O síndrome d@ colonizad@

O síndrome d@ colonizad@

É ben triste nacer, vivir e sentirse parte dunha nación colonizada, máis moito máis o é ter tamén a mente colonizada e facer parte dos argumentos, e mesmo defendelos, do colonizador. A minoría de idade que supón sentirse inferior e aceptar todo aquilo que veña da metrópole por consideralo superior afecta a moit@s galeg@s sen distinción de adscrición á dereita ou a esquerda. Nun escenario presidido por un ataque furibundo españolizador a nosa cultura e lingua e a imposición dun modelo económico nefasto para Galiza, cómpre non solo referendar o noso patriotismo senón recuperar de xeito urxente aos/ás colonizad@s e facer maioritaria a reclamación da necesaria Soberanía para o noso pobo.

A reflexión ven a conto dunha anécdota acontecida nunha negociación con distintas entidades e organizacións para unha mobilización, e a respecto da inclusión na mesma da reclamación dunha tarifa eléctrica galega. Inclusión maioritariamente aceptada pero que, xa no tempo de desconto, a representante dun sindicato de obediencia estatal cuestionou afirmando que o tiñan que pensar e argumentando sobre unha suposta “solidariedade interterritorial”. Nin que dicir ten que a intervención foi respondida contundente e solidamente polo resto d@s presentes, máis quedoulle a este que escribe un certo come-come e indignación que lle durou o resto da xornada e pasou a formar parte como reflexión, reafirmándoas, das súas concrecións ideolóxicas.

Roubándolle o símil a un representante veciñal (hai sitio para a esperanza), Galiza é obrigada a asistir a unha partida de cartas na que lle deixan fora do tapete e non lle reparten naipes. Por riba e para colmo pídenlle que sufrague “solidariamente” a partida. Vamos que nos rouban toda a nosa capacidade produtiva con vetos, cotas e demais historias, véndennos a prezo de saldo as nosas empresas, déixannos sen banca pública e privada galega, mexan por nós, e aínda sae unha mente colonizada a dicir que é que chove e que temos que ser solidarios e pagar a mesma ou máis tarifa eléctrica, a pesar de poñer o territorio, os custes ecolóxicos, económicos e sociais da produción excedente de enerxía (consumimos pouco máis do sesenta por cento do producido e iso porque aínda nos queda Alcoa) e ademais aforrar no importante consumo que se produce no transporte da electricidade. O falaz argumento é que nós recibimos máis do que poñemos na seguridade social, ou sexa producimos aquí e se recada noutra comunidade e logo eses cartos son unha dádiva, un subsidio para Galiza.

Temos que lembrar que todo o que xera Fenosa en Galiza tributa en Catalunya e que o que xera Iberdrola tributa en Euskadi (cun sistema tributario propio) e que ademais a Sanidade está transferida ás comunidades.

É falso que Galiza sexa unha nación baixo subsidio, como é verdade tamén que se non lle deixan desenvolver toda a gran capacidade produtiva de xeración de riqueza que ten malamente poderá acadar o sitio que lle corresponde. Galiza é autosuficiente e rica, rica en coñecemento, rica en territorio, rica en recursos e rica en persoas que a aman e traballan por ela.

A colonización persoal non é cousa de dereitas ou de esquerdas, mesmo teño encontrado máis defensas furibundas españolistas nas sucursais galegas da esquerda española en aras de máis altos obxectivos prioritarios que os propios de Galiza. Que máis alto obxectivo pode haber que a defensa do noso pobo e da súa maioría social.

Mao dixo que o patriotismo, no caso dos países colonizados, é a única forma de internacionalismo. Nós diremos que na Galiza é patriota quen está pola liberación nacional e social da nosa patria e é españolista quen sacraliza a unidade estatal. Temos unha labor inxente por diante de concienciación nacional que non se fará dun día para outro. É responsabilidade de tod@s @s patriotas espallar unha mensaxe que cale na sociedade e para elo, a parte de traballo e compromiso, temos que armarnos de argumentos, que dabondo hai, para dun xeito consistente e como formiguiñas ir penetrando nas consciencias galegas para ceibalas dese síndrome de Estocolmo homoxeneizador español.