O PP pretende impor nos concellos unha involución antidemocrática, centralista e privatizadora

O PP pretende impor nos concellos unha involución antidemocrática, centralista e privatizadora

As propostas do denominado Anteproxecto de Lei para a Racionalización e a Sostibilidade da Administración Local que modifican a actual lei de Bases de Réxime Local representan un ataque brutal a autonomía municipal limitando as competencias municipais en favor das deputacións provinciais, favorecendo a privatización de servizos públicos e subordinando aos concellos galegos aos dictados do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas do Goberno Central.
Esta modificación preséntase ademais sen ter en conta a opinión dos concellos e invadindo as competencias propias de Galiza e por suposto sen medidas que solucionen a falla de financiación que discriminatoriamente sofren os concellos galegos.

O descoñecemento e a ignorancia da realidade galega leva a reducir as competencias a desenvolver polos concellos galegos segundo dispón o artigo 26 deste Anteproxecto:

1. Os Municipios por si ou asociados deberán prestar, en todo caso, os servizos seguintes:

a) En todos os Municipios: iluminación pública, cemiterio, recollida de residuos, limpeza
viaria, abastecemento domiciliario de auga potable, rede de sumidoiros, acceso aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas e control de alimentos e bebidas.

b) Nos Municipios con poboación superior a 5.000 habitantes- equivalentes, ademais: parque público, biblioteca pública, mercado e tratamento de residuos.


c) Nos municipios con poboación superior a 20.000 habitantes- equivalentes, ademais: protección civil, asistencia social primaria, prevención e extinción de incendios e instalacións deportivas de uso público.


d) Nos Municipios con poboación superior a 50.000 habitantes- equivalentes, ademais: transporte colectivo urbano de viaxeiros e protección do medio.


2. Por real decreto estableceranse estándares de calidade para todos ou algúns dos servizos previstos neste precepto, que servirán de base para fixar os recursos financeiros asignados polo Estado ás entidades locais e se determinará así mesmo a periodicidade e procedemento de avaliación.


3. A asistencia das Deputacións aos Municipios, prevista no artigo 36, dirixirase preferentemente ao establecemento e axeitada prestación dos servizos mínimos. Nos municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes, as Deputacións provinciais, os Cabildos ou Consellos insulares no seu caso, asumirán a titularidade das competencias para a prestación común e obrigatoria, a nivel provincial ou infraprovincial, de todos ou algúns dos servizos previstos neste precepto, cando a prestación no ámbito municipal, xa sexa en razón da natureza do servizo, a poboación, ou a sostibilidade financeira non cumpra cos estándares de calidade a que se refire o apartado anterior.
…….. >

Como se pode apreciar da lectura diste artigo das competencias dos concellos de menos de 20.000 habitantes desaparecen por exemplo a xestión en instalacións deportivas, culturais, servizos sociais, medio ambiente, promoción económica,….. Asimesmo atribúese ás deputacións provinciais a asunción da titularidade destes servizos cando a súa prestación non cumpre os estándares de calidade que o propio Ministerio fiscalizará. O obxectivo é favorecer deste xeito a privatización de moitos destes servizos.

Suprímese a posibilidade contemplada no actual artigo 28 da Lei 7/1985 de que os concellos poidan prestar actividades complementarias das propias de outras administracións limitando deste xeito a liberdade dos concellos.

Limítase a formación de mancomunidades, consorcios e a posibilidade dos concellos de exercer actividades económicas na liña de reducir o papel do “público” frente a iniciativa privada e por último coloca aos secretarios e interventores como funcionarios dependentes da Administración Xeral do Estado nun esquema centralista que tanto a potenciación das deputacións provinciais como esta regulación dos denominados “habilitados nacionales” reflectín.

O BNG ten denunciado con pronunciamentos públicos, con mocións nos concellos, con propostas na FEGAMP as medidas que este anteproxecto contempla. Resulta curioso comprobar que mesmo os cargos públicos do PP nos concellos non son capaces de defender as reformas propostas e resulta evidente a falla de reaccións do Presidente da Xunta de Galiza diante dun anteproxecto que invade competencias propias de Galiza e ignora a realidade dos concellos galegos.

O BNG seguirá defendendo a supresión das deputacións provinciais, seguirá reclamando que a financiacións dos concellos se faga atendendo a criterios obxectivos non só de poboación senón tamén de dispersión e extensión dos concellos, seguirá opóndose á reducción do número de concelleiros apostando por concellos comprometidos con Galiza, coa maioría social que está sufrindo as políticas do PP que carga a crise sobre os traballadores co recorte nas prestacións por desemprego, coa supresión da paga extra do nadal aos funcionarios, coa suba do IVE ou o canon da auga que acarrea unha redución da capacidade adquisitiva e do consumo prexudicando gravemente ao comercio e á actividade económica local.