O que se oculta sobre o BNG
1. Datos e alternativas da XIII Asemblea Nacional.
Sen liberdade, a democracia é unha falacia. Sen unha información contrastada tampouco pode existir. E cun férreo control a deriva ideolóxica e informativa está asegurada. Non poderemos ser libres para decidir mentres a información se dea incompleta e pasada polo coadoiro do mesmo poder.
Por isto quero lembrar os datos sobre o BNG que intencionadamente se ocultaron ou se deixaron na trastenda de quen guía aínda a información pública do que nel está a acontecer. Coa intención de que a análise dos feitos sexa o máis obxectiva posíbel e coa intención tamén de que ninguén escape das consecuencias dos seus actos.
Tomo os datos ofrecidos nun interesante editorial do Terra e Tempo dixital e ao que chamo para a súa lectura: Na votación das candidaturas para o Consello Nacional, Alternativa pola Unidade obtivo o 48,76% dos sufraxios, Para un novo Proxecto Común, Refundación e Rexeneración (+G e EI), o 45,65 % e o Movemento Galego ao Socialismo, o 5,59%. Na Asemblea anterior, no 2009, o resultado fora, respectivamente, o 45,29%, o 51,59% e o 3,13%. Á vista está que se produciu un avance de Alternativa pola Unidade de tres puntos e medio e do MGS de dous puntos e medio. A importante porcentaxe obtida por "Para un novo Proxecto..." é inferior en 6 puntos á conseguida pola suma de EI e +G na Asemblea de Maio de 2009.
O candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, gañou cun 53,37 %, e o noso Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, na segunda volta, cun 53,95 %, os dous presentados pola ApU (Alternativa pola Unidade) e non pola UPG, siglas estas que, para ocultar as da ApU, polo tanto para negar a presenza maioritaria de milleiros de independentes, foron utilizadas reiteradamente como siglas da candidatura por practicamente toda a información que se deu posteriormente, incluída a dos representantes da candidatura perdedora presentada na Asemblea.
Outros datos moi distintos son os que definiron o apoio á Tese Política e Organizativa que rexerá até a próxima Asemblea Nacional. Neste caso, os apoios á tese sobre a que se configuraron os debates nas comarcas unha vez decaídas as que presentaban as outras alternativas, foron en números redondos do 70 % fronte a un 30 % (2000 fronte a 1000 nos plenos da Asemblea Nacional), cunha participación menor, pois, fronte á que se deu para a elección dos cargos de dirección (neste caso algo máis de 4000 votantes en total). Por que ocorreu isto? Pois porque a proporción de votantes que apoiaron a ApU mantense nas dúas votacións, a dos cargos de dirección e a da Tese Política e Organizativa; e a da que se presentou por Mais Galiza e Encontro Irmandiño, suma case 1000 máis cando se vota para os cargos. Estes 1000 votantes máis aparecen á hora en que se abren as urnas para as distintas votacións e desaparecen unha vez que se cerran. Igual, máis ou menos, aconteceu nas comarcas no debate das Alternativas políticas. Compróbase o mesmo interese en ApU por debater tanto as teses políticas e ideolóxicas como os representantes que as han levar a cabo como proxecto unitario. Non acontece así nos demais. Eles van a polos cargos, a controlar a dirección. De ter gañado habería que preguntarse que alternativas políticas e organizativas poñerían en práctica. En coherencia, parece unha contradición que optasen ao Consello Nacional unha vez que as súas teses políticas foron derrotadas.
2. Práctica política dos últimos anos
Non foi homoxénea dentro do BNG, sobre todo desde a experiencia do goberno na Xunta. A tese que agora se defendía era a de entrar abertamente no sistema. A adaptación total a el, xa que logo. Ou divagar fronte ao altermundismo con alternativas que realmente non se plasmaron en nengún momento, porque esas eran as da Tese que eles non aprobaron. A Europa dos ladróns, o bilingüismo, a economía de mercado, a Autonomía como proceso altamente positivo, o galeguismo fronte ao nacionalismo, reconversión do BNG nun partido... rompían a ideoloxía propia do nacionalismo. E en moitos dos concellos en que gobernaba o BNG e nalgunha consellaría por eses criterios andou a cousa. Como tamén o uso do caciquismo como práctica para gañar procesos electorais internos. Na loita social, na loita cultural e idiomática, curiosamente, a ausencia dos chamados críticos era rechamante. Non nun caso: en practicamente todos.
Perdiamos o noso carnet de indentidade a marchas forzadas. A baixa electoral veu por aí tamén, porque a xente xa non sabía quen eramos realmente. Na dirección nacional tiñan maioría +Galiza e o EI, pero parece que con eles non ía a cousa, e todo o que se facía era mal da UPG, esa experta en control e dexeneración. E menos mal que tivo a paciencia suficiente para non ceder á reiterada provocación. A pesar das que lle caeron, como sempre, a Francisco Rodríguez ou Bautista Álvarez, figuras dunha práctica, coherencia e historia que non se daban precisamente en quen usaban os altofalantes. Algún día falarei deste tema con fondura. Uns traballaban (os parásitos eses, os da planta carnívora, insulto que nen o peor inimigo botou nunca); e que facían os outros?... oposición, claro, como se o BNG fose o Parlamento de Galiza cos bos nunha bancada e os malos noutra. Uns na guerra e outros dándolle ao mando no sofá. Non é críbel que todos os males sexan sempre dun sen que o compañeiro do lado teña algo que ver. E aquí, desde xa hai moito, parece que os demais foron uns anxiños manipulados e controlados con sectarismo. Lembrades unha das cousas que se estivo repetindo arreo durante o proceso inicial de ataque ao BNG, á UPG?: os maiores éxitos da Fronte déronse cando Beiras era deputado e estaba á cabeza da organización. Os peores cando el xa non estaba e controlaba a UPG. A frecha lanzada rompe por simple lóxica: como sempre mandou a UPG (consenso xeral), mesmo cando estaba Beiras no seu mollo, a etapa das vitorias e dos bos resultados sería lóxico achacarlla tamén á UPG, posto que era ela quen mandaba. Ou? Daquela é análise obxectiva a que se fai ou obxectivo de acoso a quen segue a manter os postulados unitarios e ideolóxicos do BNG sen entregarse ao sistema? Demasiado doada a busca do culpábel. E demasiado teimosa.
,3. A historia
O BNG fundouse en 1982 despois de que a AN-PG apoiada pola UPG decidise, xa nunha etapa de consolidación do sistema autonómico, autodisolverse para formar unha Fronte patriótica que acollese a todo o nacionalismo. Xuntáronse en réxime de autoconvocatoria partidos, grupos políticos e persoas interesadas e decidiron en asemblea fundar o BNG. Non houbo un fundador especial, pois; foi unha fundación colectiva de todos e todas as que se reuniron en Riazor.
A historia define a práctica que cada quen creou no seu desenvolvemento. No BNG naceron varios grupos e correntes nos últimos anos con estratexias máis ou menos definidas e de distinto carácter. Uns acabaron por desaparecer. Outros continúan ou naceron hai aínda pouco, con criterios ideolóxicos ou políticos diferentes. É a riqueza que dentro do pluralismo pode dar unha Fronte política do tipo do BNG. Mais se nos atemos ao resultado final durante o proceso dos últimos anos a UPG foi o partido que conseguiu reunir ao seu redor o maior número de militantes, baixo un programa político estratéxico ben definido e cunha praxe de importante introdución social. Non digo isto por chufarme, senón para analizar o por que se dá este proceso só na UPG e non en calquera dos outros grupos formados. Por que o PSG non existe hoxe? Por que EN, por exemplo, non conseguiu unha presenza social e militante de peso? Se as forzas políticas ou grupos, fosen do signo que fosen, tivesen esa presenza necesaria andaríamos agora noutra situación e o que está a acontecer, no peor dos casos, daríase de forma máis construtiva e respectuosa. Un grupo político non se pode formar porque hai que rexenerar o BNG ou porque hai que controlar os representantes nas institución para así ter poder. Un grupo político ou partido político fórmase por un idearium estratéxico que non contradiga os principios que definen a Fronte na que está incluído. Con isto quero dicir que todos os grupos, partidos e persoas tiveron campo aberto para desenvolver as súas alternativas organizativas de o consideraren. Por que non conseguiron crear algo forte, homoxéneo e consolidado? E por que a UPG si? Hai que matala por iso?
4. O futuro
De ter tomado a decisión de se ir do BNG parte dalgúns dos grupos formados no seu interior, era necesario que o fixesen para dar idea de que a organización ficaba practicamente destruída? Como segunda parte deste longo culebrón, tiñan e teñen que andar día a día alimentando esta idea falsa? Saben que lle están facendo a campaña das Autonómicas a Feijoo e ao PP? Porque andamos nesa campaña agora, e nestes dous meses estase definindo a maioría que vai gobernar no próximo ano. Poden ser tan inocentes de crer que van ter os medios de comunicación ao seu favor? Agora si, porque hai que potenciar esa desfeita hipotética do nacionalismo. Pero despois, que? Lembro as campañas que montaba o PP cando Beiras era candidato ao Parlamento de Galicia. Tiñamos que saír a defendelo en cada mitin, charla ou batalla. Había algún medio de comunicación que o potenciase e lle dese titulares e pantalla? Por que ese home que foi un diaño daquela se muda agora nunha especie de pai da patria? Sabemos a que leva este estraño interese de ex-compañeiros e compañeiras en planificar a desfeita cada día?
Partido, fronte, asemblea, ecogaleguismo, M-15, españolismo de esquerdas galeguizado... Uns grupos que se escinden do BNG aparecen axiña multiplicados e divididos dando unha idea penosa do nacionalismo. (Non sei que sairá de todo isto, mais sei o que ocorreu sempre que se montou un partido galeguista de centro adaptado ao momento). E neste momento en que o capitalismo está a exercer a máis dura ditadura; neste momento en que o PP está a bombardear a nosa identidade e os avances sociais logrados. Mais sei en quen xa non podo confiar, que estou nunha organización que anda a reconstruír un carnet de identidade plastificado nos últimos anos, que acaba de aprobar en asemblea masiva e con altísima porcentaxe un programa para a acción e a liberación do noso pobo e da súa dignidade. E sei que a ilusión volveu, esa forza ideolóxica tan necesaria para avanzar socialmente, porque é a única arma que temos quen queremos mudar realmente a situación desta nación; que volveu ese orgullo de ser e exercer como galego con claridade e sen disimulo. Sei tamén que esa parte que se foi e se anda a ir, debilita a nosa forza, mais, pola contra, reafírmanos no que queremos e remata coa batalla máis cruel de learse cada día. Aclaradas, pois, as ideas e obxectivos, andamos outra vez, na unión firme dunha masa moi numerosa que axiña habemos multiplicar. Que non se enganen os nosos contrincantes e inimigos políticos: o BNG move xa a nova etapa. Coa firmeza e claridade que o pobo esixe.