O referendo do profesorado, un compromiso co ensino público

Hai uns días, 0 25 de outubro, en referendo, o profesorado galego confirmou, con rotundidade e contundencia, o que xa viña amosando desde o mes de xuño, o rexeitamento á política educativa de goberno galego. Despois de numerosas concentracións, de peches, de diversas e participativas mobilizacións -entre as que destacan as catro manifestacións nacionais multitudinarias que percorreron as rúas de Compostela- e de dúas xornadas de folga, secundadas
maioritariamente polo profesorado, e de moitas outras actuacións, resolucións e diferentes medidas levadas a cabo polos propios centros educativos para reprobar a actitude desprezativa do conselleiro para co profesorado e as imposicións e os ataques ao ensino público, vimos de realizar unha consulta ao profesorado que supuxo unha grande mobilización e compromiso pola súa parte, ao mesmo tempo que foi moi clarificador do papel que cadaquén xoga no ensino na Galiza.
Estamos ante un conflito iniciado no curso pasado con consecuencias e ramificacións en todos os niveis educativos non universitarios. Non hai lugar para o equívoco se afirmamos que o PP ten no sistema educativo un dos ámbitos preferentes para aplicar as súas políticas neoliberais, tendentes, no económico e social, a desmantelar os servizos públicos e, no cultural, a uniformización e exterminio do noso idioma. A contundencia con que foi atacado o ensino público e o descrédito ao que se veu sometido o profesorado galego non ten parangón de ningún tipo. Posteriormente, noutros territorios do Estado Español aplicáronse recortes que aínda tendo unha mesmo obxectivo, aproveitar a crise económica para debilitar os servizos públicos e acrecentar a súa privatización, a súa orixe, dimensión e efectos non foron os mesmos. A visión centralista dos medios de comunicación, tanto públicos como privados, negadora de Galiza e do que aquí acontece, implica a deformación permanente da nosa realidade. Así chegan a afirmar, no mes de setembro, que o profesorado galego se sumaba ás mobilizacións que o profesorado de Madrid estaba levando a cabo, cando xa no mes de xuño, amais de ter iniciado as mobilizacións, tiñamos marcado un calendario de mobilizacións e folgas que durarían até o mes de outubro.
Cabe lembrar que o actual conflito no ensino galego ten o orixe en que a Consellaría de Educación liquidou un acordo asinado coas organizacións sindicais e impuxo, sen ningún tipo de negociación, unha orde que incrementa o horario lectivo do profesorado. Impide, así, a realización doutras funcións e dinamizacións e obriga o profesorado a custodiar o alumnado que fai uso do transporte escolar. Unha vez iniciado o actual curso escolar e comprobadas as consecuencias das medidas da Consellaría que, entre outras, implicaron a redución de máis de 1000 profesores, maior deterioro na calidade do ensino e carencias de recursos e de profesorado para a atención ao alumnado que máis o necesita e despois de dúas folgas e múltiples mobilizacións en Galiza, as organizacións estatais actuantes en Galiza chaman o profesorado galego a manifestarse en Madrid, dándolle así un respiro ao conselleiro e ao propio goberno galego, cando é o único artífice dos recortes que está sufrindo o ensino público en Galiza. Unha clarificadora mostra máis de como estas organizacións centralistas, con mando fóra de Galiza, supeditan os interese do profesorado galego a tácticas sindicais que lles marcan desde Madrid, aínda que estas desfocalicen o problema e en nada axuden a resolver o conflito galego, creen confusión e, obxectivamente, favorezan o posicionamento do Conselleiro que, constantemente, exime a súa responsabilidade culpabilizando o goberno central. Todo isto explica que na reunión, promovida pola CIG-Ensino e realizada o día 30 de setembro, para acordar un novo calendario de mobilizacións -unha vez rematado o anterior coas dúas xornadas de folga en Galiza- ningún sindicato fixese propostas de mobilización nin tivese previsto ningunha acción en Galiza. Evidenciase, así, que o obxectivo destas organizacións non era outro que rematar as mobilizacións en Galiza e dirixir todos os esforzos cara a estratexias alleas ao conflito galego, como era a manifestación que tiñan convocado para o día 22 de outubro en Madrid. Aceptaron, iso si, porque non lles quedaba máis remedio, as propostas de concentración para o día 11 de outubro nos centros educativos e as do día 18 en diferentes localidades e quedaron de dar resposta á nosa proposta de realización do referendo para o día 25 de outubro. Posteriormente, soamente a UGT se sumou á proposta e o STEG-STES e CCOO non só non o apoiaron, senón que as súas direccións o criticaron e combateron.
Pode resultar difícil comprender as motivacións que levaron a estas dúas organizacións a non apoiar e, mesmamente, a combater desde as súas estruturas de dirección un referendo cuxo protagonista era o profesorado. Mais non debemos perder de vista que para eles, como xa dixemos, a foto final importante era a manifestación en Madrid, tendo que ser tamén o colofón ás mobilizacións de Galiza. Se repasamos a práctica sindical destas organizacións, atoparemos e poderemos comprender mellor as verdadeiras razóns que as levaron a detestar o referendo. No caso dos STEG-STES a falta de proxecto sindical de clase alimenta acotío o seu desnorte sindical. Preséntase, cando lle interesa, como organización de ámbito exclusivamente galego, se fai falta mesmo nacionalista, e cando non como o que é, unha organización estatal. O único certo, porque así o testifica a adscrición dos seus delegados/as sindicais, é que se trata dun sindicato de estrutura e organización estatal. Esta mesma organización sindical foi capaz de estar convocando conxuntamente coa CIG-Ensino unha folga, no ano 2007, en contra da supresión da xornada reducida de xuño e setembro, e, ao mesmo tempo, formar parte da outra plataforma sindical que desconvocaba a folga e que asinaron a liquidación da xornada reducida, quedando só a CIG-Ensino convocando a folga que sería secundada maioritaria polo profesorado. Posteriormente, o 78% do profesorado amosaría, mediante a súa sinatura, o seu rexeitamento. Por certo, esta organización, despois de asinar e non retirar a súa sinatura, pasados dous anos, sumouse á demanda, que a CIG-Ensino nunca abandonara, de restituír esa modalidade de xornada en xuño e setembro. Esta mesma organización foi a única que non asinou, no ano 2007, o acordo que reduciu en catro horas o horario lectivo do profesorado de primaria e infantil e creou máis de 1000 postos de traballo. Acordo que, agora, vén de suprimir o PP e que motivou as mobilizacións que estamos levando a cabo. Como se observa, a falta dunha mínima coherencia e a súa actuación oportunista lévaos a manter, as máis das veces, unha posición vacilante.
,Ante a carencia dos máis mínimos argumentos de peso para explicar a súa aposición contra a realización do referendo, CCOO optou por poñer en dúbida o rigor e a seriedade do mesmo, cando seriamos as organizacións sindicais as promotoras e o profesorado o protagonista e organizador do mesmo. Afirma tamén que o referendo recargaba de traballo os centros, cando calquera loita e mobilización leva implícito un grao de compromiso, pois non se pode chamar á solidariedade externa se os afectados e afectadas máis directamente non están dispostos/as nin á mínima implicación. E, por último, argumentou que o profesorado xa falara nas tres manifestacións e na folga do día 27 de setembro (Por certo, para eles a folga e manifestación do día 27 de setembro sobran, xa que non as citan.) Con esta última xustificación, estaba, implicitamente, dando por rematadas as mobilizacións, aínda que o conflito estea sen resolver. Porén, CCOO, no escrito que enviou aos centros, non explicitou a razón que tivo o peso fundamental na decisión final: o sectarismo histórico e enfermizo contra a CIG-Ensino. Se reparamos agora nos comportamentos sindicais é porque pensamos que despois do éxito do referendo é necesario, por clarificador, analizar o papel de cadaquén nos feitos. Desdeñábel papel o daqueles que ao non apoiar, criticar ou combater o referendo estaban coincidindo coa consellaría, cando afirmaba que o referendo non tiña validez e que era un acto propagandístico. Tanto o resultado e alta participación como o feito de que afiliados e afiliadas destas organizacións participaran no mesmo é a evidencia da actitude inxustificábel e errada destes sindicatos.
Permanentemente, sufrimos declaracións, tanto do conselleiro como do presidente da Xunta, fundadas na mentira e na terxiversación. A falsidade dos datos, a manipulación e o uso fraudulento do medios públicos para minorizar as mobilizacións e agredir o profesorado acadaron neste conflito as máis elevadas cotas, nunca pensadas. O portal web da consellaría de educación lémbranos o NODO da época franquista. A diario é utilizado como un medio partidista, sectario e ao servizo do partido Popular. Permanentemente, difámase a CIG-Ensino, atácase aos representantes do profesorado e emprégase como medio propagandístico para beneficio e gloria do conselleiro e non como unha páxina informativa e institucional. Cada día vémonos máis acurralados mediaticamente. Aos medios de titularidade pública que o PP controla e manipula ao seu antollo -aí están as falsidades vertidas sobre as mobilizacións e o horario do profesorado- hai que lles engadir os medios privados que na súa inmensa maioría están ao servizo do PP e amosan unha zunía especial co profesorado e co ensino público.
O referendo levado a cabo o 25 de outubro hai que encadralo como unha acción máis de combate e loita contra os recortes no ensino público e a súa acelerada privatización. O obxectivo era claro: activar, máis unha vez, o profesorado e pulsar directamente a opinión de todos e cada un dos profesores e profesoras sobre os recortes a que están sometendo o ensino público, sobre a imposición, sen previa negociación, da ampliación do horario, sobre a responsabilidade do profesorado de custodiar o alumnado transportado e se estas medidas melloraban a calidade do ensino. Sintetizábase así, nas catro preguntas, un conflito que, amais de empeorar as condicións de traballo de profesorado, significa un ataque á calidade do ensino e supuxo o inicio do desmantelamento do ensino público en beneficio do privado concertado. A altísima participación, 19.182 profesores e profesoras emitiron o seu voto. O número de centros educativos que o realizaron, un total de 863, e a porcentaxe de respostas rexeitando as medidas da Consellaría que van desde o 93,32% ao 97,60 % evidencian con contundencia a opinión e o estado de ánimo do profesorado. A participación e as respostas dadas veñen a corroborar que o profesorado galego non só se posiciona de maneira inequívoca en defensa do ensino público como dereito que se debe garantir nas mellores condicións a todos e a todas as galegas/os, senón que está disposto a seguir combatendo o seu desmantelamento e deterioro.
O resultado e a altísima participación do profesorado no referendo son concluíntes do desprezo absoluto que merecen as declaracións e actuacións continuas deste Conselleiro, cargadas de demagoxia e baseadas na mentira. O desprestixio ao que é sometido permanentemente o profesorado e o seu traballo, o descrédito do ensino público e o desvío continuo de recursos cara á escola privada concertada non lle están saíndo de balde ao partido popular. Ante este rexeitamento do profesorado á política educativa da Consellaría e ante a lección de democracia e participación que vén de impartir, o razoábel e democrático sería que o Presidente Feijoo cesara ao Sr. Vázquez, retirase a orde pola que se amplía a carga lectiva do profesorado e a obriga de vixiar o alumnado transportado e abrira canles de negociación para solucionar a conflitividade actual. Se as mobilizacións realizadas até agora impediron que os recortes previstos pola Consellaría non acadaran as proporcións que tiña previsto, o resultado e participación no referendo supón tamén un freo a unha Consellaría que ten como obxectivo recortar no público para reforzar o privado e dános alento para continuar mobilizándonos e batallando por un ensino público galego e de calidade.