O nacionalismo, albo de todos os ataques

O nacionalismo, albo de todos os ataques

Se hai unha ideoloxía política combatida, denigrada e perseguida na actualidade, esta non é outra que a ideoloxía e os movementos sociais e políticos que defenden a Soberanía Nacional e o Dereito dos Pobos a decidiren sen inxerencias externas os seus destinos.

Ao longo do planeta -tanto ten o continente, a cor da pel, o credo relixioso ou o idioma- calquera movemento de liberación pasa a ser o inimigo público número un, sabedor como é o sistema imperial de que só sobre a base da defensa da Soberanía Nacional e do Dereito de Autodeterminación se pode construír un mundo xusto, de pobos donos de si propios e de homes e mulleres iguais entre si. Ben o sabía o presidente chileno Salvador Allende -permítaseme unha homenaxe a este home libre derrocado neste mesmo mes de setembro no que estamos, o 11 de setembro de 1973­- cando dicía "As causas reais de noso atraso están no sistema. Neste sistema capitalista dependente que, no plano interno opón as maiorías necesitadas a minorías ricas e no plano internacional opón os pobos poderosos aos pobres e os máis costean a prosperidade dos menos." ou cando afirmaba que "A nosa política (...) está hoxe baseada, como o estivo onte, no respecto aos compromisos internacionais libremente asumidos, na autodeterminación e na non intervención." -Discurso no Estadio Nacional en Santiago de Chile, 5.11.70-. Ben o sabía cando vinculaba calquer avance nos dereitos das clases populares, "maiorías necesitadas" como él dicía, á Soberanía Nacional e á Libre Determinación no su longo e malogrado camiño cara a vía chilena ao socialismo.

Quén non seu san xuízo pode criminalizar unha ideoloxía política esencialmente liberadora e progresista? Ou non é progresista defender o libre desenvolvemento dos Pobos sen inxerencias alleas e a definición das súas políticas en favor das maiorías sociais e non en favor dos intereses das grandes corporacións económico-financeiras ou das oligarquías que viven á calor do imperio?

Pois hai quen criminaliza, sí! Reparemos, por poñer un recente exemplo, na entrevista que o domingo dia 22 de agosto se publicaba en La Voz de Galicia a D. Alberto Oliart, Director da RTVE e ex ministro español. Dicía o Sr. Oliart que "o nacionalismo catalán é o máis perigoso e non hai que subestimalo" para continuar coa guinda do doce ao afirmar "En Cataluña nunca haberá tiros, mais democraticamente son quen de poñer ao Estado español contra a parede. En Euskadi é un problema de violencia, mais non ten a rotundidade de Cataluña".

A ideoloxía do españolismo en cueiros, un acto de "destape" e de sinceridade digno de agradecer no que se ven recoñecer que o perigo do nacionalismo non está en determinadas expresións violentas senón na súa capacidade global de desestabilizar a estrutura do estado.

Mais, isto non estaba no guión Sr. Oliart! O guión politicamente correcto do españolismo non era o de que "en democracia todas as ideas e proxectos se poden defender?" Pois non. Tal e como nos temíamos -non en van, a Constitución española reserva a defensa última da "unidade de España" aos militares- "ao nacionalismo nen auga".

Ao nacionalismo nen auga utilizando os meios de comunicación para silenciar e manipular ao BNG -por exemplo, recentemente, silenciando a frontal oposición do nacionalismo galego á reforma laboral proxectada polo Goberno español e convertendo esta oposición nunha mera abstención-, ao nacionalismo nen auga encarcerando a persoas por faceren política -é o caso de Arnaldo Otegi, tendo sido recentemente tratada a súa excarceración no Foro de Sao Paulo, participando na mesma, entre outros, o PT do Presidente Lula da Silva- e ao nacionalismo nen auga erguendo toda unha campaña contra o Pobo catalán, caracterizándoo como un pobo de egoístas, insolidarios e abutres dedicados á rapina.

Paradoxal e irrisorio, se non fora polo moito que nos xogamos como nacionalistas, que sexa un imperio fracasado que arrasou Galiza e construíu o seu "estado moderno" sobre a base da nosa "doma e castración" e que alicerzou a súa actual "monarquía parlamentaria" nun golpe de estado e posterior ditadura, quen pretenda atribuír ao nacionalismo a maternidade de todos os males da humanidade.

Fronte a toda esta cerimonia da confusión nós témonos que erguer, falarmos alto e claro, sen fraxilidades ideolóxicas nen psicolóxicas, e dicir que nós, as e os nacionalistas somos as boas e os bos, en palabras do noso Bautista Álvarez, pronunciadas na cidade de Lugo no IX Congreso da UPG, "Aspiramos a unha Galiza soberana, dona dos seus recursos, da súa cultura e da súa identidade nacional. (...). Pretendemos unha sociedade sen explotación de clase, sen opresións de sexos, sen discriminación de razas. Os nosos adversarios poden ser os xenocidas, os depredadores e tamén os proxenetas. (...) Que ninguén nos atribúa, a partir de agora, as ruínas do Partenon, nen o crime de Cuenca, nen bombardeos en Vietnam e no Irak. En todo caso, sí estamos dispostos a confesarnos cómplices da Revolta de Espartaco.".