O meu ventre é meu


Abrir a prensa e ter que ler como os meus dereitos como muller cada día son menos, o goberno do estado español quere reducirnos simplemente a ser un ventre para xestar fillos. Dan igual as circunstancias nin as consecuencias dunha xestación para a nai, o ministro de Xustiza só lle importa contentar o seu ídolo Rouco Varela.

De novo modificase a lei do aborto, lei que non hai moito tempo era unha lei bastante acorde coa realidade social deste tempo e con tanta modificación regresamos ao pasado. Un pasado que se están encargando de volver a facelo presente, porque eles como bos herdeiros dese pasado non pasaron nin penurias nin viviron escasezas e sobre todo paseábanse libres sen ollar a realidade dos veciños.

Volven a condenar a esas mulleres que non queren nin poden afrontar un embarazo, volveremos a ser asasinas por decidir sobre o noso corpo e sobre o nos futuro e todo porque nin compartimos nin seguimos os seus ideais e menos eses mandamentos escritos baixo o xulgo dun crucifixo.

Que fácil é dicir que non se pode abortar a pesares que o feto sufre, que ten malformacións ou a pesares dos perigos para a nai. Traiamos nenos ao mundo porque Gallardón e Rouco se empeñan e cal vai ser o futuro deses nenos? A rúa, os abandonos, volverán crear hospicios ou volverá o mercado negro de nenos?

Moi lixeiro ten o dedo para prohibir e para recortar pero non o ten tan lixeiro para dotar a lei de dependencia de partidas orzamentarias suficientes para asegurarlle un futuro a eses nenos que van vir a este mundo so para sufrir, nenos que están condenados a unha vida chea de penurias, nenos e familias rotas, destruídos, sen vida e sen futuro polo capricho duns gobernantes egoístas e incapacitados.

Así logo lemos como unha mestra di que hai que dar grazas a un tal Deus porque grazas a unha violación a muller pode ter un fillo, como se nota que naceu e viviu en berce de ouro e nunca tivo que dobrar o lombo para conseguir as castañas para comer e vivir en palacios de cristal alleos a situación de empobrecemento que se esta vivindo no estado español onde xa hai moitos nenos que a comida principal que toman no día é a que comen nos comedores escolares. Porque xa o dixo claramente o alcalde de Barreiros que deixamos de ser feministas e mulleres cando casamos, pero acaso non teñen nais ou fillas?

Mentres dedícanse a condenar as mulleres que deciden sobre o seu corpo seguro que por detrás eses mesmos que condenan irán directos a sacar os billetes para Londres ou Portugal para que as súas fillas ou netas non pasen a vergonza de ser nais solteiras ou incluso de ter descendentes “non normais” como manda o seu Deus. Esa época de fai o que che mandan pero non fagas o que eu faga xa a viviron o meus avós durante a ditadura e meus país na transición.

Hoxe máis que nunca doume conta da sorte que tiven con meus avós, avós que me educaron sen coartar a miña liberdade e menos sen imposicións relixiosas ou sociais e ensinándome que as decisión que eu tomase ían ter consecuencias e que nas miñas mans e no meu corpo estaba a posibilidade de ser negativas ou positivas. Avós que si lle deran a oportunidade de regresar hoxe non saberían si están no 2013 ou no 1960.

Claro esta que logo sacan peito na prensa contra a lapidación e o burka dos países árabes mentres aquí tamén están lapidando os dereitos das mulleres e poñéndonos un burka que disfrazan a golpe de leis: leis contra o aborto, leis para protexer o seu modelo de familia, leis para vulnerar as liberdades de xénero. E inda intentan vendernos rodas de muíño predicando en nome dun mesías pero esquecen aquilo de benaventurados os pobres porque deles será o reino dos ceos, porque eles a pobreza non a coñezan e cos actos que están facendo teñen mais que gañado a pulso o inferno.

Que máis queren das mulleres? A ablación?.