O profesorado rebélase contra a difamación

O profesorado rebélase contra a difamación

A agresividade coa que se despacharon contra o profesorado nas últimas semanas provocou que o tiro lle saíra pola culata. Tanta manipulación e tanto insulto, ao fin, fixo que a mobilización do 28 de xuño fose masiva e que o intento de dividir á comunidade educativa (pais contra mestres, profesorado contra direccións, etc.) fracasara.

Lembremos como algúns dos xornais máis combativos contra os docentes (e contra a maioría das causas populares) acompañaron os seus titulares agresivos cunha enquisa na que abrían a porta aos baixos instintos das masas logo de axitalas convenientemente. A pregunta era: "¿Cree que los profesores son unos privilegiados desde el punto de vista laboral?". No momento en que se escribe este texto o resultado é favorábel nun 83% aos que non consideran que o profesorado sexan uns vagos que non a rascan (12.197 votos). Cabería pensar que esta resposta só é posible pola reacción dun colectivo que xa se fartou de tanta calumnia e desprezo.

Outro xornal que fixa a súa liña editorial de xeito humorístico mais contundente no seu apartado "pólvora e magnolias", sérvese da ironía para retratar o seu pensamento ao disparar contra "Anxo Louzao" ao indicar que non se xustifica que "en Galicia se implantase una jornada laboral de tan solo 21 horas semanales, o sea, la mitad que la de cualquier currante normal". Quizais non estean informados que a xornada laboral do profesorado non se lle toca e segue sendo de 37 horas e media. Que a reestruturación afecta á carga lectiva e as funcións, non á xornada, e que canto máis traballo se faga fóra das horas de impartición das aulas máis e mellores recursos se elaboran, máis calidade se ofrece e mellor eficacia terán as sesións lectivas. E, por outra parte, non é que quixeran os sindicatos implantar ningunha novidade, senón que teñen todos eles asinado un acordo no 2007 coa Consellaría que regula un tipo de xornada que se demostrou adecuada para os obxectivos pedagóxicos buscados, e que unilateralmente a Consellería racha dito acordo para impoñer, sen escoitar a ninguén, o que a eles lle petou, negándose o Conselleiro a recibir aos representantes sindicais.
Pero se eles non saben iso, como poden ter a responsabilidade de informar á sociedade? Mais, posiblemente mintan a mantenta co único obxectivo de encirrar os traballadores dun sector contra outro para evitar que se enfronten con quen realmente é culpábel da súa precariedade, da súa inestabilidade, do seu desemprego; e en definitiva, da crise que sufrimos uns máis que outros. A mensaxe é: non apuntedes contra quen vos despiden senón contra quen ten traballo, non pidades mellorar os salarios de miseria senón esixide que llos baixen aos que os teñen dignos, non demandedes estabilidade senón que denunciade e retirádella a quen a teña... e así até lograr a inocular na poboación o odio aos do lado para impedir a organización e acción colectiva fronte aos de arriba.
,Tamén é certo que a demagoxia é posíbel porque -como acontece co traballo doméstico- non se computa nin valora todas aquelas labores invisíbeis que non son de docencia directa. Só quen ten que dar a 30 alumnos cada hora sabe até que punto é preciso previamente a esta sesión ter que elaborar materiais e preparar esa aula e logo dela avaliar os resultados. Quen vive a imposibilidade de atender a diversidade e mesmo facer intervencións personalizadas naqueles casos que o precisen, quen se implica emocionalmente cuns nenos e unha mocidade que sabe necesitada de atención e actividades complementares que vaian máis alá de tratalos como esponxas que absorben contidos, en definitiva, quen quer facer do ensino unha ferramenta máis eficaz para mellorar a sociedade, os profesionais comprometidos e laboriosos, son os que se decatan que esta medida vai contra eles. Non vai contra os absentistas nin os "jetas", que tamén os hai, como en absolutamente todas as profesións, aínda que posiblemente en moita menor medida porque dificilmente se poden quedar cruzados de brazos e calados fronte á presenza do alumnado. Mais a estes nugalláns tanto lle tén que lle incremente o horario lectivo en detrimento destas outras labores. Tamén lles importará pouco que lle enchan dito horario de materias afíns de todo tipo e sobre as que non teña nin idea. Mais a inmensa maioría dos docentes, os pais e nais, e o alumnado, isto non lle é indiferente e saben que vai en detrimento evidente da calidade do ensino. De feito, toda a comunidade educativa foi tomando consciencia de que estas medidas van encamiñadas a reducir a almacéns os centros de ensino, ou máis ben a prisións, e a converter ao profesorado en simples gardiáns. Este papel é reforzado coa recentemente aprobada lei de "autoridade" e coa adxudicación de novas funcións relacionadas con estes labores de mantemento da orde pública e ordenamento do tráfico de autobuses escolares.

Desde Sócrates até Concepción Arenal repetíase ese lema de "cantas máis escolas, menos prisións". O actual Conselleiro resolveu a dicotomía degradando os centros educativos até semellarse a cárceres, e paralelamente despregou unha pantalla de fume para ocultar isto centrada en dous eixos: o inglés e a informática. Sen entrar na cuestión da pertinencia ou non de resitrinxir a isto os obxectivos educativos, o máis grave é a fenda entre a propaganda e a realidade. Quen está no ensino sabe que os recortes de recursos e masificación de alumnado, a redución de profesorado e o seu ataque contra as Escolas Oficiais de Idiomas, son medidas que van no sentido contrario ao que declaran pretender. Pode que o resto do pobo non coñeza isto. Xogan cunha sociedade aterrorizada polo desemprego e que recibe esas mensaxes futuristas e máxicas agarrándose a elas como un cravo ardendo, polo porvir dos seus fillos e fillas, e de aí que esa publicidade enganosa resulte tan eficaz aínda que nos pareza moralmente miserábel.

Por iso, en setembro, ten que continuar a revolta comezada o 28 de xuño para lograr reverter esta agresión. Como docentes temos a obriga de defender este servizo público, mais, sobre todo, conscientes de que a sociedade cada vez se educa máis fóra da escola, a través duns medios de comunicación que deturpan a realidade, coherentemente co noso cometido de ensinar, debemos saír publicamente a criticar o dano que están a facer estes xornais coas súas falsidades e esixir o dereito a unha información veraz.