O nacionalismo como valor estratéxico

En non poucas ocasións a confusión entre sistema e réxime ten sido utilizada de xeito perverso para focalizar problemas exclusivamente no segundo cando teñen a súa orixe basicamente no primeiro e para non alterar este no substancial. Aclarando que a verba sistema asimilámola, en sentido amplo, a un modo de produción e de estruturación da economía, e réxime agrupa os xeitos de gobernanza políticos que se producen en cada momento concreto. Son múltiples os exemplos en que as deficiencias e o carácter máis ou menos autoritario dalgún réxime foi utilizado descaradamente como coartada para impoñer modos de produción e control estratéxico de recursos fundamentais en zonas do planeta. Mesmo recurrindo a intervencións militares.
Hoxe xa case ninguén nega que estamos ante unha crise sistémica e polo tanto de modo e modelo de articularse a economía. O que está en debate é como se sae da crise e cara onde se vai. E cando a experiencia vivida debería motivar o poñer en solfa os escenarios e paradigmas actuais de estruturación económica e social, parece que toda a gran artillaría propagandística focaliza as "solucións" en problemas de axustes na gobernanza do sistema (réxime), para evitar que a crise se leve por diante o modelo neoliberal.
Precisamente para evitar que as árbores das reformas interesadas do réxime non nos deixen ver o que realmente é hoxe substancial no que está ocorrendo no mundo, debemos ter claro que se precisan cambios profundos na gobernanza actual, pero eso só non chega e dende logo non debe ser o único elemento que convén cuestionar aínda que sexa o máis visíbel. Sobre todo porque, coa inestimábel complicidade de moita socialdemocracia europea, estanse impulsando medidas e axustes na gobernanza que non significan máis que outra volta de parafuso para tentar afianzar o modelo. Na estruturación de futuro para os poderes financeiros, nos axustes do modelo social e na entrada do negocio en ámbitos cada vez maiores (privatizacións), na potenciación da prevalencia dos mercados, na focalización do déficit como o "causante" da crise para xustificar as medidas aparelladas, na circulación do capital especulativo, no intento para vencer a soberanía de determinados países que non responden aos mandatos dos "poderes establecidos", estamos vendo que se impulsan cambios na gobernanza do sistema pero para afianzar o modelo que está na orixe da crise.
O modelo económico capitalista neoliberal actual precisou de impoñer un modelo de gobernanza global de arriba abaixo, tamén na UE, nos mercados, na estruturación do sector financeiro, no control dos recursos estratéxicos, etc..., para vencer as resistencias a globalización do modelo que podían aparecer, e de xeito apareceron, en países que puidesen defender unha articulación da economía diferente, máis social e igualitaria. Daquela tamén pode ter explicación o constante deterioro propagandístico de determinadas perspectivas ideolóxicas e de determinados países que no seu día formaron parte do movemento dos non aliñados, focalizando sempre os aspectos máis controvertidos do seu réxime político (outra volta a confusión interesada entre réxime e sistema) pero sen analizar se a súa proposta de modelo económico e sobre todo de reclamar relacións igualitarias e posibilidade de desenvolvementos autocentrados, pode ser en aspectos básicos aproveitábel. As grandes institucións financeiras, os grandes grupos mediáticos, están seguindo un traballo sistemático de descreto sobre determinados países. Novamente para evitar que se analice o papel que xogan no actual sistema económico, e como posíbel contrapunto sobre o que artellar escenarios e modelos futuros, séguese unha estratexia de desprestixio, focalizando sempre os aspectos do seu réxime que son máis cuestionábeis, iso si, convenientemente magnificados e adulterados. Confusión interesada entre réxime e sistema. Todo o que represente un grao de autonomía sobre o "universo global" que controlan os grandes poderes financeiros e especuladores e poda ser unha ameaza potencial ao sistema, hai moito interese en desacreditalo.
Sirva esta reflexión para poñer de manifesto que hoxe é moi relevante cuestionar os xeitos de gobernanza global do propio sistema pero o é máis aínda dicir que o que reclama a crise actual é un cambio no modelo económico e social, e ter claro que aquela loita forma parte do necesario cambio de modelo económico. Está claro que hai estruturas de "gobernanza global" do sistema que na súa expresión presente teñen a única razón de ser na defensa do modelo e deben desaparecer na súa concepción actual. O FMI, o Banco Mundial, a propia UE son bos exemplos. Pero xunto ao cuestionamento destas estruturas e das decisións que nos están impoñendo no día a día, é importante ter presente que a batalla por contribuír a levantar de abaixo arriba un novo modelo económico e social é a loita fundamental de cara ao futuro. Esa é unha batalla pola modificación do modelo. Precisamente por eso non é casual que dende os poderes actuais se busque practicamente a parálise, o desanimo e a inactividade de todos os que sentimos que estamos ante momentos cruciais na historia da humanidade e para a pervivencia de Galiza como suxeito político colectivo de futuro, é dicir, como nación. Dísenos que o que fagamos en pequenos países é irrelevante e temos que asistir mansamente ao deseño que os grandes gurús do sistema nos aplican para saír da crise. No fundo o que se está a buscar é unha pasividade cómplice nestes "retoques" ao réxime para perpetuar o sistema. As "reformas necesarias" que se nos están a vender e aplicar non son máis que os axustes que o sistema necesita para perpetuarse outro tempo, eso si a costa como sempre do sacrificio dramático dos máis desfavorecidos. Na loita por impedir que se consumen é importante que teñamos claro que forma parte da loita polo necesario cambio de modelo económico e social.
É importante a loita de países como Galiza por existir por si propio e non como unha peza máis dun engrenaxe movido polos motores da "gobernanza global" que aínda que se empeñan en dicirnos que a loita de clases non existe, o seu deseño é para manter inmutábel o poder dunha, é importante a loita por un modelo económico que responda as nosas necesidades e que optimice as nosas potencialidades, é importante a loita por reclamar que a economía se artelle en favor das maiorías sociais e respetando a soberanía dos pobos que así o fagan, é importante a loita por levantar e reclamar estruturas de gobernanza entre países tamén en Europa que non estean cimentadas no intercambio desigual, na imposición do modelo neoliberal a nivel europeo e planetario, e que no caso galego é unha lousa moi pesada para impedir o noso desenvolvemento. Esa é unha loita dende abaixo polo cambio non só de réxime senón de modelo económico. Daquela o valor estratéxico do nacionalismo e daquela tamén o porqué de tantas voces convenientemente amplificadas para deteriorar a súa imaxe.