O rei está espido


Coma no coñecido conto de Hans Christian Andersen "o traxe novo do emperador" moitos galegos e galegas están a comprobar que o rei Feixóo está espido.

A propaganda oficial non pode tapar os dados reais. O noso soberbio e presumido presidente é o campión dos recortes, da privatización de servizos, do incremento do paro, da paralización da inversión pública, da desaparición da caixa de aforros e do espolio do aforro galego.

As súas políticas están agravando a crise económica na Galiza. Dende que Feixóo é presidente da Xunta de Galiza o paro está subindo practicamente o dobre que no resto do estado. Son mais de 56.000 os novos parados, un aumento do desemprego nun 5% fronte a unha media no estado de aumento dun 3%.

A caída da actividade económica, a paralización da inversión pública, a falla de crédito, fan que a inmensa maioría das pequenas e medianas empresas estean practicamente sen carga de traballo e sen perspectivas de futuro. Pero onde mais espido está o noso rei Feixóo é no equilibrio das contas públicas. El que non para de darnos leccións a todos, que mesmo presume de que o que fixo o PP en Galiza é o que se vai facer en toda España. El que xustifica todos os recortes e privatizacións co argumento de equilibrar as contas públicas resulta que ten incrementado o endebedamento da Xunta de Galiza en mais de 3.000 millóns de euros. Mais de medio billón de pesetas. El que tanto gusta de falar de buratos herdados resulta que en só 2 anos e medio de goberno subiu o endebedamento de Galiza de 3.923 millóns de euros a mais de 6.923 millóns de euros cos dados de xullo 2011.

Somos grazas ao austero e eficiente Feixóo a 5ª "Comunidade Autónoma" mais endebedada, representando mais do 70% do orzamento da Xunta de Galiza.

Todo isto sen que houbese unha financiación de grandes obras públicas e mesmo cando a Xunta de Galiza está a recorrer a privatización -deixando outra débeda para o futuro e incrementando custes- para a construción de novos hospitais coma o de Vigo.

As cifras do endebedamento da Xunta de Galiza coas políticas aplicadas polo eficiente e austero Feixóo non casan coa súa demagoxia e evidencian o seu fracaso, debemos berrarlle coma o neno no conto de Andersen: o rei Feixóo está espido.