O novo goberno do Estado

O novo goberno do Estado

A semana pasada fíxose pública a composición do novo goberno do Estado. Supoño que non sorprendeu a ninguén. Constatouse o que xa sabiamos, que a macroeconomía vai seguir estar estando dirixida polos señores dos "mercados" e non polo goberno elixido polos cidadáns, e confirmouse que os recortes nos servizos públicos vanse producir día si e día tamén, e van contar con todas as bendicións, incluídas as dos fondos de pensións, as do capital e as dos gobernos autonómicos do PP, tamén o de Feixóo.

Contra o que noutras ocasións foi motivo de debate, tamén é pouca a presenza de mulleres, circunstancia que tampouco resulta sorprendente se se teñen en conta as actitudes e actuacións do PP neste ámbito. Pero creo que cómpre analizarmos un pouco mellor este asunto. Velaí os titulares da prensa resaltando a figura da Vicepresidenta única e do seu poder dentro do Executivo. Discutían se será quen de estar á altura de todas as súas obrigas, de se non defraudará, de se non se lle fará moito tanto cargo... Penso que non me equivocaría se conclúo que se fose home ninguén se faría tantas preguntas. Polo visto como é muller, quen sabe do que é quen.

Volvemos recuncar en todos os tópicos típicos sobre as mulleres e a súa capacidade. Aínda sorprende social e mediaticamente que as mulleres ocupemos certos postos, e se se dá esa situación sempre hai por detrás escuras ameazas para o funcionamento do que dirixamos.

,Moito falar de igualdade, de presumir publicamente de supostos avances na equiparación real de dereitos, para que ao final a imaxe da toma de posesión de Raxoi fose cento por cento masculina, excluíndo á raíña, un apéndice da masculina institución da coroa. Os presidentes do Congreso e do Senado son homes. Os portavoces do PP nestas dúas cámaras son homes, e o goberno está maioritariamente composto por homes. E por riba temos que ler e escoitar que as carteiras máis importantes as ocupan mulleres, como se a asunción desas responsabilidades concretas supuxesen unha doazón graciosa, sementando ao mesmo tempo a dúbida de se seremos quen de facerlles fronte.

Mentres siga sendo noticia que unha muller ocupe un posto determinado, sexa cal sexa, será ben certo que moito queda por andar no camiño da chamada igualdade. E desde logo nestes anos non parece que vaia haber avances. Poida que teñamos que agardar retrocesos. A crise sempre se ceba cos máis débiles, e as mulleres seguimos estando situadas nese nicho social. Menos recursos, temor ao futuro, a non poder sobrevivir fora do chamado ámbito familiar, incerteza laboral...

A pobreza e as situacións de necesidade esténdense polos nosos concellos. Mulleres, nenos e maiores son xa os elos da sociedade que sofren máis directamente as puñadas da crise. Cifra tras cifra, datos tras dato, constátase que o novo goberno do Estado, coa escusa do rigor no gasto, non vai mirar nin pola igualdade de xénero nin pola igualdade de clases.

E a estas alturas aínda haberá quen diga que falar de clases e de feminismo está pasado de moda, que non é moderno e que a sociedade non comulga con esas lecturas, que temos que ser máis modernos. Pero hoxe por hoxe para min o realmente revolucionario, o realmente transgresor, é trasladar á sociedade e ás institucións un discurso de clase e feminista, e deixarnos de eufemismos, e a "igualdade" empeza a ser un eufemismo, tanto a de clases como a de xéneros.