O problema non é Uber


Ao fío do conflito do sector do taxi en contra dos chamados servizos VTC, cos que grandes corporacións transnacionais como Uber ou Cabify ultrapasan a regulación dun servizo público como é o transporte urbano, volveu poñerse en primeiro plano o fenómeno da agora denominada ‘uberización’ da economía. Trátase do despregamento de novas formas empresariais que sob o pretexto da ‘economía colaborativa’, entre outros, permiten ao capital acelerar na práctica o proceso de desregulación da economía, liberándose de calquera atranco normativo que dificulte o seu lucro privado. No entanto, se ben a emerxencia destes novos fenómenos debe ser analizada de cara a lle ofrecermos unha resposta acaída, quer a nivel sindical quer a nivel político, estes non son o problema en si propio, senón apenas síntomas máis agudos dun problema estrutural. O problema non é Uber, nin Cabify, nin a chamada ‘dixitalización’ ou a farsa da ‘industria 4.0’. O problema é o capitalismo.

O modo de produción capitalista, a pesar de se desenvolver con enorme creatividade por parte da clase dominante poñendo en marcha mecanismos cada vez máis sofisticados, sutís e perfeccionados, continúa a manter intacta a lóxica que o define: a explotación da forza de traballo. A apropiación privada de a cada vez unha maior porción da plusvalía, do excedente de valor creado pola forza de traballo humana que non é remunerado no salario. Ese proceso só pode desenvolverse a través do aumento da explotación. A tal fin o capital, coa conivencia dos Estados entregados aos seus intereses, emprega de maneira articulada diferentes mecanismos. Desde o aumento dos ritmos de traballo e da produtividade, pasando polo alargamento efectivo da xornada de traballo (non retribuído), até a deslocalización da actividade a territorios con peores condicións laborais e retribucións máis baixas.

A tendencia é estrutural, non apenas de conxuntura. Cómpre, xa que logo, enmarcar estas novas formas de explotación empresarial na ofensiva xeral do grande capital en contra das clases traballadoras e populares. Nesa agudización da loita de clases, onde se fai a cada vez máis evidente o absoluto antagonismo entre os intereses da maioría explotada e da minoría privilexiada que a explota, o capital ten avanzado baixo a coartada da vixente crise até cotas impensábeis hai apenas unha década. Unha dinámica favorecida tamén pola crecente reserva de man de obra desempregada que, por forza da necesidade, acaba por facilitar o empeoramento das condicións laborais e a diminución dos salarios.

De tal maneira que a crecente e continuada precarización do traballo, que se acaba por traducir na xeneralización do empobrecemento e a pobreza, provoca que hoxe existan formas laborais de tal precariedade que non garanten nin a reprodución da forza de traballo. Isto é, (sub)empregos con infrasalarios que non garanten nin a subsistencia material, literalmente, de quen traballa.

Subempregos que raian en formas de neoescravitude, privando mesmo aos traballadores e traballadoras da súa condición de tal. Como no caso dos e das ‘falsas autónomas’, que deixan en absoluta desprotección a quen traballa co único obxectivo de reducir, até o mínimo indispensábel, os custes laborais. O caso do persoal explotado pola falsa cooperativa Servicarne para o poderoso grupo Coren no noso país, é unha evidencia clara. Máis dun milleiro de persoas traballando sen horarios, sen dereito a vacacións, cuns ritmos abafantes e desposuídas das xa escasas garantías dun contrato de traballo a conta allea e sen se lles aplicar as condicións do convenio colectivo. Unha situación denunciada con valentía pola CIG e que grazas á firmeza dos propios traballadores e traballadoras logrou saldarse cun triunfo sindical, que non é inda definitivo pero que fixo posíbel torcer o pulso de grandes empresas e intereses.

Nun contexto de desorientación ideolóxica alentada polo posmodernismo progre e o vello social-liberalismo –no que hai quen se atreve a discutir a centralidade do traballo, a vixencia da loita de clases ou mesmo a existencia da clase traballadora para a substituír por novos suxeitos deformados e líquidos (ou case que gasosos)–, a imaxe dun traballador da transnacional Glovo (un outro deses emblemas da chamada economía ‘uberizada’) a durmir sobre cartóns no caixeiro dunha oficina bancaria, é unha demostración gráfica e incontestábel de que por máis que se empeñe a neolingua en confundirnos cos seus eufemismos e novos significantes, o problema continúa a ser a explotación capitalista e a contradición capital-traballo á que obedece.

Situarmos acaidamente o alcance do problema na súa dimensión estrutural e sistémica é un primeiro paso, indispensábel, para estarmos en condicións de formularnos unha alternativa transformadora de igual envergadura. Emporiso, hoxe cobra máis vixencia e actualidade aquela máxima de Marx de que o noso obxectivo estratéxico non pode ser “perfeccionar a sociedade existente, senón fundar unha nova”. Xusta, igualitaria, radicalmente democrática e libre de toda forma de opresión e explotación. Unha nova sociedade na que poder vivirmos con dignidade do noso traballo na propia terra. Ao cabo, unha sociedade que só poderá ser desde a ruptura coa ditadura capitalista cara ao socialismo.