O PP enaltece a corrupción
A convención celebrada polo PP foi ben definida por Jiménez los Santos, con gracia e coa acidez que o caracteriza. Comparou a Casado con “Juana la loca paseando por España el cadáver de Felipe el Hermoso”, xa darían algo porque fose un cadáver porque está decote resucitando. Así que o PP paseou durante sete días a sombra da corrupción, polo seu chan patrio co aplauso de los españoles de bien e dos que votan bien.
Valencia como exemplo
Unha convención incongruente pois mentres o secretario xeral Egea criticaba a Aguirre sinalando que a corrupción desfixo ao PP de Madrid, o desfile de corruptos e defraudadores polas tribunas da tournée, presentados como exemplos a imitar, non podía ser menos exemplar, e desde logo o espello en que mirarse. Nicolas Sarkozy, condenado en marzo a tres anos de cárcere por corrupción ao día seguinte da súa intervención engadeu outro ano polo mesmo motivo; o outro investigado por corrupción que participou por vídeo conferencia para dar apoio aos seus conxéneres, foi o chanceler de Austria, Sebastian Kurz, que é investigado por corrupción e que tivo que dimitir o 9 de outubro. Na mesma semana tres alcaldes do PP son investigados polo mesmo motivo, e para rematar o periplo, Valencia, onde a honradez non se pode dicir que fose norma a seguir si miramos a Eduardo Zaplana, Juan Cotino, Vicente Rambla, Milagrosa Martínez, Víctor Campos, Sonia Castedo, Ricardo Costa, Alfonso Rus, Joaquín Ripoll, Serafín Castellano, Carlos Fabra, Rafael Blasco, Consuelo Ciscar, etc., uns xa pasaron a mellor vida e salvaron o problema, e outros foron condenados pasando algúns pola cadea.
Así que compre preguntar ¿habería un sitio mellor que a praza de touros de Valencia para clausurar a convención dun partido e uns líderes marcados pola corrupción? Pois non, segundo as crónicas asistiron 9.000 militantes e simpatizantes que se supón que están conformes co que fan ese corruptos, porque como pensan que todos rouban, os seus non teñen porque ser menos, e a maiores, segundo o Nobel e presunto defraudador Vargas Llosa votan bien. O escenario era o mesmo sitio onde no ano 2008 Rajoy puxo como exemplo a imitar a Francisco Camps, hoxe procesado pola Audiencia Nacional por fraude e prevaricación, ao que lle dixo que cría nel como a inmensa maioría dos valencianos e dos españois, e por iso estaría detrás de ti, o delante o al lado, me da igual. Para o PP era o exemplo a seguir e a estender, e algúns tomaron nota.
O mellor exemplo Madrid
De que hai unha maioría de cidadáns que lles da o mesmo a corrupción, témolo en Madrid, comunidade que presidiu Esperanza Aguirre da que se rían cando era ministra e que fixo que choraba por non se decatar de que tiña corruptos no seu Goberno, como o seu sucesor Ignacio González que tivo que dimitir por corrupto para entrar na cadea. Sucedeulle Cristina Cifuentes, a dicir verdade, unha corrupta de pouca monta que se conformou con roubar unhas cremas nun supermercado e conseguir un máster en Dereito Autonómico do que non puido acreditar a existencia do traballo final, o que lle valeu a dimisión. Seguiulle Ángel Garrido, que resultou tránsfuga cara Ciudadanos, e, agora está Isabel Díaz Ayuso disputándolle o trono a Casado, a triunfadora deste ano, a pesar de que a algúns nos poda parecer imposible. Así que compre dicir que estes políticos elixidos libremente, son reflexo do que é unha parte nada despreciable da sociedade, e que estarían dispostos a facer o mesmo que eles.
Recuperar o centro político
Os obxectivos da convención itinerante parece que era recuperar o centro político, ese que perden sempre e que nunca atopan, pero polos excesos verbais do seu argumentario e o programa do seu líder fan que esa tarefa resulte imposible, pois levan nela anos sen conseguilo. Xa dixo Alfonso Guerra hai moitos anos de donde vendrán estos tíos que no dan llegado, e convencer aos posibles votantes de centro esquerda que se sumen a eles. ¿Cal foi a receita que ofreceu Casado na clausura do evento? Recentralizar competencias é poñer á liña aos vascos e aos cataláns, antigos socios do PP que lle garantían as maiorías cando nos as tiña.
Pero moi lonxe queda esa pretensión. No discurso de clausura Casado prometeu poñer orde en Cataluña, recuperar competencias transferidas a esta comunidade e a Euskadi, intervir TV3, e crear un nuevo constitucionalismo militante, non só coas leis que hai senón tamén coas que sexan precisas, para rescatar aos seus compatriotas da ruína e sentir o orgullo de ser español, e derrogar todas as leis promovidas polo actual Goberno, porque o PP é a única alternativa para España. Pero claro para facer iso hai que ganar unhas eleccións, mellor con maioría absoluta, algo que por agora parece que o teñen lonxe, e posible que se disputen o liderado Casado e Ayuso, que perdan no 2023, e de rebote salga Feijoo como candidato, que é o que ten na reserva o capital.
Colofón
O 28 de outubro a Audiencia Nacional volveu a condenar a Barcenas e ao PP por pagar en negro unha parte da reforma da sé de Xénova e deu por probada, outra vez, a existencia dunha caixa B que Aznar, Rajoy e todos os secretarios xerais negaron que existira. Albiols e expulsado da alcaldía por unha moción de censura por ter contas en paraísos fiscais e o portavoz nacional Almeida xustificando o seu proceder baseándose en que deu explicacións e en que non hai ningún procedemento xudicial encontra del. Corruptos e mentireiros, pero isto pasa ao mesmo tempo que algunhas enquisas din que o PP gañaría hoxe unhas eleccións e que podería gobernar co apoio da extrema dereita. A corrupción tamén ten votantes.