O Plan de Ordenación do Litoral (POL) propón inzar a costa galega de parques eólicos

O plan de ordenación do litoral, que debería ter como un obxectivo fundamental a ordenación e regulación dos usos e actividades cun forte impacto sobre o medio e a paisaxe costeira do noso país, non establece ningún condicionante á ubicación de instalacións de produción de enerxía eléctrica na costa galega, nomeadamente de parques eólicos. No capítulo dedicado á enerxía (Título II, capítulo 4) prioriza a necesidade de desenvolver todo o potencial eólico do litoral galego, sen establecer ningún tipo de restricción ás posibeis ubicacións nin propoñer a retirada de ningunha das actuais.
O POL constrúe un discurso de apariencia técnica destinado a xustificar a explotación sen condicionantes dos recursos eólicos galegos
A análise, aparentemente técnica, do balanzo enerxético do litoral galego utilízase como primeiro chanzo da construción dun discurso que conclúe na necesidade de elevar substacialmente a produción de enerxia eólica na costa galega.
Segundo o POL : "... a produción de enerxía eléctrica é de 1.949 MW (18% do total da enerxía eléctrica galega). Trátase dunha porcentaxe relativamente pequena se temos en conta que no litoral vive o 59% da poboación galega e encontránse as principais empresas consumidoras de enerxía eléctrica.". Baseándose nestes datos xustifícase a necesidade de incrementar a capacidade de produción de enerxía eléctrica no litoral galego. Non ten en conta que na Galiza se produce o 12% da enerxía eléctrica do estado español e consómese o 8% da mesma, sendo o noso país exportador de enerxía eléctrica e carecendo de todo rigor a elaboración dun balanzo enerxético estanco paro o litoral galego.
O seguinte chanzo do POL para fomentar a proliferación de eólicos baséase na presunción da falta de impacto ambiental dos mesmos. O único inconveniente que segundo o POL teñen os parques eólicos é o seu " impacto visual, fundamentalmente en áreas sensibeis do litoral". Traslada ás Unidades de Paisaxe a necesidade de preservar espazos particularmente sensibeis, mais en ningunha das unidades contempladas no documento se impoñen limitacións ou restriccións aos eólicos.Unha vez máis, baixo a apariencia de información de carácter técnico xustificase a posíbel instalación de parques eólicos en zonas protexidas da costa, dada a súa ausencia de impacto ambiental.
O terceiro chanzo na construción do discurso que xustifica a proliferación de eólicos na costa galega é moito máis elaborado e perverso, xustifica a explotación dos nosos recursos enerxéticos na necesidade histórica de actuar sobre a paisaxe e o territorio para preservalo. Partindo da seguinte afirmación:"A paisaxe, como a enerxía, non se destrúe, senón que se transforma", o documento defende a implantación de parques eólicos en calquer ubicación formando parte dun proceso histórico de humanización e construción colectiva da paisaxe galega.
Segundo POL o litoral galego é deficitario enerxéticamente, a produción de enerxía eólica non ten impacto ambiental significativo e as instalacións enerxéticas forman parte da construción colectiva da paisaxe, contribuíndo á súa posta en valor e conservación.
Se non estivesemos a falar dun instrumento de ordenación do territorio da envergadura dun plan territorial integrado, parecería que o tratamento dos recursos enerxéticos galegos no POL forman parte dun esperpento que pretende, de xeito humorístico, pór sobre a mesa o debate sobre o proceso histórico de expoliación dos recursos enerxéticos da Galiza: lignitos pardos, grandes e pequenas centrales hidroeléctricas, e agora tócalle ao vento.
Recursos expoliados cun enorme impacto ambiental e social sen repercusións na calidade do servizo na Galiza nin na potenciación dos sectores produtivos do país, ao máis depurado estilo colonial.
A avaliación e planificación das infraestruturas de produción e transporte de enerxía eléctrica na Galiza debe basearse nas necesidades reais do país e dos seus sectores produtivos, e sobre análises ambientais e socioecónomicas serias e rigurosas. O tratamento do sector enerxético no POL constitúe un elemento máis para oporse firmemente á súa aprobación, e esixir a elaboración dun documento feito desde a realidade galega, para dar satisfacción ás demandas da sociedade galega e que realmente serva para protexer e poñer en valor o noso litoral.