O polo descabezado e Anasagasti

O polo descabezado e Anasagasti

Isto non é unha análise política -que podería selo- nin sequera unha reflexión con vontade de chocar conciencias. É, e abonda, a espita pola que abrolla a reiterada carencia de argumentos para o autoconvencemento. Vén isto a conto, xa o digo agora, ante as perspectivas que intúo para o nacionalismo logo das últimas eleccións municipais. Ou mellor aínda, da perplexidade ante as explicacións que nos ten achegado o propio nacionalismo para "contextualizar" a notable merma de apoiantes. Quede claro que non pretendo cuestionar o dereito, incontornable, dese mesmo nacionalismo para avaliar como considere oportuno o seu labor. É o que lle toca. Pero por algún burato habemos de furar os que non temos outras canles de expresión "orgánicas" e tamén nos sentimos concernidos polo tal "contexto".

E, que dí ese contexto? Pois dí, por exemplo, que elección tras elección o nacionalismo galego perde apoios. Apunta, tamén, que está a piques de se converter nunha alternativa residual nas grandes cidades (agás, por suposto, en Pontevedra) e que, contra o que cabería agardar, non obtén a confianza demandada, dunha cidadanía espremida ata a extenuación polo seu socio preferente. Por máis que o perfil actual do BNG se acomode mellor á "verdadeira esquerda" e moito menos ao carácter interclasista, tamén fundacional, que seica foi demonizado como marca de renuncia e atrapallamento ideolóxico logo da experiencia gubernamental bipartita.

Puidera haber quen, á vista da situación, quixera acusalo de falta de capacidade política. Pero o BNG ten aclarado en reiteradas ocasións que nesta circunstancia histórica, a súa, é a única táctica viable. Non hai saída, diremos nós. Pero, iso si, para compensar a que se chegara a percibir como escasa cintura política, o nacionalismo estase a converter nun pulcrísimo perito da diagnose. O argumentario ideolóxico, con moitos estereotipos argumentativos, do que se ten dotado serve para ditaminar con exactitude e pertinencia as circunstancias que explican os cambios históricos do presente, para a detección das causas ocultas que planean por tras desta desfeita, e mesmo para reclamar a indignación avant la lettre. Porén, ¡ai!, as cousas non son tan sinxelas. Como calquera enfermo, as persoas que vivimos neste país non só precisamos do diagnóstico preciso da nosa doenza. Máis aínda, porque somos humanos, queremos solucións, esperanza e ilusión. E moita confianza naquel, ou naquela, que nos vai sandar. Porén, polo visto, semella que o BNG non parece especialmente crible á hora de ditar a medicación. Quizais o inmediato exemplo dunha parte da esquerda portuguesa axude a albiscar o esgotamento dun modelo de actuación que fía case todo á crítica contundente do contexto pero que semella incapaz de gañar a confianza non só do seu electorado tradicional senón tamén, poñamos por caso, da mocidade que protagonizou as mobilizacións da geraçao á rasca.

Polo que toca ao BNG non parece que esa incapacidade se xustifique por calquera eiva conxénita. Abonda con reparar no prestixio e na confiabilidade dos seus representantes municipais máis sobranceiros. E abonda tamén con ver o ben repartida que está esa capacidade. Non hai grupo ou corrente recoñecida do BNG que non poda alardear da súa eficacia na xestión dos concellos porque, como resulta doado comprobar, todas elas contan con alcaldías premiadas con maiorías absolutas (e iso aforra moitas rifas internas). Pero unha cousa é un concello e outra o Parlamento nacional, ou a representación nas Cortes do Estado. Postos nesas tesituras, moitos concidadáns non dubidan en outorgar os seus sufraxios a forzas políticas sinaladas por estaren pexadas polo caciquismo, polo sometemento ao capital financeiro ou pola corrupción máis indecente, antes que entregárllelos a unha organización que se presenta como un adaíl da conciencia ética e da rectitude moral. Hoxe porque hai crise e onte porque non a había, pero o certo é que a realidade raramente se aproxima ao ideal agardado. Quizais conveña matar (metaforicamente) a realidade.

Por suposto que o nacionalismo galego pode agardar por tempos mellores. Tempos nos que xa non aprete tanto o bipartidismo ou nos que o capital financeiro non teña nin para mandar tocar a un cego. Tamén pode agardar, malia leva, pola súa mutación nunha forza residual e botarlle a culpa ao contexto. Ao cabo, como vén de declarar o cabeza de lista do BNG por Lugo, "A nós non nos interesa o poder". Simple e rotundo, para que a sociedade non se leve a engano. Desculpen a miña ignorancia, pero a quen lle interesa unha organización política que seica rexeita o poder? Agobiado, como aparenta estar, nunha frenética carreira contra a súa sombra e especialmente obsesionado pola revisión permanente do seu propio pasado, o BNG aseméllase cada vez máis a ese polo descabezado que só ten un final decoroso: a pota.

Hai oitenta anos, outros nacionalistas galegos deberon tomar decisións estratéxicas que alteraron profundamente os alicerces do seu partido, o Galeguista. Tiveron que apostar, en 1931, polo Estatuto de Autonomía, en boa harmonía interna, e logo do aviso feroz de 1934 e 1935 por unha alianza electoral (a Fronte Popular) moito menos harmoniosa porque repugnaba abertamente a unha parte minoritaria da súa afiliación. Porén, con contradicións e algunha fractura, a aquel cativo grupo de correlixionarios non lle tremeu a man á hora de decidir. E percibo que somos moitos, hoxendía, quen suspiramos por aquela capacidade de anticipación.

Polo de agora, e agarimado nos seus 261513 sufraxios locais (¡quen os dera dentro duns meses!), o nacionalismo galego agóchase no lugar común dos resultados "non satisfactorios" ou na apelación voluntarista ao vaso medio cheo, e padece, semella que estoico, a enxurrada de consellos que como a calquera adolescente lle chegan dende o mundo dos adultos. Feijóo recomendoulle que non fixera pactos e o outro Vázquez advertiuno de que sen eles está perdido. Eu, hai algún tempo, escoiteille outra idea (se prefiren, un consello) a un nacionalista vasco, Iñaki Anasagasti. O senador do PNV, por certo bo coñecedor da realidade galega, dicía hai uns meses en Ourense que lle parecía que o noso nacionalismo "debía apostar por ser o eixo vertebrador dunha Galiza moderna" e non, engado eu, ser o caxato de ninguén para ¡ou paradoxos! afortalar o bipartidismo que tanto o magoa. Cada quen que o entenda como queira pero -permítanme a confianza- a min gorentaríame o remedio de Anasagasti. E xa de paso, se for posible, ter o poder.