O Ministro que ía subir en globo pero o globo pinchou
Hai un ano, Pepe Blanco asumía a carteira de Fomento cunha enerxía que parecía que ía comer o mundo. A súa entrada no Ministerio semellou ás do "sheriff" das películas do oeste cando irrompe nunha liorta para pór orde. E así foi, "y ahora vengo yo" a contar verdades, a rematar coas falsedades, as mentiras e os enganos, e a abrir unha nova era na historia das maltratadas infraestruturas para Galiza.
Tal foi o brío e o empeño de Blanco en dicir "a verdade" que as súas afirmacións foron interpretadas como un auténtico dardo envenenado dirixido ao estómago da anterior responsábel da carteira de Fomento, Magdalena Álvarez, a besta negra, o branco das iras e das críticas dos medios de comunicación galegos que agora lle regalan os ouvidos ao Señor Blanco. No terreo comunicativo, hai que dicir que o Ministro desfruta dunha blindaxe mediática sen precedentes, especialmente protexido e mimado polo principal xornal galego. Desde que é o amo das infraestruturas, correron ríos de tinta homenaxeando "a súa coraxe" por falar claro e alto sobre o AVE galego. Multiplicáronse as loubanzas e as palmadiñas nas costas por rematar con tanta "infamia" sobre os prazos do tren de altas prestacións.
Non hai que ser espía para decatarse de que Blanco traballou sesudamente a cuestión mediática, e leva un ano que parece o candidato ao Goberno. Queda por dilucidar se será ao Goberno galego ou ao central. Aspiracións non lle faltan. Está en todas, opina sobre todo e aparece en calquer lugar que teña audiencia, incluídos programas de dubidosa condición como a "Noria". Non tivo problemas en actuar en todo tipo de foros, incluídos nos medios anti-Goberno, para saír ao paso do Plan de Axuste máis anti-social que se recorda.
E no que atinxe ás súas actuacións no terreo galego, qué dicer da foliada que se montou cando o de Palas de Rei e o "President" Feixóo rubricaron o denominado Pacto do Obradoiro que, en esencia, vociferaba a data do 2015 para a conexión por AVE entre Galiza e a Meseta. O desparrame mediático foi tal que parecía que o supertren viña mañá. O globo inchouse até o límite do estoupido e todo o mundo era feliz. Feixóo feliz, Blanco feliz, os medios felices e a sociedade galega volvía a vivir un clásico na historia das infraestruturas galegas: a promesa dun novo prazo que se anunciaba como "a verdade absoluta". Pero absoluto non hai nada.
Agora sona cruel a canción de Pink Floyd, "Money", e o Ministro que se vía nos anais da Historia de Galiza como "Míster AVE", non terá máis remedio que rezar aves marías para que aconteza a miragre. O Plan de Axuste do Goberno central pápase o realismo máxico de Blanco e moito nos tememos que o Pacto do Obradoiro se convirta nun pantasmal documento que deambula polas liñas ferroviarias.
Na súa recente comparecencia no Congreso, Blanco foi incapaz de respostar con claridade ás reiteradas preguntas do deputado do BNG, Jorquera, en demanda de datas. Eficaz nas lides comunicativas, o Ministro "da verdade" optou por seguir a estratexia da tinta de luva que enturbia as augas e somerxe todo na confusión. Tan mareante foi a súa réplica que incluso chegou a dicir que xa respostara a Jorquera sobre o AVE galego, cando non fixera tal. O deputado do BNG volveu á carga, e Blanco confesou que "non estou en condicións de poder confirmar os prazos do Eixo Atlántico" e que se "abren incertidumes". Máis negras sombras sobre a conexión con Porto, e ausencia total de referencia ao Lubián-Ourense. Para calmar a sede por tanta travesía polo deserto, ofreceu unha única data, a do tramo Ourense-Santiago para o 2011.
Conclusión, van ter que reeditar o "Pacto do Obradoiro Fase II" con novas datas que a estas alturas xa non sabemos se serán reais, virtuais ou fantásticas, e escenificar de novo un amor que agora parece traizoado.
Aí andan, porque segundo parece, e desde a comparecencia de Blanco, os encontros furtivos foron numerosos: chamadas airadas e unha intensa relación epistolar entre Feixóo e Blanco, Morlán e Rueda. Disque, di a Voz para que mentir, que o "President" Feixóo sentiuse moi molesto tras a falta de garantías de Blanco na comparecencia na Cámara Baixa. Pero aí está o encantador de serpes, Pepe Blanco, para calmalo. Xa están tranquiliños.
Non estamos tranquilos os demais porque atisbamos un novo engano. O noso país padeceu a marxinación en materia de infraestruturas en tempos de bonanza, que non acontecerá en tempos de crise. Alguén se pode crer que vaiamos ser unha prioridade? Seguro que non. Penso que a única media-verdade que dixo o Ministro máis mediático, está na primeira das súas afirmacións nada máis comezar a falar no Congreso: "todas as actuacións ferroviarias e viarias do Estado sufrirán un retraso medio dun ano". Atención, un retraso medio, a ver en que extremo están as obras proxectadas para Galiza.