O rural galego nas mans do demo

O rural galego nas mans do demo

A desfeita que se está a producir no rural galego é imposíbel sen a colaboración dos que mandan nos cartos e nos gobernos.

Feijoo, “O Ben Mandado” cumpre con rigor a cantiga de Xosé Afonso, que cadra para o rural galego como si fora unha profecía.
“ Si alguén se engana no seu ar sisudo
E non lles franqueia as portas a chegada,
Eles comen tudo, eles comen tudo,
Eles comen tudo e non deixan nada.

Se non lles pechamos as portas rouban todo. Unha parte por abandono e desleixo e outra por ataque directo. O rural xa o veñen roubando de vello pero desta volta faise realidade aquel dito popular de: “Arden os cangos quentarse a eles”.

Unha vez mais Feijoo saíulle aos inimigos de Galiza tal como se o fixeran de encarga. Non so é ben mandado, é totalmente submiso e celoso do seu traballo: “ACABAR CO PAÍS”.

A elección de Feijoo está tamén profetizada no Catecismo do Labrego de Lamas Carvajal cando relata a elección do Secretario no Concello: “Por un sopro do demo o que era soamente home quedou feito Secretario”.

Non fixo falla mandarlle anular calquera posibilidade de mantemento de familias no rural: Está esborrallando o pouco que queda de asentamento de nenos no medio rural. E tamén de vellos. Morren abandonados e sos porque as súas familias emigran cara o medio urbano ou ao estranxeiro, porque lle quitan as axudas sociais do fogar ou porque non poden pagar unha residencia privada e as públicas xa se encarga o PP de que desaparezan para fomentar os negocios das súas amizades. O xeito no que fundiron o Programa de “PREESCOLAR NA CASA”, é todo un exemplo do odio sectario co que perseguen o noso rural.

Agora van a polos poucos servizos escolares que quedan. Todo aquilo que non sexa deixarlle diñeiro e beneficios aos feudais señores dos mercados é declarado non rendíbel. ¿Porque non pedimos instalar nos Ancares a cidade de vicio e corrupción que certas mafias queren traer de “Las Vegas” e que tanto entusiasma a o PP na Cidade-Estado de Madrid? ¿Imaxínanse o que supoñería poñer un aeroporto e levar o AVE ate os Ancares? Loxicamente non poderíamos traer de festa tantos e tan importantes viciosos sen tódalas comodidades. O ven que lle sentaría ir refrescar a testa e o corpo polo pico Cuiña ou polos Tres Bispos tanto aos da boina como aos do bonete despois dunha noite fatigada xogando o diñeiro das preferentes ou os beneficios das eléctricas.... E non quero dar mais pistas sobre o proxecto para non fomentar unha guerra civil no PP. Porque seguro que Baltar o quere levar para a Serra da Queixa alegando que el xa ten AVE. E si non lle acaban o AVE xa conseguirá el un bo paxaro. Por outra banda como no veciño Portugal tamén se está producindo un fenómeno de latrocinio e expropiación do pobo seguro que hai clientes que prefiren vir a xogar os cartos ao país veciño o mesmo que xa fai anos os mafiosos galegos van xogar a Portugal. Ninguén se parou a pensar a grande cantidade de pequenos investimentos que se ían a facer no rural da Galiza si non se presentara o atraco das preferentes.¿ Que fai o “Ben Mandado” polas Américas mentres están atracando Galiza polos catro costados, comezando polos seus votantes que son dos mais atracados agora mesmo? ¿ Cal sería o volume do “curraliño” galego de non terse dado, grazas ao nacionalismo (compre dicilo) o descubrimento desta grande estafa?

As ansias destrutivas da nosa Galiza rural véñenlle ao PP de vello, comezando pola nosa lingua e a nosa historia.

Xa Fraga teimaba en que sobraban explotacións agrarias; e que esa era a causa do atraso de Galiza, sen decatarse de que o que faltan son industrias, e que por enriba parte do tecido industrial depende do agro. A porcentaxe de poboación activa agraria é hoxe a mais baixa no Estado dentro das comunidades autónomas con tradición agraria. Pasamos en poucos anos dun 17% de poboación activa agraria a menos do 4%.

Todas aquelas medidas e actuacións que impulsa o BNG ou calquera entidade para potenciar o noso mundo agrario ou rural o Xefe Feijoo mándaas a fogueira: Banco de Terras, Ordenación de cultivos e prevención de incendios forestais. Unidades de Xestión Forestal (UXFOR). Proxectos de pastoreo nos montes. Contratos homologados. En resumo: O rural queda para o xabaril, o corzo e todo tipo de piratas e especuladores.

E para mais insulto e provocación auméntanos os impostos, aos que traballamos mentres se lle reducen a quen valeira as arcas do país cara paraísos fiscais. E para mais burla os amigos do “Ben Mandado” preséntanse por aquí dicindo que empregarán diñeiro oculto ou fraudulento sempre que se lle permita seguir saltando a lei, ou sexa; sempre que o Goberno estea disposto a ser tan delincuente como son eles. ¡Que útil volve a ser aquela sabedoría rural que nos di : “Andan os ladróns tras dos que rouban”! Os defensores da sagrada propiedade exprópiannos no rural dobremente: As terras para o abandono, e os nosos aforros e impostos para os bancos. E isto faio un partido que dixo que ía a rebaixar os impostos e que –como si fora unha máscara do Antroido- se chama Popular e Galego.

O partido Popular está facendo o que ningún outro Goberno do Mundo fai, e menos en época de crise: AFUNDIR A RIQUEZA DO RURAL.

As industrias e cooperativas agrarias están na desfeita (Alimentos Lácteos, Xertigán, Tablicia….)

Inda por enriba, chama a atención a indecencia coa que tratan a cidadanía. Rematamos de ter un bo exemplo: Poucos días despois dunha entrevista de FRUGA coa Conselleira do ramo onde se lle explicou a delicada situación do cooperativismo agrario galego e concretamente de Alimentos Lácteos e Xertigán, preséntase o pouco presentábel Conselleiro de Industria en Outeiro de Rei e ameaza as cooperativas de Alimentos Lácteos se non cumpren cos seus compromisos. O mais vergoñento do caso é que Alimentos Lácteos está como está xustamente por culpa da Xunta, que fixo unha cooperativa sectaria e minoritaria que o propio PP tivo que refacer quitando do medio as dúas persoas que puxera ao fronte. Agora Alimentos Lácteos é un barco no que non quedan nin os leiróns: As cooperativas serias e de peso apartounas o PP, as manexadas tivo que apartalas, e ao final vótanlle a culpa de todo as propias vítimas, aos cooperativistas. E o “Ben Mandado “ celebrará a terceira gran vitoria do PP sobre o movemento agrario nesta lexislatura:
1ª Amansar aos sindicatos agrarios.
2ª Queimar aos novos “Gandeiros Unidos” con aquel “sindicato antipolítico”.
3ª Queimar ao cooperativismo agrario galego e ao sector lácteo todo xunto.

Non sexamos inocentes, o PP quere desfacerse do rural con urxencia. O suposto aforro suprimindo Concellos do rural so ten a finalidade de eliminar a presenza de partidos que non sexan os dous grandes de Madrid. Moitas veces estes pequenos concellos escápanselle da rede.

* O Goberno de Feijoo é un Goberno ao servizo dos banqueiros e do vicio. Fai todo o que lle manda Rajoy; e Rajoy fai o que lle manda Alemaña. Nos dámoslle os impostos ao Estado e España quítanos as pensións, as axudas a agricultura, os hospitais….para que Rajoy e Feijoo os metan nun saco sen fondo que teñen os bancos e que fai mover os cartos cara os paraísos fiscais, fondos secretos, grandes mansións, cacerías e gastos en guerras. Rajoy non para de berrar que hai que salvar a Banca sexa como sexa, inda que para iso nos transforme a nos e aos nosos fillos nus miserábeis sen futuro.

* No rural galego non podemos seguir resignados soportando esta desfeita do Partido Popular. O BNG está termando con forza da súa bela e unindo a xente, e facendo propostas. Desta volta non valen escusas no rural galego, hai que seguir o camiño da unidade e da rebeldía para poder subsistir e ter futuro, e que o teñan tamén os que veñen despois; e non por facerlle favores ao BNG, si non por necesidade….