O que non se fala, bórrase

O que non se fala, bórrase

Iso dicía continuamente o protagonista dun filme de Gutiérrez Aragón que mirei hai algún tempo.

Bórrase da memoria colectiva que os galegos e os españois todos/as eramos xente emigrante e agora non se quere aceptar aos que viñeron de fóra. Bórrase que ata ben entrados os anos 60 nas escolas repartíase o leite americano e iso no era deshonra ningunha para os que o bebían. Bórrase, en fin, que o cambio producido nesta sociedade nosa nas últimas décadas é maior do que se produciu en cinco séculos, e así hai quen pensa que o que hai agora sempre o houbo.

Fálase de que agora xa non somos emigrantes, pero os programas estrela da TV1 e de Telemadrid chámanse Españoles (Madrileños) por el Mundo. Mais eses non son emigrantes, non, son viaxeiros, aventureiros, son xente que marcha porque quere, como si deixar a terra que te viu nacer e na que non tes oportunidades fose unha decisión individual sen mais... E na súa maioría, os que saen neses programas, son xente con amplísima formación recibida en escolas e universidades de aquí pero que van deixar o seu traballo polo mundo adiante porque aquí non atoparían un posto de traballo.

Mentres cae a que está caendo, mentres as tendas e comercios da Comunidade de Madrid (e de outras) pechan, os traballadores e traballadoras resentíndose da crise, os funcionarios a piques de ir á folga... a superpresidenta madrileña asiste aos touros e bota carreiras cos nenos na inauguración de pistas polideportivas. Mentres a Camps lle fan un traxe na fiscalía e Rajoy e Cospedal fican escondidos para que non os vexan, Aguirre asiste á final da Copa del Rey de fútbol e defende a capa e espada (nunca mellor dito) as touradas como bens de interese xeral e cultural.

Din as persoas dependentes da Comunidade de Madrid que elas tamen querían seren de interese cultural, pois así non terían que agardar anos pola resolución da sua causa.

Desde un punto de vista académico ou de investigación é claro de qué se fala cando se fala de "umbral de pobreza", de "exclusión social" ou de "pobreza relativa", pero cando estamos no nivel dos medios de comunicación e da opinión pública, entra en xogo a percepción e aí non valen dados estatísticos nin enquisas, cando un se sinte pobre, é pobre, aínda que sexa só de mentalidade como é a presidenta madrileña que onte fixo unha brincadeira sobre o imposto do patrimonio argumentando que ela é "pobre de pedir" .

Tócanos vivir tempos estraños, tempos de aquí e agora, sen pasado nin futuro, nos que se acalan conciencias coa colaboración coas ONG´s pero neste mundo do social, no que gran parte das estratexias de loita contra a pobreza e a exclusión pasan pola imaxe que a sociedade proxecta sobre o colectivo social, hai dados moi preocupantes: Nos últimos 5 anos en España aumentou en 5 puntos a porcentaxe de cidadáns que pensan que a pobreza é un fenómeno individual e saír del depende das propias persoas que o sofren.

Seguimos a estela da terra das oportunidades, o mundo dos EUA no que o esforzo individual fica por riba de calquera outra condición e que, como observamos a cotío, resulta nunha terra chea de inxustiza e desigualdade, por iso, mellor que igualdade de oportunidades, falemos de resultados dos programas de loita contra a exclusión e aí veremos se a tal igualdade existe.