O nacional-catolicismo segue presente

O nacional-catolicismo segue presente

Hai unhas semanas algúns alumnos e alumnas de bacharelato sorrían mentres lles explicaba que en base ao Concordato de 1953 o ditador Francisco Franco podía designar bispos por vía indirecta e entrar baixo palio nas igrexas, e a cambio deses privilexios a igrexa católica volvía asumir un papel central na política e na sociedade da España da ditadura. O ditador, vitorioso da Cruzada declarada polo episcopado español co apoio do Papa Pío XI, reforzaba así o contido do seu título de Caudillo de España pola Graza de Deus; a cambio a igrexa católica recibía grandes beneficios.

Pasados sesenta e cinco anos daquel Concordato é doado comprobar como nun estado español que se di democrático e aconfesional, a igrexa católica mantén importantes cotas de poder.

Comprobámolo nos centros públicos de ensino, onde contamos con profesorado de relixión católica pagados con cartos públicos, pero contratado en base a uns criterios que non teñen nada a ver coas normas polas que se rexe o resto do profesorado, pois os seus contratos fanse en base a un listado decidido pola Conferencia Episcopal e sobre o que as autoridades educativas non teñan nada que dicir.

Tamén as tradicións da igrexa católica inflúen de xeito determinante á hora de establecer o calendario escolar, un calendario no que determinados períodos de vacacións como o que desfrutamos neste momento márcanse en base ao calendario católico, sendo a Semana Santa a que decide que dous trimestres escolares teñan unha ou outra duración.

E na Semana Santa é cando se produce un dos momentos de maior exhibición pública do poder da igrexa, e tamén da conivencia ou sometemento por parte de moitas autoridades civís. Nestes días as bandeiras de moitas institucións oficiais están a media hasta en sinal de loito pola morte de Cristo, membros do goberno galego, do goberno estatal e de gobernos municipais de diversa cor política participan en lugares destacados en procesións, misas e outro tipo de cerimonias católicas. Son ducias as unidades do exército español que participan en procesións cos seus uniformes e armamento correspondente, unidades encabezadas nesta ocasión por tres ministros e unha ministra do goberno español, que como se puido comprobar nas imaxes difundidas polas distintas canles de televisión, o chamado Xoves Santo cantaban con grande emoción o “Novio de la muerte” himno da Lexión que fundara o fascista Millán Astray.

Como é xa tradición veñen de ser indultadas cinco persoas que estaban condenadas por delitos contra a saúde pública, indultos concedidos a petición de cinco Confrarías de Semana Santa.

Pero a presenza preponderante da igrexa católica, que convirte en papel mollado o de estado aconfesional, non se restrinxe a datas sinaladas. Día si e día tamén temos aos seus dirixentes impartindo doutrina sobre como debe ser o comportamento non só dos crentes senón de toda a sociedade, e atacando calquera norma ou actuación que vaia contra o que eles defenden ou predican. Dirixentes que sempre son homes, pois o papel que lle reservan ás mulleres é o da submisión ao home, estando por tanto obrigada a manter unha función secundaria en toda a estrutura da igrexa católica. Sacerdotes, que en teoría teñen voto de abstinencia, explican como debemos practicar o sexo para que non sexa pecado, pero calan cando se descobren os casos de actuacións pedófilas e orxías practicadas por compañeiros seus.

No pasado mes de febreiro asistimos a un chamamento dos arcebispados de Compostela e Zaragoza a un rezo masivo fronte ás supostas inxurias á fe católica contidas no pregón de entroido da capital de Galiza; este chamamento e os ataques ao entroido, que a algúns poden parecernos propios doutra época, contaron co apoio público do presidente do goberno español.

No ámbito xudicial temos os distintos xuízos e condenas por atacar os sentimentos relixiosos; e nun nivel superior debido á importancia política que teñen podemos sinalar a decisión do Tribunal Supremo que o pasado mes de febreiro avalou a concesión dunha medalla por parte do Ministerio do Interior á Virxe do Amor, e unha Sentenza do Tribunal Constitucional que sairá en breve avalando as subvencións aos centro de ensino que segregan por sexo, centros que como é sabido están vinculados a algunhas das máis importantes seitas católicas.

Decidín intencionadamente non entrar nin na economía nin na política, pois os seus negocios e a presenza de membros activos de algunhas das seitas católicas en ámbitos gobernamentais darían para escribir varios libros, pero estas poucas referencias entendo que nos permiten desbotar esa idea tan estendida de que hoxe a igrexa católica perdeu moito do seu poder e apenas pinta nada nas nosas vidas.