O mando do poder español sobre Galiza
Aproveito o balbordo deste días, logo da fervedura electoral, para reactualizar e reafirmar o meu pensamento sobre o nacionalismo. Pois, abofé, é o que máis me interesa como galego e como persoa política que son. Xa que coido preciso, afírmarme como persoa política nacionalista, galega, nestes momentos en que parece que se quere negar tal característica nas persoas. Neguémonos tamén ás características que nos fan persoas. Sen máis brincadeiras, todos exercemos a política. Sexamos coñecedores ou non da cuestión. Todos escollemos, optamos por algo.
Esta campaña valeume a min para coñecer o que senten ou deixan de sentir, máis ou menos os galegos. Para coñecer o seu comportamento. O seu estado de ánimo. Danme certas claves tamén, do que pensan os galegos e galegas e do influenciados que somos todos polos instrumentos propagandísticos que utiliza cada partido. E sobre todo o poder español, noméese económico ou político. Poder, por certo, causante da ruína dos galegos e galegas. É ese poder e non outro o que nos impide ser galegos e ser persoas con dereitos básicos. Ese poder, que xa foi feudal, monárquico, republicano, ditatorial, até onte bipartidistas e monárquico, das esquerdas e das dereitas, e mañá poderá ser multipartidista, e porque non esquerdista, mais seguira sendo español e non galego, se non lle poñemos remedio. Así que os problemas da miña nación seguirán estando de actualidade, seguirán sen resolver, e seguirán precisando forza con claro comportamento nacionalista. Forza con práctica e discursos nacionalistas, ao marxe das esquerdas e dereitas españolas. Forzas que nada teñan en común con ese poder español, representado polo poder económico e político. Só actuando ao marxe das forzas españolas, estaremos no bo camiño. E para min o bo camiño, o que necesita a sociedade galega, é comportarse como galegos, como nacionalistas. Non teño outro, non quero outro.
Un bo exemplo disto é o acto feito en Santiago, rodeando o Parlamento Galego, onde se clamaba por unha República Galega. Aquí ollei con claridade o camiño a seguir. Un camiño nacionalista, de verdade. Por certo, camiño que riscamos, por desgraza só os nacionalistas. Convenzámonos, os demais riscan outro camiño, o da forzosa unidade española. Non ver isto, é non entender no fondo o proxecto nacionalista.
Cando entenderemos, cando faremos pensar aos galegos que o verdadeiro problema desta Galiza e o mando que exerce o poder, no senso mais amplo, da España sobre Galiza.
Na miña modesta opinión, as nosas campañas, a nosa actividade social e política, servirá ao País, se ten presente sempre os argumentarios do nacionalismo. Nós, os nacionalistas, deberemos informar aos galegos do que somos e o que queremos e por que o queremos. Isto é sementar para logo recoller os froitos. Como queremos recoller froitos, se a semente está influenciada por sementes alleas? Por conceptos moitas veces vagos ao non ser tecido coa materia galega. Esa materia, nosa, única, que deberemos aprender, e que se define como historia, cultura, economía e política. Cavilemos en proclamas como exclusión social, paro, miserias, mulleres, sanidade pública, educación. Que non din? Que vivimos nunha sociedade onde as persoas non son tratadas por igual, certo. Pero serán sentidas e proclamadas, por persoas cun mínimo sentido humano, en calquer parte do mundo. Serven ditas así, sen estar maceradas coa materia galega, coa causa nacionalista? Ou pola contra, non estaremos xogando con elas, nun campo enlamado polo poder español, onde a nosa personalidade nacional perde sentido? Non estaremos colaborando, sen querer, na perda de identidade nacional ao emitir mensaxes semellantes ao que emiten os españois? Pensémolo, polo menos. Avancemos no razonamento, pensemos por un momento, nunha Galiza sen paro, sen exclusión social, con sanidade e educación pública. Alguén podería pensar, que polo tanto, xa nos sobraría ser nacionalistas? Para que ser nacionalistas se temos resolto estas demandas socias. É esa a nosa meta?
Véñenme a memoria os magníficos comportamento daqueles compañeiros que en plena ditadura, na Universidade de Santiago, erguían a voz, por primeira vez en galego, nunha asemblea de estudantes. Preguntémonos de novo, que tería que ver falar galego para combater a ditadura? Supoño que a ditadura poderíase combater falando español? Por que falar logo galego, entón. Porque esa práctica que nos deixaba sós fronte ás demais forzas políticas e económicas, fronte ás forzas españolas? Xa que todas elas se empresaban en Español.
É o momento de incrementar o noso orgullo de ser galegos, para ser nacionalistas. Mais para estar orgullosos de nós mesmos, como xa hai moitos galegos que o estamos, é necesario que os galegos e galegas, coñezan a nosa cultura, a nosa historia, os nosos problemas sociais e políticos. Aclaro, a mensaxe nacionalista non pode ser entendida, nin ser pouso de futuro, se non esté tecida, ben tecida, aos problemas históricos, culturais, políticos e socias, da Galiza. Eu non me sinto nacionalista galego, só por un problema social ou político; tampouco me sinto nacionalista, só por un problema cultural ou histórico. Son nacionalista porque xungo todas estas materias nunha suprema, a liberdade de Galiza. Así que penso que ou conxugamos todos estes aspectos, nos nosos discurso políticos ou sempre estaremos xogando nun campo vago, incerto. Que nos servirá para que os galegos tomen conciencia de ser galegos. Ser galego, para ser nacionalistas. O sabor de proclamas non aderezadas cos millóns de aromas galegos, non gustará. Nos servirá para petar na conciencias das persoas desta nosa nación.
A memoria faime lembrar esa frase que tantas veces escoitamos ou temos repetido “menos mal que nos queda Portugal”, que significado para cada un de nós isto? Como o interpretamos? Alguén pode pensar na Revolución dos Cravos, vale. Mais eu, penso no pracer que sinto ao entrar nun País onde me sinto ben, só por escoitar falar o meu idioma. E non se debe o meu aprezo ao pais veciños pola su política, nin pola súa situación social... Esta divagación sérveme para chamar atención da importancia dos nosos aspectos históricos e cultural, para a conciencia nacional dos galegos e galegas.
É hora, pero en serio, de supeditar as nosas ideoloxías colectivas ou persoas, a un valor supremo, para unha persoa que se proclame nacionalistas, que é conquistar a independencia de Galiza. É hora de evitar que os galegos e galegas sigamos a ser mercadoría política e electoral para o poder español. Só iso, mercadoría que enriquece con poder aos que prontamente nos desprezaran, e que non teñen vontade de recoñecen os nosos dereitos nacionais.