“O Nacionalismo é a peor construción do home”
Con este categórico titular despachábase no xornal El Pais (domingo 29 de agosto de 2010) Mario Vargas Llosa nunha entrevista sobre a súa derradeira novela "El sueño del celta" na que reconstrúe a vida do insigne nacionalista irlandés Roger Casement.
Na entrevista o reaccionario Vargas Llosa expresa que o nacionalismo é perigoso cando se converte nunha ideoloxía. Segundo a súa opinión e recorrendo aos tópicos o nacionalismo significa violencia, prexuízos, distorsión de valores.
Chamoume a atención non tanto o tópico titular; habitual no pensamento antinacionalista e proimperialista de Vargas Llosa senón o feito de que as ideas, a traxectoria do nacionalista Casement contradicían totalmente esta aseveración.
Efectivamente Roger Casement ten un protagonísmo moi relevante na denuncia da explotación colonial belga no Congo, pondo o descuberto a brutalidade e os horrores do colonialismo belga de Leopoldo II. Denuncia así mesmo a opresión e a miseria que sofren os indíxenas no Brasil e na rexión colombiana do Potumayo, polas compañías británicas na extracción do caucho.
Comprometido coa loita do pobo irlandés polos seus dereitos no histórico levantamento de Pascua de 1916 é xulgado, condenado a morte e axustizado o 3 de agosto de 1916 pola súa pertenza aos Voluntarios Nacionais de Irlanda.
Foi denunciado así mesmo pola súa condición homosexual e difamado.
Dende logo cunha traxectoria destas características costa entender que un referente da ideoloxía nacionalista irlandesa como Casement poida servir para indicar que o nacionalismo é a peor construción do home.
O propio Vargas Llosa na entrevista ten que admitir diante da pregunta "sorprende o nacionalismo fervoroso do seu protagonista -un atributo pouco común nos seus heroes... que en certos pobos machucados por colonizadores, pobos que aspiran a liberarse dos ocupantes, o nacionalismo ten un valor positivo e di, que Casement vive a parte máis idealista que é a loita contra o opresor...
A realidade é que a peor construción do home non é o nacionalismo que representa, como o propio Casement simboliza, a loita polos dereitos humanos, pola democracia, pola autodeterminación dos pobos, a loita contra a explotación imperialista.
Hoxe sen dúbida podemos afirmar que a peor construción do home é a globalización neoliberal que ao servizo do capital financeiro e das grandes empresas transnacionaís pretende mesmo eliminar o control democrático dos gobernos e institucións
A explotación colonial que Casament denunciou sigue presente no fundamental en boa parte do mundo e pretende eliminar dereitos sociais e conquistas dos traballadores, dos pensionistas, reducir servizos públicos co pretexto de saír da crise económica provocada por este modelo neoliberal e polos mercados financeiros especulativos.
De igual xeito que formalmente a idea da biodiversidade se entende como necesaria na conservación do equilibrio do noso planeta, chama a atención que a idea da diversidade nacional, cultural, lingüística, a biodiversidade política suscite tantos ataques e incomprensións.
Chama a atención a interesada confusión que Vargas Llosa e tantos outros fan para atacar ao nacionalismo confundindo a ideoloxía nacionalista propia dos pobos que loitan pola súa xusta liberación nacional e social coa ideoloxía imperialista que se corresponde coa dos estados que impoñen o seu colonialismo, a súa explotación, o seu dominio e opresión a outros pobos.
Galiza aspira como a Irlanda de Casement a materializar tamén o soño do Celta, soño que xa Alfredo Brañas expresaba: Galiza levántate e anda como en Irlanda, como en Irlanda....