O pobo contra o Reich


As crises sistémicas esclarecen, decantan posicións, recompoñen blocos sociais e fan saír á tona fenómenos que en condicións ordinarias fican mergullados, entoldados, difíceis de perceber nun ollada epidérmica.

Estamos nunha desas crises sistémicas do capitalismo (1873, 1929, as dúas anteriores de gravidade comparábel) e nada está escrito nin predeterminado sobre que desenvolvimentos futuros irá tomar a evolución social e política da Humanidade no seu conxunto e do pobo galego como suxeito particular (non aínda plenamente político, pero suxeito ao fin e ao cabo).

Todas as hipóteses están sobre a mesa, non cabe desbotar ningún escenario.

Non por acaso en chinés hai un mesmo ideograma para os conceitos 'crise' e 'oportunidade'. Unha focaxe marxista a esta crise sistémica do capitalismo serodio non pode ser a do laio paralisante, nen á da estupefacción meláncolica. Ha de ser, en troca, a de explorar todas as 'oportunidades' que a crise contén para esclarecer, decantar, e recompor blocos sociais nun sentido positivo e favorábel a unha ampla e profunda transformación. Non refundación sarkozyana, senón mutación cara á un novo sistema. Os marxistas hai moito que o temos bautizado. Socialismo. Mas o fundamental non é tanto o significante canto o significado. Arrebatar ao capital financeiro o poder que ten sobre as nosas vidas e residenciarmos ese poder en nós proprios, o pobo que vivemos exclusivamente do noso traballo. Esa é a cuestión.

Nas entrañas do Imperio central

Dificilmente unha crise podería ser máis esclarecedora do que esta, xerada nas propias entrañas do Imperio central, o norteamericano, e nas vísceras do segmento hexemónico do capital, o financeiro. Até o máis profano en economía política pode ver con absoluta clareza quen detenta o poder e como o usa, onde se residencia o ámbito en que se adoptan as decisións e que función cumpren os gobernos e os parlamentos teoricamente representativos da vontade popular.

A crise, como a vida mesma, é unha lección impagábel para o pobo. O pobo xa coñecía a existencia do Imperio norteamericano, mas era muito máis difícil perceber os mecanismos de dominio que outro Imperio exercía tan perto de nós. Un Imperio larvado e agachado durante décadas, como eses virus latentes que demoran en dar síntomas. Agora xa é de dominio público que ese Imperio existe. Que o Reich existe. Que a Unión Europa é unha estrutura imperial ao servizo de Berlín, e que o Estado español fai parte da periferia dese Imperio, fai parte do seu patrio traseiro, como o era a América do Sul dos EUA até a chegada do furacán Chávez.

Gobernos títere

Agora as cartas están sobre a mesa. Todos sabemos que o Goberno Rajoy é un goberno títere. Todos sabemos que tamén o é a Comisión Europea. Todos sabemos que o BCE é o Bundesbank. Todos sabemos que o euro é a forma en que agora se designa a moeda que antes chamabamos marco alemán.

As cartas repártense e os xogadores axen, uns con máis información do que outros, mas o xogo está en marcha. E o resultado é felizmente imprevisíbel, as cartas están marcadas, os tahúres xogan sempre con vantaxe, mais hai partido e non sempre os tramposos gañan.

Todo sistema ten que se lexitimar dalgunha forma e o capitalismo está a perder lexitimidade a marchas forzadas (o circo non chega cando comeza a escasear o pan) e, como nos aprendeu Gandhi, toda tiranía acaba sendo derrotada polo pobo cando este adquire consciencia da opresión.

Extraordinaria resposta popular no Día da Patria

Un último apuntamento para a esperanza. A extraordinaria resposta popular dada ao chamamento do BNG a participar de forma masiva no Día da Patria Galega mostra que este País comeza a ser consciente de quen move os fíos que nos conduciron até aquí e de quen está disposto a rachalos. O BNG, desde 2009, advertiu á sociedade galega de que a crise era sistémica e de que o receitario neoliberal que empregaban uns e outros ía agravala até estremos insuportábeis para a inmensa maioría social. Foi un enorme acerto estratéxico da direccion do BNG daquel momento, acompañada por unha militancia extraordinariamente comprometida como o requería a gravidade do contexto social. Os froitos estanse a recoller agora. Deixei escrito ao comezo do artigo que as crises recompoñen blocos sociais, as crises alteran o escenario e mudan lealdades. Algo moi profundo está a pasar no subsolo da sociedade, algo que xa teñen detectado os oráculos demoscópicos. Por iso Feijóo -o virrei zipaio que administra o Goberno pretensamente autónomo- amaga co pucheirazo, porque importantes sectores sociais tradicionalmente afectos ao Partido Popular comezan a virarlle as costas. Pequenos empresarios, autónomos, comerciantes vanse facendo conscientes de a que señor serve o Partido Popular. E comezan tamén a ollar cara ao BNG e cara ás propostas que o nacionalismo -o soberanismo, a esquerda real deste país- está a facer (banca pública para restaurar o crédito, defensa da capacidade de consumo da xente corrente, protección do comercio local fronte ás grandes superficies...)

O Imperio contraataca, claro que si. Pucheirazo. Censura nos medios públicos. Condicionamento dos privados a conta do contribuínte. Normal. Nunca as clases dominantes cederon o poder de balde. Mas o pobo galego está hoxe mellor preparado que hai só 6 meses para dar a batalla. Está máis esclarecido, máis decantado, xa sabe que esta partida, aquí e agora, na Galiza, se xoga entre el e o Reich e os seus colaboracionistas.

E é unha partida que podemos gañar.