O neocolonialismo e o xeito de conxuralo

O neocolonialismo e o xeito de conxuralo

Hai voces, que representan unha visión revisionista da historia recente do nacionalismo galego que teñen como obxectivo xustificar novas alianzas co españolismo, din que falar hoxe de colonialismo resulta extemporáneo. Alegan que a cualificación da Galiza coma unha colonia foi realizada polo vello “profesor” nun momento histórico no que os movementos de liberación nacional tiveron una unha clara influenza en toda a esquerda europea.

Fai anos explicoume un compañeiro que cando miras un mapamundi Europa sempre está no centro, unha visión eurocentrista e colonial, que ten calado fondamente. Pero o mundo camaradas, está aí fora.
Na loita dos pobos contra o neoliberalismo, o único continente que está gañando batallas é América Latina. A partir da década dos setenta o continente foi sacudido pola implantación manumilitari e da man dos “Chicago Boys”, dunha nova doutrina económica: o neoliberalismo. Un proceso de espolio dos recursos e das riquezas deses países e de desestruturación social do que resultaron claramente beneficiadas as multinacionais europeas e norteamericanas e as corruptas elites burgueses ao seu servizo. Neoliberalismo, neocolonialismo e corrupción sempre van unidos.

Pero así coma foron os primeiro en sufrir ese proceso, os pobos de América latina foron os primeiros en levantar novos movementos sociais de resposta. Foi entón cando a esquerda latinoamericana tinguiuse da “cor da terra” que diría o Subcomandante Marcos, as reivindicacións dos pobos esquecidos (as nazóns indíxenas, son os novos actores políticos en gran parte do continente) e as reivindicacións patrióticas conforman unha parte esencial do discurso da nova esquerda en todo o continente.

Cando aínda choramos a morte de Hugo Cesar Chávez, o seu legado é a mellor mostra de que a loita patriótica contra o neocolonialismo/liberalismo é o único camiño real para os pobos, tamén para o galego.

A nazón galega é vítima do máis feroz neoliberalismo, vemos coma os nosos sectores produtivos están sendo desmantelados progresivamente para evitar que compitan coas grandes empresas españolas e do resto da Europa; empresas estratéxicas para economía galega están sendo entregadas ás grandes empresas españolas, europeas e norteamericanas; os nosos recursos son postos en mans alleas en nome da modernidade e o europeismo. Todo isto acompañado de ataques permanentes a a nosa cultura e o noso idioma. E continúan negándonos os nosos dereitos políticos. Somos vítimas do neocolonialismo.

Debemos ser capaces de recoñecer que esa é a orixe dos nosos problemas si queremos deseñar a Galiza do futuro, impedindo que trunfe ese novo atraso económico ao que nos queren someter.O resto son tertulias de sofá.