O móbil á escola


O uso do móbil na escola éche un tema moi de cíclica actualidade. Cada certo tempo desde uns anos para acá faladoiros de persoas entendidas ou non, pais e nais, ANPAS preocupadas, xornalistas, docentes, discentes,... ensaríllanse nun bucle de charlas, decisións, consellos, normas, chats,... un rebumbio. Coma neste pasado ano o anuncio de prohibir en Francia o móbil na escola.

De verdade, o tema fai correr sempre tinta como o enxurro costa abaixo, polo que nel vai todo o sentido común que ha de ser na máis das veces quen inunde este terreo non tan deserto como se puidera pensar.

Sempre as guerras inician experimentos para logo facerllos chegar a empresas que por un módico prezo, iso si, alcadarán ao resto de mortais. Xa a primeiros do S. XX se fixeron probas con telefonía portátil anque houbo que esperar aos Motorola dos 70, primeiros aparatosos teléfonos móbiles, entre outros, en grandes coches enfoulados. A finais dos 90 popularizouse e estendeuse -como prevían- teléfonos de 2ª xeración canda a controvertida xestión de licenzas de canles de radio e televisión da época Aznar, xestación da actual rede de TDT que provoca o apagón analóxico de 2010 e obriga a cambios de antenas e decodificadores. Desde aquela aínda non todos posúen televisións modernas e xa se produciron reaxustes no espectro radio electrónico debido aos móbiles que necesitaban máis ancho de banda, ou algo diso. As cifras de penetración dos móbiles no estado son tan alarmantes como a corrupción! Sen embargo todo o mundo sabe da interesante, importante ou mesmo imprescindible ferramenta -de uso responsable- dun dispositivo móbil para as nosas vidas. Mais como pasa moitas veces o manual de instrucións cae ao chan ao sacarlle o plástico e porlle a funda. A présa por conectarse, memorizar números, descargar actualizacións, xogos, redes sociais é tal que che escraviza minutos e minutos, sen te dar de conta!

Todos os novos inventos crearon polémica. Desde a posible desintegración do corpo ante as altas velocidades dun coche a 80 km/h ás anécdotas das nosas avoas mandando apagar radios ou televisións á hora de xantar para non veren o que se comía na casa a través das grandes caixas sonoras de válvulas, bombillas e cables. Algo de razón debían ter cando unha parte da poboación anos despois de escoitar casetes en walkman, CD, cadeas de música e discotecas aos que moitos se arrimaban e poucos sabían ecualizar facían camiño ao otorrinolaringólogo.


En decembro transcendeu a idea do programa de REM co adaíl E. Macrón “primo político de Ciudadanos” (non confundir co profético Losing my religion de outro R.E.M. claro) anunciaba a prohibición do móbil en escolas e institutos entre outros cartuchos da súa marca branca neoliberal.


Quen lexisla, se o fai atendendo a un modelo de país libre cunha verdadeira democracia atende a todo anticipándose a moita casuística. Antes de promulgar unha prohibición cabería analizar antes outros parámetros ou acaso o endurecemento de penas elimina a criminalidade? Ben é certo sempre o de tardar en asimilar as novas tecnoloxías, xa quedou exposto, de aí o de sacarnos propostas así, ao chou que non funcionan como precisamos. Ocorrencias. Nuns tempos multiculturais e dixitais que non corren, voan! parece a tecnoloxía enxendrada para os cativos da casa, verdadeiros formadores de maiores. Ah! Velaquí a clave: a Formación, máis alá dos libriños, pdf ou titoriais aportados pola industria.

Unha vez máis no Ensino está a solución do futuro, non inmediato por suposto. Indo ao miolo. En Galiza a LEI 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa e o DECRETO 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar son ferramentas pero de non desenvolverse canda outras paralelas serán unha vías mortas. Son dos que pensa que o lexislador atinou bastante cando redactou “4. Así mesmo, prohíbese o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación durante os períodos lectivos. Excepcionalmente, os centros poderán establecer normas para a correcta utilización como ferramenta pedagóxica.” Como negar o progreso nas aulas para facer máis versátiles as materias do currículo estudantil? Acaso a calculadora substituíu ao profesor de matemáticas? Desde a miña propia experiencia vexo máis rápido acender un móbil que un ordenador da rede ABALAR, máis operativo facer vídeos que coller a cámara do centro, gravar fonética que construír un laboratorio de idiomas, cronometrar,... Esa cordura xa se traduce nun tremendo esforzo do profesorado ante o reto das novas tecnoloxías non apoiadas o necesario e aínda así vese futuro acotío en aulas, concursos, premios que xa só Galiza merecería unha mención especial. Onde está logo o problema? Penso, está noutro ensino extra muros! Todo estudante sabe mellor ca ninguén do Parlamento que ao traballo non se vai a xogar ao Candy Crush! A Clase: lugar idóneo para aprender con profesionais, ferramentas modernas, medios, clima distendido. Tamén o resto de axentes sociais e sobre todo ANPAS -como di unha colega- han de esixir escolas de nais e pais. De aí pode irradiar a concienciación importante de toda a nosa sociedade para circular con normas inequívocas para todo o mundo nunhas autoestradas da información inseguras e sempre de peaxe. Así, esa cara caixa de Pandora viraríase a vara máxica de Harry Potter. Para reflexionar.