O nacionalismo ante o fracaso da austeridade

Galiza atravesa hoxe a peor situación económica e social das últimas décadas. Non é unha afirmación gratuíta, nin unha esaxeración. As estatísticas oficiais así o evidencian. A realidade cotiá amósanos as enormes dificultades que están vivindo milleiros de galegos e galegas. Dramas humanos que se agochan detrás das frías estatísticas. Hai quen non ten emprego. Hai quen xa marchou fóra. Hai quen non ten ningún tipo de ingresos e sobrevive grazas ao colchón familiar. Hai quen ten que ir aos comedores sociais. Hai quen non vai –que dirán!-, mais fai auténticos malabarismos para sobrevivir cada día. É certamente un panorama desolador, que pon de manifesto o fracaso da tan manida austeridade e a urxente necesidade dun cambio de rumbo.
As fábricas de pensamento único levan tempo construíndo a idea de que nada se pode mudar. As únicas políticas posíbeis son as que neste momento impulsa a dereita europea, capitaneada por Merkel e Sarkozy. “Os sacrificios de hoxe son necesarios para que non futuro se poda producir a recuperación económica”, repiten. Mais o futuro de crecemento económico demora en chegar. Os seus alegatos non deixan de ser unha petición de fe. Pídeselle ao pobo que crea non que non viu. É normal o recurso a fe, a racionalidade e a lóxica van por outro lado. A racionalidade indica que as políticas de austeridade lonxe de ser a solución son parte do problema. O lóxico sería non teimar en políticas que xa demostraron a súa inutilidade á hora de loitar contra a crise e o paro.
Galiza é unha boa mostra do fracaso da austeridade. Feijoó presume de ser pioneiro neste terreo e esquece, día si, día tamén, as consecuencias das súas políticas. E os resultados do Goberno Galego son un crecemento do paro que duplica a media estatal, un record histórico de desemprego, a emigración xuvenil, o índice de produción industrial en caída libre, os nosos sectores produtivos ao límite da supervivencia e un deterioro e privatización crecente dos servizos públicos (sanidade, educación ou dependencia). E todo isto a costa de endebedar o país até uns límites sen precedentes. De feito, tense triplicado a débeda pública galega en menos de tres anos! E a evidencia máis clara do fracaso dun Goberno que carece de estratexia, de pulso político e mesmo de sensibilidade cos problemas que hoxe padecen galegas e galegos.
Mais teiman en continuar con políticas erradas e con golpes de efectos que dan titulares, mais nada teñen a ver con solucións reais. Os últimos, as fusións de concellos ou anuncios de plans ficticios que crearán milleiros de postos de traballo. Máis mentiras e enganos que só evidencian o desnorte de quen nos (des)goberna. E teño a sensación de que cada vez hai menos persoas que lle dan credibilidade aos anuncios- fantasma do Presidente da Xunta. De feito, o masivo apoio á Folga Xeral e as mobilizacións na nosa nación son un termómetro do crecente descontento social cos recortes, a austeridade e as políticas da Xunta. Milleiros de persoas secundaron a convocatoria e inundaron ás rúas de dignidade, de indignación, de ilusión por construír alternativas a un sistema caduco que afoga a demasiada xente, na Galiza e no mundo.
Foi unha xornada ilusionante. Ilusión por sermos conscientes de que esta folga foi impulsada polo sindicalismo nacionalista de Euskadi e Galiza. Un sindicalismo alternativo que forzou as centrais estatais a sumarse tardiamente a unha folga necesaria. Mais tamén, ilusión porque Galiza liderou as protestas en todo o estado. O nivel de participación nas diferentes mobilizacións foi realmente altísimo. Se comparamos as cifras coa poboación, é evidente que batemos marcas. Mais sobre todo penso que estas mobilizacións son a evidencia dun descontento crecente co PP, non só na versión Rajoy, senón tamén na versión Feijoó.
Con esta convicción debemos enfrontar a nosa labor diaria. O éxito das mobilizacións ten moito que ver coa existencia do nacionalismo na Galiza. O decurso dos feitos demostra que as nosas teses eran acertadas e que neste momento, as nosas alternativas teñen máis vixencia que nunca. Representamos unha alternativa real fronte a políticas fracasadas do PSOE e do PP. De aí o empeño en ocultar as nosas propostas, as nosas diagnoses e as nosas alternativas. E neste contexto tamén se entenden mellor os ataques desmedidos aos que se está sometendo ao BNG. Só hai que ver ou escoitar os medios públicos para detectar que estamos ante unha estratexia pensada e deseñada desde as filas do PP. Nunca ningún medio público ou privado dedicou tanto espazo a ningún asunto como a intentar convencer a galegas e galegos de que o BNG está desmantelado. Non ignoro que isto afecta á imaxe pública do BNG, mais é delatador dunha preocupación desmedida do PP por intentar debilitarnos. E a conclusión é sinxela, Feijoó é consciente de que o ascenso do BNG é a súa derrota na Galiza.
Existe un panorama social e político complexo. A realidade é difícil e o descontento social non ten (nin tivo nunca) unha tradución directa no voto. Mais hoxe o BNG é máis preciso que nunca na Galiza. Temos alternativas acaídas ao momento actual: reforma fiscal xusta, apoio ao noso tecido produtivo, defensa da banca pública, da capacidade real de autogoberno para enfrontar a crise, defensa dos servizos públicos. Propostas que conectan coas preocupacións sociais que hoxe teñen galegos e galegas e que gozan de grande apoio. O noso reto é traballar socialmente con máis forza, con máis apego aos problemas cotiás. As dificultades existen, mais como dixo o poeta a “forza do noso amor non pode ser inútil”.