O permitido, o promovido e o real

O permitido, o promovido e o real

Identidades-identificación permitidas para as galegas e os galegos de hoxe:

a) A da aldea onde se naceu ou se mora.
b) A da parroquia.
c) A do bairro.
d) A da vila ou cidade.
e) A do concello.
f) A da provincia.
g) A do partido xudicial (isto, antano).
h) A da diocese (isto, só para quen a coñece).
i) A do clube de futebol.
j) A española, única nacionalidade prescrita.
k) A europea, redundancia ou idealismo que oculta a imposición anti-democrática, a que nega a Galiza como povo.

A real, a galega, naufraga entre o localismo e a pertenza imposta ao Estado español. As provincias e os concellos son artificios administrativo-políticos impostos por aquel nos anos trinta do século XIX. Contribuíron eficazmente á despersonalización nacional, á desgaleguización, após séculos de dominio e de castelanización contundente no lingüístico, político, no económico.

En frase gráfica, o xornalista e escritor Gustavo Luca de Tena comentaba hai xa moitos anos que pasaramos de ser un vento a un convento: do “Noroeste” a “la Comunidad”. É así como esta, “a/la Comunidá” pasa a substituír o nome da nación, a Galiza, que volve ser “rexión” no vocabulario oficial, pro- e para-oficial e que nen sequer existe como “país”, reservado a España. Termo este, “país”, ambiguo de seu, pois, se en certos usos, se quer facer equivalente de “nación”, non perde as acepcións tradicionais que o vinculan a unha zona ou comarca en particular: viño do país; queixos do país... Un outro termo a rexistarmos é o de “territorio(s)”: un anaco xeográfico, que está detrás, seica, do “problema territorial”, isto é, un problema de índole, polo que se ve, xeolóxica.

Cando convén, relémbrase que estamos definidos como “nacionalidade histórica” (doadamente mudábel a vogal tónica do adxectivo polo “e”, claro está), mais aínda non ouvín ninguén do mundo oficial expresarse usando o tal sintagma: “Na nosa nacionalidade histórica...”. De por parte, se é histórica, vese que caducou, por se non abondase con que a única nacionalidade imposta e recoñecida é a española.

Nengunha das identidades apontadas cuestionan esta, a prescrita constitucionalmente; antes ben, refórzana. O localismo funciona en escalas admitidas e promovidas para opacar a verdadeira en termos colectivos: a común pertenza á nación galega, por moito que un dos signos -históricos e actuais- de sermos galegos é mesmamente a dificultade para admitilo, as reviravoltas para pousar en identidades inocuas, inofensivas, que non coliden co carnet oficial de identidade e co pasaporte, expedidos pola policía española.

“Nós”, o posesivo “noso” (e as súas variantes), “aquí”... en meios de comunicación públicos e privados, referéncianse ao español e a España. Máis outra vaporización do galego e da Galiza. Con semellante peta semántico-léxica, a alguén pode estrañar que a maioría da povoación se sitúe no cómodo, isto é, no permitido e inofensivo? Galegos e españois: Deus é bon e o demo non é mau... Pacto imposíbel para quen desde a continuísta e represora Constitución prohibe ser galega-o tout court, sen máis, con todas as consecuencias.

Veleidades lingüísticas? Coido que non. Xulgo, por contra, que son delatoras de actitudes, pensamentos, sentimentos... que expresan un perigo certo: a asunción natural dunha galeguidade a cada paso máis retallada, até convertela nunha reliquia ou nun ritual de adhesión pontual, sempre dentro do corsé español-Unión Europea como dogma indiscutíbel.

A especificidade galega obxectiva, demostrábel, documentábel, rebenta por todas as forras. Mais a despeito dela, mantense o axioma de que o máis obvio é o máis difícil de evidenciar, de facer ver. A singularidade e variedade interna do seu territorio (agora, si); a posesión dunha historia que NON se subsome na española e non se entende se non é desde a súa propria construción; a incríbel unicidade da lingua, a pesar de séculos de agrafía e de inexistencia de poder político, hoxe re-agredida con máis e maiores presións...: nada disto é visibilizado, posto en valor, ponderado na súa xusta medida, non para inmobilizar o pasado, senón para coñecelo e superalo.

Eis, en fin, o grande problema da lingua. Se falamos e escrebemos galego por toda a parte, estamos a proclamar inequivocamente o que somos e o que queremos ser. Se non nos é permitido, se xorde a prohibición, a tradución obrigada, a falsificación..., isto todo amosa até que ponto a lingua galega non dispón de liberdade na súa propria nación, no seu lugar natural, na súa terra, até que ponto continúa reprimida ou tolerada minimamente en tanto en canto non rabuñe o imperio omnímodo do español. Velaí a formidábel capacidade de identificación que posúe. Sábeno ben os que a reprimen ou toleran inferiorizada e controlada. O caso é que o saibamos os demais e obremos en consecuencia.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.