de votación –que decaiu-, senón pola redución do número de eleitores que acudiron ás urnas, mentres que CiU viu minguada a súa representación xusto polo contrario, polo enorme incremento de participación (en Galiza a abstención incrementouse en 6,64 puntos percentuais, mentres que en Catalunya a participación subiu case 11 puntos!!!).

Segundo apuntamento desde Galiza: é evidente o nacionalismo galego aínda non conseguiu conectar coa maioría social para a persuadir de que o voto soberanista é a única garantía de que o país non perda pé na nova transición en curso no Estado.

Euskadi e Catalunya xa fixeron os seus deberes. As dúas primeiras forzas neses países son nacionalistas (PNV-Bildu/CiU-ERC). Galiza é outra realidade. Transformala, sabéndomos das dificuldades e dos poderes que enfrentamos, é a tarefa das e dos patriotas galegos de esquerda.