O profesorado ten a palabra

O profesorado ten a palabra

Nun xornal dos que segue con vida, publicábase este sábado, que oportuno, unha entrevista co Conselleiro de Educación. Malia que o titular envía unha nova mensaxe ao conxunto da cidadanía, destinada a desacreditar as organizacións sindicais e, por extensión, o profesorado, por recriminarlle publicamente a redución de docentes nos centros públicos, a entrevista está dirixida a enviar unha mensaxe contraria á realización da derradeira mobilización deste mes de outubro, o referendo contra os recortes no ensino público.

No actual contexto de desinformación que estamos a padecer hai que ler entre liñas, e o feito de que o Conselleiro saia nos medios un sábado, buscando a maior audiencia posíbel e trasladando unha vez máis a mensaxe de que o profesorado está de acordo, vén significar que na Consellaría hai unha importante preocupación pola realización desta mobilización, pois prevén, como comprobaremos en poucas horas, que o profesorado vai manifestar o seu rexeitamento ás medidas adoptadas polo PP contra o ensino público.

Esa mesma preocupación polo referendo levou á Administración a convocar unha mesa sectorial para o luns á tarde, procurando dificultar o traballo que desde as organizacións sindicais temos que realizar e buscando unha nova coa que ocultar o referendo e dar normalidade á súa actuación.

,Algo parecido sucedeu despois da folga do 21 de setembro. Na televisión e na prensa sucedíanse as mensaxes do Director Xeral de Persoal da Consellaría de Educación tentando ocultar a realidade de que a mobilización fora un éxito, mais reclamaba que se desconvocase a folga prevista para o día 27. En que quedamos? Tiveron ou non tiveron éxito as mobilizacións?, porque se non o tiveron para que se pedía a desconvocatoria da folga? O caso é que ao final, o día 27, a manifestación que percorreu Compostela foi maior cá do 21, reacción do profesorado ao verse negado por quen o debe recibir e escoitar?

Estamos fartas e fartos de padecer a esta Consellaría, de escoitar as súas mentiras e sentirnos insultadas e insultados unha e outra vez, e agora falan por nós?! Non, non llo podemos permitir. Este martes ten a palabra o profesorado, en cada centro temos a oportunidade de respostarlle ben alto que non, que non estamos de acordo, que rexeitamos as imposicións e os recortes que están a levar a cabo, que estamos en contra de que consideren a educación unha mercadoría.

A Consellaría fai ben en estar preocupada. Estes días tentei ir a tantos centros como o tempo e os quilómetros me permitiron e atopei receptividade á proposta e ganas de participar nesta resposta colectiva.

A partir do martes, o Conselleiro non poderá repetir que o profesorado está maioritariamente de acordo. E daquela? Que fará? Nun país democrático, sentaríase a falar cos representantes dos traballadores e as traballadoras.

Estamos agardando.