O (re)enterro de Castelao
"Comprendo que para un grupo político, ancorado no materialismo histórico do século XIX, sexa difícil captar o valor do inmaterial.(..) Algunhas mentalidades semellan petrificadas en arcaicos conceptos materialistas propios dunha filosofía avellentada.(...) Por iso señorías, llo digo sinceramente, é unha carencia intelectual, unha tara ou unha eiva ideolóxica que un director xeral de patrimonio cultural do século XXI non ten porque cargar."
Quen así se expresa é Jose Manuel Rey Pichel, no Parlamento de Galiza. Esta restra de insultos -que non son froito dun arrebato, xa que os traía por escrito- agochan un tufo racista e antinacionalista; amosan a consideración e respecto do PP polo pensamento nacionalista ao que tanto contribuíu Castelao. Porén, os seus excesos verbais tiveron algo positivo: evidenciar o novo intento de manipulación da figura de Castelao; repítese, a modo de patoloxía crónica do PP, o intento por ocultar a súa obra e descafeinar o seu pensamento. Se no ano 1984 a fórmula foi o traslado dos restos a Bonaval, no 2011, muda o método sen variar o fin: a obra de Castelao é un ben inmaterial, etnográfico, abstracto!
Hai que recoñecer que o PP domina técnicas de manipulación refinadas. Quen non prestar atención ao asunto, podería pensar que se dá o máximo nivel de protección á obra de Castelao. Nada máis lonxe da realidade. É unha declaración baleira, sen contido real.
O BNG, en dúas ocasións, promoveu no Parlamento de Galiza unha resolución reclamando a concesión da máxima protección patrimonial á obra de Castelao. Unha medida que debería servir para dar maior relevo as súas creacións e dotar a Administración de instrumentos protexer a súa obra. Isto é, establecer medidas para a súa conservación e mesmo, adquirila para o patrimonio público galego, impendindo que se poda disgregar (máis) ou vender. Nada disto vai ser posíbel coa declaración aprobada pola Xunta do PP.
,Considero que a declaración como ben inmaterial é de todo punto de vista improcedente. A extensa obra de Castelao, son bens materiais: libros, debuxos, óleos, cartas... Mais se acudimos a normativa, as dúbidas fican despexadas. A Lei de Patrimonio Cultural de Galiza vincula claramente os bens inmaterias co patrimonio etnográfico. Así, no seu artigo 65, relativo aos bens inmateriais, especifica que son aqueles que "teñen valor etnográfico e gozarán de protección aqueles coñecementos, actividades, prácticas, saberes e calquera outra expresión que proceda de modelos, técnicas, funcións e crenzas propias da vida tradicional galega".
A Unesco, na súa Convención sobre o Patrimonio Inmaterial (2003), define o patrimonio cultural inmaterial como "os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural". E especifica que se manifesta nas tradicións e expresións orais; artes do espectáculo; usos sociais, rituais e actos festivos; coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; e as técnicas artesanais tradicionais.
Por se isto non fora o suficientemente claro, podemos acudir a listaxe de bens culturais inmateriais declarados pola Unesco. Atopamos o tango, o flamenco, o fado, a caligrafía china, o canto ca trù, o rito de pesca colectiva da lagoa de Sankè, antroidos e músicas tradicionais... mais non hai rastro da obra de ningún autor individual. Sufrirán os membros do Comité da Unesco algunha carencia intelectual, tara ou eiva ideolóxica semellante a do nacionalismo galego?
A clave é determinar que intereses quere preservar esta insólita decisión. As conxeturas poden ser variadas, mais eu inclínome por tres. A declaración que fai a Xunta favorece o valor especulativo da obra de Castelao; non a protexe, mais incrementa o seu valor de mercado ao declaralo Ben de Interese Cultural.
O segundo garda relación co incerto destino do patrimonio artístico das defuntas caixas de aforro. Estas adquiriran unha parte da súa obra, concretamente 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. A intención do PP e de Castellano, é que todo este patrimonio sexa vendido ao banco. A declaración como BIC complicaría esta operación -a Xunta tería opción de compra preferente- e unha futuríbel venda deste patrimonio polos propietarios do banco. A Xunta tería moi complicado xustificar o espolio dese patrimonio e renuncia á exercer o seu dereito de tanteo.
Finalmente, non podemos obviar unha razón fundamental: ao PP non lle interesa que se coñeza e difunda a obra de Castelao. O seu pensamento é un antídoto fronte aos que tan con tanta teimosía insisten en que deixemos de ser galegas e galegos. A súa obra e vida desmontan os intentos de utilizar a Castelao como xustificador do actual estado autonómico. Por iso é mellor reducilo a un espíritu, diluír a súa figura até que non quede rastro do auténtico Castelao. No século XX, o españolismo intentou apropiarse de Castelao coa traída dos seus restos a Bonaval. O nacionalismo frustou a tentiva. No século XXI, Feixóo, reenterra a Castelao declarándoo patrimonio inmaterial. Castelao non existiu, é unha especie de Santa Compaña contemporánea. Frustremos de novo este intento de manipulación.