O PP-PSOE, os fieis escudeiros de Francisco Vázquez na Coruña
En xaneiro 2015 o Tribunal de Contas decide, a instancias do BNG, abrir xuízo por responsabilidade contábel no caso de Someso. A denuncia recollía o contido do informe encargado polo propio goberno municipal do PP da Coruña, a funcionarios municipais, sobre a tramitación urbanística de Someso. O informe conclúe un dano ao erario municipal de uns 50 millóns de euros, dos que 19,23 millóns poderían someterse a un procedemento de reintegro ante o Tribunal de Contas.
O goberno municipal do PP, solicitou inicialmente o arquivo da denuncia do BNG e máis tarde rectificou, pedindo que se investigara, pero sinalando que non atopaban dano algún as arcas públicas. Fai unha semana, e cando xa ía rematar o prazo, interpón demanda, na que sinala a Francisco Vázquez e a varios concelleir@s do PSOE. Esta denuncia é un engano, xa que realmente o PP da Coruña non deixou de protexer ao ex alcalde socialista, ao negarse a anular os acordos que adoptaron os socialistas, a pesar de que o instructor de Contas e a Fiscalía advirten de que, con eles vixentes, non hai posibilidade de que a demanda prospere.
O BNG insistiu ao goberno de Negreira de que o único camiño, si realmente quere que a demanda prospere, e así poder reclamarlle ao ex alcalde a responsabilidade polo escándalo de Someso é revisando de oficio dos acordos de Someso aprobados no mandato de Francisco Vázquez. No pleno desta semana, o BNG volveu solicitar, por quinta vez xa, esta anulación de acordos da Xunta de Goberno de outubro de 2004, setembro de 2005 e febreiro de 2006.
Unha vez máis, o PP non permitiu nin tan sequera o debate da moción e o PSOE deu a calada por resposta. Esta calada do PSOE ven dada tamén porque a súa portavoz municipal e candidata á alcaldía, Mar Barcón, é unha das sinaladas por formar parte das Xuntas de Goberno que acordou o desenvolvemento de Someso, no que Antonio Fontenla é un dos grandes beneficiarios.
Nos diferentes escándalos urbanísticos que tiveron lugar na cidade da Coruña, durante a época dourada da construcción de vivendas, en canto un rasca un pouco, sempre saen os mesmos nomes propios, os mesmos promotores e os mesmos gobernantes, que atendidan aos dictados dos primeiros a hora de (des)ordenar urbanisticamente cidade.
O PP da Coruña aínda esta semana, acaba de volver salvar a Paco Vázquez de responder diante dun tribunal por unha decisión, que ademais de enganar a centos de veciños propietarios dos terreos, levou ao Concello da Coruña a perder uns 50 millóns de euros. Un exemplo máis, neste caso na cidade da Coruña, dos intereses que tanto PP como PSOE defenden.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.