O nacionalismo galego é de base popular
Debemos pór en destaque que o sindicalismo nacionalista, a CIG, foi quen de poñer ao 29-S -data de convocatoria da folga en todo o Estado- sotaque galego, conseguindo que esta xornada de loita non fose, na Galiza, unha "huelga a la española".
Vimos de pasar, cun notábel éxito de participación cidadá e de resultados, unha xornada de folga xeral que volveu situar ao nacionalismo no centro da movilización social e do debate político no noso país. Podemos dicir, sen alarde de prepotencia mais coa humildade e co realismo de quen ten os pés na terra, que a xornada do 29-S non tería sido o mesmo sen a participación activa do movemento nacionalista, nomeadamente da central sindical que convocaba a movilización, a CIG, e do BNG en tanto que organización política.
En primeiro termo, debemos pór en destaque que o sindicalismo nacionalista, a CIG, foi quen de poñer ao 29-S -data de convocatoria da folga en todo o Estado- sotaque galego, conseguindo que esta xornada de loita non fose, na Galiza, unha "huelga a la española" e introducindo no debate social non só as lesivas consecuencias que para a clase obreira teñen as políticas neoliberais e o omnipresente poder do capitalismo financeiro, senón tamén a necesidade de contarmos con soberanía nacional para podermos establecer, como pobo, políticas económicas, fiscais e sociais na nosa propia defensa como nación e como clase. En definitiva, o nacionalismo foi quen de visibilizar socialmente que hai un sindicalismo distinto, non pactista, que cuestiona o actual modelo socio-económico e o papel asignado a Galiza como territorio dependente e sen poder de decisión. Un sindicalismo socio-político con outro xeito de ser e actuar no que a loita de clases e a defensa da nación son chave.
Así, só como un éxito podemos cualificar a masiva asistencia ás convocatorias de manifestacións da CIG que, en solitario, logrou reunir milleiros de persoas cun discurso inequivocamente patriótico e popular. Mais, por qué ese éxito? Porque o nacionalismo é de base popular e unicamente mantendo ese discurso e esa política é como podemos brillar socialmente. O éxito das mobilizacións convocadas pola CIG o 29-S radican en que o movemento nacionalista, no seu conxunto, dixo e fixo o que se agardaba del.
En efecto, fixemos o que se esperaba de nós cando demandamos a urxente convocatoria da folga xeral sen agardar ao 29-S, cando a reforma laboral xa tiña sido publicada no BOE. Fixemos tamén o que se agardaba de nós cando, nas semanas anteriores á folga, a través dunha campaña sindical nacional, apontamos co dedo acusador ao capital financeiro como responsábel dunha crise que agora pretenden que paguen as maiorías sociais. Fixemos o que se agardaba de nós cando o BNG, xa na súa campaña do Día da Patria, introducía a necesidade dun novo modelo socio económico ao servizo das persoas e non da banca e do capital e apontaba na necesidade de participar na folga. Estivemos tamén á altura cando o BNG, en sucesivas intervencións parlamentares nas Cortes do Estado, denunciou a viraxe á dereita do goberno do PSOE, criticando as súas duras políticas de axuste e emendando á totalidade -case en solitario dentro do arco parlamentario- o texto da reforma laboral. Fixemos, de novo, o que se agardaba de nós cando por toda a nación, de mans dadas, cargos institucionais do BNG e dirixentes da CIG explicaban conxuntamente as razóns e os por qués da folga e, finalmente, estivemos á altura do que a sociedade galega demandaba cando a totalidade dos cargos institucionais do BNG secundaron a xornada de folga xeral fronte a un PSOE e un PP que facían ouvidos xordos ás xustas reclamacións das clases traballadoras.
En suma, o pobo galego, as maiorías sociais, recoñecéronse no movemento nacionalista e o movemento nacionalista recoñeceuse, tamén, nas maiorías sociais. E, ao tempo, verificouse o éxito da coordinación e do traballo conxunto entre a organización política do nacionalismo, o BNG, e o movemento social.
A necesaria osmose e empatía entre o nacionalismo, na súa expresión política, e o tecido asociativo. Eis a liña correcta de actuación, o camiño no que se debe aprofundar non só cando de mobilizacións se tratar senón en todo momento, facendo ao movemento social partícipe dos nosos proxectos e, ao mesmo tempo, sendo nós partícipes dos proxectos e inquedanzas dos movementos sociais. Temos unha valiosa ocasión para seguirmos incidindo máis e mellor nesa osmose e empatía, para seguir reforzando o carácter popular do nacionalismo galego, coas eleccións municipais que nos agradan en menos dun ano. Vaiamos de mans dadas co tecido social e con todo o que de vivo e actuante hai nas nosas vilas e cidades, fagamos que o noso programa electoral sexa tamén o deses homes e mulleres que se moven a diario por facer unha sociedade máis respirábel e un país mellor, esa é a verdadeira apertura que ao nacionalismo lle cómpre.