O monte veciñal e ecoloxía
O monte veciñal en man común é unha realidade propia e diferencial de Galicia, a propiedade comunitaria, que a nosa cultura labrou durante séculos. É por iso que debe ser situado na sociedade do século XXI, máis alá das súas orixes ou do uso en tempos pasados.
Esta realidade, que é o monte veciñal, foi a base da economía agraria do noso país e mantívose até a actualidade, logo da recuperación para a veciñanza despois do franquismo. Supón a cuarta parte do noso territorio e mantén todas as posibilidades de poñelo en valor de xeito multifuncional e sustentable. Imos deternos pois na función ecolóxica que sustenta.
Función ecolóxica do monte veciñal
Primeiro, e desde o punto de vista ambiental, o monte é un ben e un valor en si mesmo, despois, o seu uso e a súa explotación, que debe ter un carácter sustentable como garantía da permanencia dos recursos renovables, supoñen un beneficio para veciñanza comuneira, e, por extensión, para sociedade no sen conxunto.
Estes argumentos deben ser os alicerces para que o desenvolvemento dos montes veciñais sexa considerado estratéxico para o país e para manter un potencial de calidade ambiental da contorna.
De todos é sabido que a grande extensión dos monocultivos de piñeiro e eucalipto inza por todos os recunchos dos montes, mais, pola propia iniciativa e concienciación de moitas Comunidades de Montes esta situación está a mudar e téñense promocionado a substitución de especies e a reforestación con caducifolias e árbores autóctonas. Seguramente non con todos os éxitos agardados, pois en moitas ocasións a situación ambiental é tan pouco proclive que unha alta proporción de exemplares das mesmas plantacións non resisten. Logo de tantos anos de política agresiva co medio a situación non é doada de inverter.
Aproveitamento multifuncional e sustentabilidade
No aproveitamento mutifuncional dos montes veciñais, compre dar unha importancia especial á función ecolóxica, xa que o medio ambiente non só é a nosa casa común, senón que nós mesmos formamos parte indisociable da natureza. É por iso que faise necesario explicar e divulgar a función ecolóxica do monte para que sexa comprendida polos seus xestores, a veciñanza comuneira, e integrala en todo o deseño de usos que se leve a cabo no seu espazo. A promoción dunha diversidade de aproveitamentos do monte dará tamén unha maior importancia a súa función ecolóxica: gando, cogumelos, mel, froitos, plantas silvestres, etc.
Salvo en casos excepcionais, como son os montes protexidos de grande valor medioambiental ou paisaxístico, como son o relicto bosque atlántico, as fragas ou as áreas restrinxidas de protección, debemos fuxir do camiño que nos leve cara a unha idea romántica e paternalista dos montes como reservorios de natureza intocable. Primeiro porque cada milímetro cadrado de terra está pisado e manexado pola humanidade dende hai milleiros de anos, é dicir, en Galicia non hai bosque virxinal. Segundo, porque comprendemos que a función ecolóxica e medioambiental, non debe ser compartimentada, senón que debe estar presente en todos e cada un dos múltiples usos dos montes veciñais.
Criterios de sustentabilidade
Só deste xeito estaremos asegurando a conservación dos valores ambientais do monte, do medioambiente en xeral e dos recursos renobables, aportando así unha garantía de sustentabilidade de todas as actividades humanas en relación co monte.
A adopción e a aplicación dos principais principios da ecoloxía fanse cada día máis necesarios para o monte veciñal: o principio de precaución, o de selección sostible das tecnoloxías a usar, o do baleirado sostible dos recursos non renobables ou o da irreversibilidade cero, deben ser criterios de sustentabilidade na aplicación dos aproveitamentos do monte.
Estas reflexións están incluídas nos relatorios que serán debatidos no vindeiro Congreso de Comunidades de Montes (www.blogoteca.com/montevivo/) que terá lugar no Carballiño o 22 e 23 de maio. Desexamos bos debates e bos resultados para a veciñanza comuneira. Adiante.