O papel da igrexa no novo goberno do estado
Somos testemuñas nas últimas semanas do franco retorno do clero ao seu ministerio de guía e censor dos espíritos. Xa sabiamos que o papel da igrexa católica ía ganar (máis) protagonismo coa chegada do PP e do Opus Dei ao goberno do estado. Velaí como exemplo, o caso do ministro do Interior, ao que se lembra por ser o promotor da homenaxe á monxa carmelita, sor Marabillas, para lle colocar unha placa no Congreso ao lado da de Clara Campoamor. Non descubro nada cando afirmo que o PP é un partido confesional e que sempre se deixou guiar polas doutrinas ditadas pola mitra e o báculo, e iso sabémolo ben no noso país. Un claro exemplo dese papel da igrexa témolo na súa intervención en todo o ritual e boato dos funerais de Manuel Fraga, a quen o Partido Popular, coa conivencia silenciosa, quere converter nun prócer digno seica dos máis grandes honores civís e relixiosos. Só lles faltaron os militares para que lle rendesen tributo case todos os cómplices das súas accións e retrotraernos a eses tempos pasados, a eses dos que el proviña e que agora se queren ocultar.
Abonda con fixármonos na imaxe que representa a fotografía do enésimo funeral celebrado na Almudena de Madrid, na que o presidente do goberno agocha a cabeza diante da toga do cardeal, neste caso a de Rouco Varela. Unha imaxe que ilustra a reverencia do poder lexislativo fronte ao clerical e que evidencia quen manda e quen obedece.
Por certo que na maior parte dos concellos é moi probábel que nos atopemos, como xa nos pasou na cidade de Lugo, con variadas e ilustradas propostas de nomeamento de Fraga como fillo predilecto ou fillo póstumo, con insultantes solicitudes para lle dedicar nomes de rúas e incluso para o que, -quen sabe cando-, será o novo auditorio de Lugo. O grupo municipal do BNG de Lugo xa dixo que tales propostas non contarán nin co noso apoio nin co noso silencio. O intenso, comprometido e militante pasado franquista deste señor está aí e non vai ser o BNG quen permita que se queira empequenecer ou tapar a súa traxectoria política, como ministro de Información e Turismo na ditadura militar de Franco, como cómplice vehemente de penas de morte e asasinatos de obreiros e estudantes. Agora que hai quen quere convertelo no maior demócrata da historia, unha vez pasados os funerais, a nosa obriga é sacar a luz o seu verdadeiro pasado, ese de participante directo na ditadura militar, ese de antidemócrata, de negador dos dereitos do noso país. Aproveitemos para lembrar que se opuxo á creación das autonomías, aínda que agora o queiran presentar como o grande defensor dos dereitos de Galiza!
Pero a miña intención non era tanto falar de Fraga e si falar da igrexa católica e da súa capacidade de influencia no PP e polo tanto no goberno do Estado e no da maior parte dos gobernos autonómicos. O arcebispo de Valladolid cuestionou estes días o nomeamento da ministra Soraya Sáez de Santamaría como pregoeira da Semana Santa, elección da que se encarga desde hai quince anos o concello, pola súa "situación matrimonial". Parece ser que a vicepresidenta optou polo matrimonio civil e fóra de España non hai moito tempo. Pero non empeza nin remata aí a cousa. Este mesmo bispo tamén asumiu o seu deber de vixía da moral social e criticou o pecado mortal do PP por elixir a Dolores de Cospedal para dirixir o Partido Popular en Castela-A Mancha (comunidade que hoxe preside), e por suposto o dela mesma, por ser nai solteira e froito de fecundación asistida.
Curioso resulta que non fixeran igual uso do seu púlpito para catequizar sobre a mancha impía dos divorcios de Francisco Álvarez Cascos. Pero si o fixeron para cuestionar a dúas mulleres e con responsabilidades de goberno no ámbito estatal e autonómico. As dúas mulleres que ocupan postos que a igrexa española (e non só ela) lles ten reservado a homes que non adoitan ter que velar tanto polas súas virtudes como temos que facer nós.
E non remata aquí a cousa. O arcebispo de Tarragona, -por certo, membro tamén do Opus Dei,- acordouse recentemente dos homosexuais, a quen non considera "adecuados" para a sociedade, nunha prédica que completa coas directrices dirixidas ás mulleres para lembrarnos a nosa obriga de "coidar dos nosos maridos". Nese sermón político xa coñecido que pretende negarnos o noso dereito a decidir sobre a nosa sexualidade e sobre o noso corpo. Velaí o programa político da igrexa católica e tamén, por acción e por omisión, do Partido Popular.
Non lles podemos negar que todo o discurso, o de uns e o de outros encaixa. Velaí tamén a confesión fóra de confesionario e sen asistencia de párroco do señor Feijóo, quen recoñeceu que o único consello que lle dera o fundador de Alianza Popular e do PP cando asumiu o goberno da Xunta foi que casase, que non seguise solteiro. Como se non pasar pola vigairía e seguir solteiro fose negativo para a capacidade e a actividade de goberno. Asumen e xustifican o irracional xuízo de crer que casar polo civil, ser nai solteira, homosexual,... pode diminuír ou limitar a intelixencia dunha persoa.
Nos últimos anos, a igrexa resistiu e mantívose firme nos seus postulados máis retrógrados. Facendo súa esa famosa frase atribuída a Fraga ("a rúa é miña"), trasladou o seu programa político á rúa e logrou impoñer a paralización e o estancamento real de moitos avances sociais logrados. Chegados a este punto e circunstancia histórica volve sacar a cabeza con máis forza. Situou os seus peóns e sábese avalada polo poder para facer apoloxía verbal e efectiva do seu discurso e proceder.
Xa sabemos o papel que a igrexa católica nos reserva ás mulleres, pero máis grave aínda é que ese mesmo papel sexa o que nos queren asignar outros sectores da sociedade, e non todos están no Partido Popular. Hoxe xa son os propios dirixentes e militantes do PSOE os que recoñecen que fixo moitas cousas mal durante os seus gobernos, e unha delas foi non retirarlle a igrexa as prebendas que mantén e conserva desa etapa franquista que o Fraga xa enterrado representa. E de pouco vale agora que se laien de non ter tomado medidas nese ámbito.