O Panteón é do pobo.

a musa dos pobos

que vin pasar eu,

comesta dos lobos

comesta morreu...

Estes coñecido versos autoría de Curros Enriquez e adicados a Rosalía de Castro, non só sintetizan o clima vivido na época do seu falecemento, son unha boa metáfora do que acontece mais dun século despois. O Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan algunhas das personalidades máis relevantes de Galiza, legalmente deixa de ser patrimonio do pobo galego. Esta paradoxal situación prodúcese en virtude dunha sentenza que revisa a desamortización de bens eclesiásticos levada adiante no ano 1835. A primeira consecuencia desta insólita decisión xudicial non se deixou esperar: o Panteón pecha as súas portas indefinidamente. Rosalía e Castelao fican encerrados e ocultos por decisión dunha xerarquía eclesiástica sempre tan alonxada do noso pobo e belixerante cos nosos sinais de identidade.

Comprobamos ao longo deste mes o silenciamento que se produce dun feito de tal gravidade. Non é que sorprenda, mais resulta escandaloso que se lle furte ao pobo galego coñecemento sobre este asunto. Mais unha vez asistimos a un comportamento mediático que contribúe a desinformación e manipulación da nosa realidade; que pretende impedir que tomemos conciencia dos nosos símbolos; que nos furta un coñecemento da nosa historia e daquelas personalidades que destacaron pola defensa do noso idioma e dos dereitos, que como nación, temos dereito a reivindicar e esixir.

Neste caso non só se silenciou o peche do Panteón, tamén as actuacións de denuncia deste feito que levou adiante o BNG. As nosas iniciativas no Parlamento ou o acto organizado o pasado 28 de xuño en San Domingos de Bonaval, ficaron secundarizadas ou ocultadas. Pola contra, a reacción do Goberno ante esta denuncia, magnifícase. Mais vaiamos ao importante. Que está facendo a Xunta de Galiza ante o peche do Panteón? Segundo se di a través dos medios, a Consellaría de Cultura e Deporte vai asinar un convenio coa Igrexa para garantir a súa apertura. Non coñecemos os termos exactos deste acordo, mais a priori, hai varias cuestións que son criticábeis en relación con este convenio.

O primeiro, non se garantiza que o Panteón estea aberto todos os días do ano. É dicir, as posibilidades de acceso ao mesmo serán inferiores ás existentes até o de agora. Ademais, todo indica que esta apertura corre a cargo da administración pública. É ilóxico -non sei si pecaminoso- que unha institución relixiosa, que xa recibe cuantiosos fondos públicos, faga caixa á costa de Rosalía e Castelao. A Xunta ten a lei da súa man para reclamar a apertura deste espazo. O Panteón está declarado Ben de Interese Cultural e segundo a lei de patrimonio cultural estes bens teñen que ser accesíbeis e visitábeis.

Mais o cerne deste asunto sitúase na titularidade do Panteón. Das declaracións da Xunta dedúcese que non teñen intención de dar os pasos precisos para conseguir a titularidade pública deste espazo. O Panteón nace como un espazo civil. Esa era a vocación dos seus impulsores. Ese foi o seu carácter desde que se inaugurara co traslado dos restos de Rosalía. Esa debe ser a nosa aspiración. Non creo que podamos contentarnos cun réxime aberto de visitas, suxeito aos caprichos e ditados da igrexa católica. O Panteón ten que ser do pobo galego.