O Pindo reúne importantes valores naturais que merecen a súa protección

O Pindo reúne importantes valores naturais que merecen a súa protección

O Monte Pindo é, como moitos coñeceredes, unha montaña impresionante dunha gran beleza. Caracterízase polo abrupto da súa paisaxe, acadando os 628 metros de altitude a apenas 2 Kilómetros de distancia do mar.

Para quen non coñeza o lugar hai que dicir que pertence case que completamente ao Concello de Carnota e sitúase á beira do mar entre Cee e Muros.

As súas especiais características non pasaron desapercibidas para os nosos antergos castrexos que a consideraban dende tempos inmemoriais unha montaña sagrada. Porque a relixión dos antigos celtas da cultura castrexa estaba baseada nos elementos naturais. A verdade é que se tivera que escoller obrigatoriamente unha relixión á que adorar, escollería unha que sacralizase á auga, ás montañas, aos ríos, ao ceo, ao mar, etc... porque parece a única relixión naturalmente formada. Prefiro non ter ningunha relixión aínda que hai que recoñecer a grandeza no uso das palabras empregadas por D. Ramón Otero Pedraio ao denominar á montaña do Pindo como o Olimpo Celta.

No entanto a verdade é semella mellor recoñecer as cousas polos seus valores constatables e a Montaña do Pindo é sen dúbida un lugar especial.

O abrupto do seu territorio fai que teña un elevado valor en canto aos seus recursos naturais podemos atopar nel unha vexetación abondosa en biodiversidade debido aos distintos ambientes e rangos de temperatura e humidade que supoñen o límite norte dalgunha especies escasa como o xeranio Eryngium duriaei subsp juressianum , ou o límite sur do musgo das turbeiras Sphagnum pylaesii. Mención aparte merece o arbusto coñecido como Carballo Anano (Quercus lusitanica), que ten o seu óptimo no suroeste da península ibérica en lugares como Huelva, Badajoz ou o Algarve pero que sen embargo medra no Monte Pindo dende hai miles de anos quedando relcto namentras a especie desapareceu dos territorios intermedios. De feito a poboación máis cercana ao Monte Pindo da especie Quercus lusitanica témola no Cabo da Rocha preto de Lisboa a 500 kilómetros de distancia da Costa da Morte.

Isto é o que se chama en bioloxía ter unha área de distribución Disxunta, é dicir, separada, neste caso por 500 kilómetros debidos á intervención da natureza e quizais do home, xa que o Carballo Anano é seguramente unha especie pirófita que necesita a rexeneración do lume para acadar espazos abertos porque a excesiva vexetación remataría afogándoos.

Esta versión é a máis plausible que podemos comprobar debido aos efectos sufridos no ano 2000 no que a zona sufriu un devastador lume forestal. Visitando o lugar podemos comprobar como os Carballos ananos se recuperaron e parecen rebrotar con forza, sendo este un efecto común en moitas especies vexetais galegas.

Pero a especial formación do Pindo non se reduce só á vexetación, tamén os animais destacan ao Pindo dentro da fauna galega. As abundantes formacións rochosas son un lugar onde habitan os milanos negros, o lagarteiro común e mesmo o nobre falcón peregrín . Tamén están citados no lugar o Gato montés (Felix sylvestris) e o rei da fauna galega o Lobo. Sen embargo este rochoso lugar destaca tamén por albergar unha importante poboación de réptiles como a lagartixa cantabrica (Iberolacerta monticola) nunha das poucas poboacións desta especie endémica e especial.

O Pindo é un bo hábitat para réptiles interesantes, e iso é pola insolación e quecemento do sol sobre as súas graníticas rochas. O Pindo hai alguns anos parece ser que estaba máis vexetado e menos rochoso, pero os abundantes lumes forestais fixeron aflorar numerosos penedos na superficie. Sen embargo sempre foi unha superficie moi rochosa dende tempos inmemoriais e así podemos contemplar as curiosas formacións como o Guerreiro que saúda aos visitantes do chan de Lourenzo. O Pindo é un lugar máxico debido ás súas sempre presentes rochas de relevos acastelados, tafones, pías, laxes e penedos que nos teletransportan a outras realidades máxicas cando visitamos o lugar, por iso foi declarado como punto de interese xeolóxica estatal (PIG-C-115).

Non é difícil polo tanto reclamar para este especial lugar a protección ambiental necesaria para conservar os seus valores como sería a súa declaración como parque natural, o sétimo de Galiza que anda escasa en parque naturais oficialmente declarados, aínda que non en espazos singulares merecentes de tal protección.

O Pindo é un deses lugares especiais que reúne nun escaso territorio a un elevado número de especies animais e vexetais protexidas que reúne as características ambientais para a declaración dun novo Parque Natural.

Esta reivindicación de toda xustiza é moi necesaria tanto para a natureza como para os habitantes dos lugares cercanos e por iso en poucas semanas se dará a coñecer unha interesante iniciativa para declarar ao Monte Pindo como sétimo parque natural da Galiza.